10: Certames literarios

10: Certames literarios

Bazar tivo un destacado papel no  mundo lucense da comunicación, conseguido pola convocatoria da súa serie de Certames Literarios, que espertaron inusitado interese.

O primeiro dos Certames convocouse en 1978, precisamente con motivo de cumprirse os dez anos da creación do Teleclub. Os premios entregáronse no intermedio dun recital do grupo folk Fuxan os Ventos, daquela xa o máis importante do panorama galego, que veu actuar a Bazar como colaboración á impulsión do seu Teleclub.

Este primeiro Certame Literario tiña por obxecto premiar traballos sobre o Teleclub nos seus dez anos de historia, a súa significación para a parroquia, para a comunidade, os seus logros materiais, culturais, deportivos  e  significación  moral.  Podían concorrer autores cun só artigo cada un, cun mínimo de dous folios mecanografiados e un máximo de tres, en galego ou castelán.

Os premios foron concedidos a Modesta Campo Andión polo seu artigo “Nos dez anos do Teleclub de Bazar” (1º premio, dotado con 2.000 pesetas, e placa de prata), Rosa María Varela López por “Un nuevo edificio en el ancestral paisaje” (2º premio, 1.000 pesetas, e placa), e Eulalia Rocha Fraga, de Foz, por “Un teleclub como poucos” (500 pesetas e placa).

A segunda edición do Certame convocouse en 1979, con motivo do Ano Internacional do Neno, como concurso de redacción infantil dirixido aos alumnos de E.X.B. dos Concellos da comarca natural da Terra Chá, con traballos sobre calquera tema relacionado co neno, podendo ser individuais ou colectivos, instituíndose cinco premios dotados cada un deles con 2.000 pesetas e diploma, e dous para equipos colectivos de redacción con 5.000 pesetas e diploma, cun premio dotado con diploma de honra para o colexio con participación máis destacada.

O primeiro premio foi para o traballo “Non é máis ca un neno”, de María Eugenia Rodríguez Crecente, que cursaba 7º de E.X.B. no Colexio Ramón Falcón de Castro de Rei.

A III edición do Certame Literario do Teleclub de Bazar convocouse en decembro de 1980 para premiar traballos relacionados co Concello de Castro de Rei, podendo contemplar aspectos como a historia, monumentos, xentes, romarías, festexos, actividades, industria, comercio ou agricultura, debendo ser entregados antes do dez de xaneiro de 1981, sendo mérito a publicación nun medio informativo.

O primeiro premio, dotado con 25.000 pesetas e diploma, foi para o traballo “Castro de Rei, parte das súas terras, parte das súas cousas, parte das súas xentes. Unha parella de alemáns, cuarto quilo de imaxinación”, de Xosé Manuel Carballo Ferreiro.

O segundo, dotado con 10.000 pesetas e diploma, foi para José Manuel López Andión polo traballo “Aproximación á xeografía agraria do municipio de Castro de Rei”. E o terceiro, 10.000 pesetas e diploma, para Manuel Fernández Muinelo pola obra “Viajando de Castro de Riberas de Lea a Castro de Rey”.

Concedeuse cadanseu Diploma de Honra a Rosa María Varela e José María Novo. O xurado estivo formado polo Delegado Provincial do Ministerio de Cultura, Guillermo Fernández Otero; o cronista oficial da cidade de Lugo, Xosé Trapero Pardo; o Alcalde de Castro de Rei, Emilio Sinde Nieto; o Delegado do Teleclub, José María Teijeiro, e como secretaria do xurado, a Secretaria Provincial da Delegación de Cultura, María de la Concepción Díaz López. O Certame foi patrocinado pola Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Castro de Rei.

Na entrega de premios actuou a Familia Quintana (Alejo Quintana e os seus fillos), e abriuse ao público no Centro unha exposición de artesanía en madeira de Novo Rancaño.

O IV Certame Literario do xa Centro Cultural Ignacio Rey-Stolle convocouse en decembro de 1981, sendo patrocinado de novo polo Concello de Castro de Rei e a Deputación Provincial de Lugo. Os premios estaban dotados con cincuenta mil pesetas.

Os concursantes debían presentar traballos en galego ou castelán sobre “Festas    e Feiras da Chaira luguesa”,  cun  primeiro  premio  de  25.000  pesetas  e  diploma, 10.000  pesetas  e  diploma  o  segundo  e 5.000 e diploma o terceiro. Habería tamén dous premios de 5.000 pesetas e diploma cada un para os dous mellores traballos presentados por alumnos de centros educativos do concello de Castro de Rei.

