A estas alturas do século XXI, coido que temos que explicar que foron os Teleclubs, especialmente pensando que a maioría da poboación actual descoñece o que foron e supuxeron para a sociedade española, galega e lucense, de finais dos anos sesenta e alomenos todos os anos setenta e parte dos oitenta.
Vistos á distancia de medio século hai que recoñecer que foron elementos de evolución, algúns deles revolución cultural e social, para o rural. De xeito especial para o rural galego, tan necesitado de aire fresco para ambientes tan pechados; singularmente para o rural lucense, sendo Lugo a provincia con maior número de teleclubs
(339) dos que unha meritoria minoría fixeron historia.
Os teleclubs dedicáronse a todo tipo de accións, a cal máis enxeñosa, coherentes coas necesidades da súa localidade. Os 339 teleclubs que houbo en Lugo non tiñan o mesmo nivel de actividade, nin moito menos. Pero de todos eles había, por exemplo, medio cento que tiñan actividade importante. Deles, vintecinco especialmente destacada. E logo, unha elite singular, na que Bazar estivo sempre na primeira fila.
Os telelubs comezaron por construír, moitos deles, os seus edificios sociais, afrontaron traballos de electrificación, obras comunitarias, labores de artesanía, certames literarios, conferencias, crearon planteis de extensión agraria, montaron beléns e Cabalgata de Reis… e concursos de inxertos, de condución de tractores… Tendo en conta a economía da zona rural onde estaban enclavados, os traballos relacionados coa agricultura e a gandaría gozaron de especial atención.
Nas publicacións sobre Teleclubs e dirixidas a Teleclubs facilitábanse información e pautas para a organización de actividades, debendo mencionar a información facilitada pola Asesoría de Teleclubs en decembro de 1971, indicando aos centros que actividades podían organizar polo Nadal, comezando polo Pregón, e seguindo por ornamentación do Nadal, montaxe de árbore ou belén, belén vivinte, concurso de postais de Nadal, de contos ou poesía, concurso de panxoliñas, demostración de cociña nadaleira… para rematar coa cabalgata de Reis.
Polo traballo desenvolvido, daquela os Teleclubs máis destacados da provincia de Lugo poderían ser os de Marei (Corgo), Sante (Trabada), Pígara (Guitiriz), Bretoña (A Pastoriza), Begonte e Bazar (Castro de Rei). E falo de memoria, con esa memoria que vai gardando cada vez mellor os acontecementos do pasado, que quedan impresos de xeito indeleble.
E tamén hai que destacar que o Teleclub de Bazar (desde o ano 1981, Centro Cultural), é dos poucos que hoxe quedan con vida, que a velocidade do tempo e os acontecemos sociais e culturais, a despoboación do rural, e a creación de infinidade de asociacións que foron canalizando as inquedanzas de mozos e maiores, foron deixando polo camiño aos Teleclubs, que tiveron un importante papel social no final dos anos sesenta e na década dos setenta, e logo foron adaptándose ás novas estruturas sociais ou políticas, e os que non evolucionaron foron esmorecendo ata desaparecer, tendo cumprido un importantísimo papel nunha época escura onde todo estaba por facer.
É difícil na actualidade indicar que teleclubs perviven, e cales son xa só lembranza –algúns deles, son historia– na memoria dos máis vellos. Pero quedan algúns que están perfectamente vivos porque souberon acomodarse ás necesidades das súas comunidades, e con nome máis axeitado aos tempos perviven desempeñando un singular labor.
Ocórrenseme dous nomes senlleiros para lembrar destacados teleclubs que na actualidade son entidades vivas e con presencia social. Un deles, o Teleclub de Begonte, evolucionado logo a Centro Cultural “José Domínguez Guizán” –co nome do seu principal promotor– que desde hai corenta e cinco anos impulsa o Belén Electrónico de Begonte, e o de Bazar, que daquela como Teleclub, e agora como Centro Cultural, leva o nome de “Ignacio Rey-Stolle Pedrosa”, para honrar ao seu principal valedor, destacado persoeiro vinculado a Coea e Bazar e con altos cargos na Administración nacional que tanto apoio prestou a este senlleiro centro cultural.
Nos anos setenta, formar parte dun Teleclub imprimía certo carácter. Nun tempo en que o asociacionismo case non existía, formar parte dunha asociación que nacera presuntamente contemplativa arredor dun televisor e evolucionara –moitos destes centros– a plenamente activa, daba unha forza especial a estas colectividades rurais, nun tempo no que non existían agrupacións políticas, sindicatos ou asociacionismo libre, resultando ser estas entidades adiantadas ao seu tempo e elementos de progreso nas localidades que tiñan a sorte de desfrutar do seu labor.
Unha simple placa –negro sobre branco–co nome xenérico de TELE CLUB, identificaba a estes edificios comunitarios, e os socios dispoñían dun carnet identificativo que non é que fixese falla para a actividade diaria, pero proporcionaba un status diferente e identificaba ao seu posuidor como membro de algo importante, xenuíno, de prestixio.
Os Teleclubs lucenses, moitos e moi bós, tiveron a sorte de ter un excepcional Asesor de Teleclubs, chamado Luís Cordeiro.
Da mesma maneira que un Monitor de Teleclub era ou podía ser un especial conseguidor de futuro para o seu Centro e para o seu pobo, un Asesor de Teleclubs podía ser un mago que sacaba da chisteira ou da manga pequenos milagres que redundaban en beneficio duns centros chamados a ser revolucionarios –os que conseguiron ser especiais– para as súas comunidades, como auténticos “polos de desarrollo”, por seguir a terminoloxía oficial daqueles tempos.