01: 50 Anos

01: 50 Anos

Cando este traballo ve a luz, estanse celebrando en Bazar dous aniversarios ben importantes: os cincuenta anos, medio século, da creación do seu teleclub en 1968, e os cen anos –un século– da construción da sua igrexa parroquial que, aínda que no Inventario Artístico da Provincia de Lugo se sinala que foi construída en 1921, José María Novo Rodríguez informa sobre o seu proceso construtivo e razoa esta conmemoración.

A organización destes actos corre a cargo da Xunta Directiva do Centro Cultural Ignacio Rey-Stolle, coa colaboración do Concello de Castro de Rei, Deputacion Provincial de Lugo, e Fundación Blas da Ponte de Outeiro (Castro de Rei), coa entusiasta participación, como sempre aconteceu nesta parroquia, de todos os habitantes de Bazar.

Se en termos absolutos a celebración de medio século é un acontecemento moi importante, no caso que nos ocupa, unha acción humana de promoción cultural, social e comunitaria, que provocou en Bazar unha revolución social ou Renacemento, creando comunidade, debe ser celebrado interior e exteriormente como algo decisivo, imprescindible para entender a evolución parroquial nestes cincuenta anos, onde nada volverá ser igual porque unha entidade asociativa fixo posible a radical transformación dunha parroquia rural nun pobo unido con ansia de saber e de progreso.