Os premios foron entregados en xuño de 1982 a: Amanda Quiroga Varela, por “Feiras e festas na Chaira” (1º premio), Antón López Galocha, por “Feiras na Terra Cha: subsiste o comercio tradicional con aspectos marxinais”, publicado o 2 de xaneiro en El Ideal Gallego (2º premio), e José María Novo Rodríguez e Rosa María Varela López (3º premio) polo traballo “Recordan os abuelos…”.

Acordouse conceder os dous restantes premios, dotados con 5.000 pesetas e diploma, a Manuel Fernández Muinelo polo traballo “Paseando por la feria de Castro”, e a Xulio Pita Muinelo, polo traballo “Ferias y fiestas de Tierra Llana”. E concedeuse cadanseu diploma, aos traballos “Festas e feiras da Chaira luguesa”, de María del Carmen Alonso Tella; “Feiras e festas desde fai unhos cincuenta anos”, de José Campo Uz; e “Mosteiro: unha feira que xa non é tal”, de Xosé López García.

O Xurado estivo formado por María de la Concepción Díaz López, Secretaria provincial en Lugo do Ministerio de Cultura, en representación do Director Provincial, como Presidente; Xosé Trapero Pardo, xornalista, escritor e académico; Emilio Sinde Nieto, Alcalde de Castro de Rei; e José María Teijeiro Regueiro, en representación do Centro Cultural convocante, como vogais, e Ricardo Pena Saavedra, da Dirección Provincial de Cultura, como Secretario.

No acto de entrega de premios fíxose entrega dunha placa á Familia Quintana, pola súa colaboración co Centro Cultural. O grupo está formado por Alejo Quintana e os seus catro fillos, e conta cun amplo repertorio de folclore galego, ademais de valses, habaneras e pasarrúas. E actuou o grupo de teatro “Néboa de abrente”, que puxo en escena a obra “O debalo dun tirán”, de Manuel Lence e Xesús Antón Fraga.

A V edición do Certame de Bazar convocouse polo Nadal de 1982, en homenaxe a dous fillos destacados da parroquia: Xosé Trapero Pardo e Manuel de Rafael. En relación con este último, que falecera recentemente, creouse un premio especial para traballos sobre “O capador de Bazar”.

O premio Bazar, dotado con 25.000 pesetas e diploma, foi para o xornalista Antón López Galocha, polo traballo “Conversas con Trapero Pardo, paseando da man de Peludez polos Cantós de Lugo”.

O segundo premio, 10.000 pesetas e diploma, concedeuse a Amanda Quiroga Veiga, de Loentia-Castro Ribeiras de Lea. E o premio Manuel de Rafael, 15.000 pesetas e diploma, foi para José María Novo Rodríguez, natural de Bazar e residente en Madrid, polo seu traballo “Manuel de Rafael: una vida dada a los demás”.

No acto da entrega de premios, xa en 1983, fíxose entrega de cadansúa placa de homenaxe, que recolleron Xosé Trapero Pardo e José de Rafael (no nome da familia do falecido Manuel de Rafael). O Director Provincial en funcións do Ministerio de Cultura (que resultaba ser o que isto escribe), entregou neste acto a Xosé Trapero Pardo unha “Placa ao Mérito Cultural”, como agradecemento á colaboración do escritor e académico con este departamento, lembrando que a iniciativa desta placa correspondeu a Guillermo Fernández Otero, na súa etapa como Director Provincial deste Ministerio en Lugo.

Trapero Pardo, ao que acompañaba a súa esposa Delia Caetano, agradeceu as distincións, e tivo palabras de agradecemento e lembranza para Guillermo Fernández Otero. José de Rafael agradeceu a homenaxe a Manuel, lembrando non só o seu labor senón tamén o de todos os que, coma el, traballaron desinteresadamente a prol dos demais.

No acto de entrega de premios actuou a Rondalla O Argadelo, do Centro Cultural, dirixida por Leandro Cancela, formada por nenos e rapaces de Bazar e Pumar, e Xosé Manuel Carballo ofreceu unha sesión de ilusionismo e humor.

Estiveron presentes o Alcalde de Castro de Rei, Sr. Rozas; o exalcalde, Sr. Sinde; homenaxeados e familiares, e arredor de 200 persoas de toda a comarca. Pechou o acto o Director do Centro, Luís Veiga, destacando o traballo dos homenaxeados.