Para o Ministerio de Información y Turismo, os Teleclubs tiñan unha importante misión dentro do Plan Xeral de Educación en Galicia, xa que “actuan como aglutinantes y sus actividades de todo tipo obligan a la labor en equipo, tan extraña al gallego”.
Hai que pensar que estamos falando dos anos sesenta, en pleno franquismo, para comprender con que filosofía se creaban os teleclubs desde o poder central. Só así se poderá entender o que naquel tempo xa tan lonxano se publicaba desde o Ministerio sobre os teleclubs: “por encima de todo, el teleclub es un medio de difusión de la cultura, a través de la televisión, de las bibliotecas que proporciona y de las actividades culturales que organiza. En este aspecto, hay que tener en cuenta que la labor de educación en Galicia ha estado muy dificultada por el idioma. En muchas aldeas del interior, el campesino no entiende en absoluto el castellano y la simple elección de un maestro o párroco puede convertirse en un grave problema.
El idioma gallego, tan bello, tan expresivo y rico en matices, tan complejo y dulce, merece ser conservado como algo precioso, pero el conocimiento del castellano es imprescindible para que la labor educativa sea completamente eficaz. Para esto, la televisión es inapreciable porque, insensiblemente, el oído se habitúa al castellano y su utilización se hace fácil, su comprensión segura”.
Aínda que a intención inicial non fose dotar ao país de asociacións vivas en tempos no que o asociacionismo non existía, o certo é que –con todos os condicionamentos económicos, sociais ou políticos– os teleclubs que funcionaron a pleno rendemento provocaron revolucións locais ostensibles, e en Bazar temos un dos mellores exemplos nas terras lucenses, como o lector deste libro poderá apreciar de xeito evidente.
O 16 de agosto de 1972 estivo en Galicia o Ministro de Información y Turismo, Alfredo Sánchez Bella, para entregar premios a diversos teleclubs galegos, e ao seguinte día tanto El Ideal Gallego como Faro de Vigo coincidían en titular “La etapa de la Galicia subdesarrollada está llegando a su fin”.
Sánchez Bella proclamou que eses días que estaba por Galicia vira unha rexión en marcha, “que camina hacia la superación de una etapa de subdesarrollo”, sinalando o labor “de colmena de formar a los hombres”, referíndose aos 4.300 teleclubs existentes en España que agruparon a preto de 900.000 asociados. “Si acertamos a formar bien a estos hombres –afirmou o Ministro– encontraremos ahí a los cuadros que el campo español necesita para terminar con tantos años de rutina”, concluíndo que o fin primordial dos teleclubs debe ser a adaptación do medio rural a esta sociedade en continua evolución na que estamos a vivir.
No libro “Fume de pallas”, publicado por Luís Cordeiro en 2004, recompilando numerosos artigos que viran a luz na prensa escrita, lembraba que “Aló polos anos setenta, andaba eu ocupado co meu traballo de asesor dos teleclubs, e certamente engaiolado coa miña tarefa. Viña de cesar como Ministro don Manuel Fraga, que argallara o invento, sendo substituído polo señor Sánchez Bella.
Este, que era un bárbaro (no sentido, cando menos, de estranxeiro, pois gran parte da súa actividade tíñase desenvolto na República Dominicana e en Italia), tiña un xeito moi trujillano de face-las cousas. Por exemplo, cando lle levaron a primeira estatística da evolución do turismo: –ministro, tivemos un incremento do tres por cento sobre igual mes do ano anterior, respondeu, sen cortarse un pelo: –iso é unha burrada; non discutan, e poñan o quince por cento. …/… o ministro tiña unha auténtica obsesión por controla-la oposición (subversión), pola vía da cultura, e para iso argallou os teleclubs urbanos, elixindo, para a experiencia, nada menos que un barrio de Madrid.
Contóunolo o señor Subsecretario, e démoslle a nosa opinión: nin esa era a misión dos teleclubs, nin iba a conseguir outra cousa que non fose que caesen, xustamente, nas mans da chamada subversión. Así sucedeu, e ós catro días tivo que pecha-lo telderete.
Pelexabamos co Subsecretario intentando facerlle ver a burrada (con perdón) do Ministro, pero resolveu a discusión dicindo que non había nada que facer, que xa sabiamos como era o señor Sánchez Bella cando tomaba unha decisión… e dirixíndose a min, que debía de ser o máis liorteiro, deume un consello; non malgastes o teu tempo en loitar por imposibles; aplica o teu esforzo a prol do que sexa realizable”.
Tiña Xosé Manuel Carballo, de amplísima relación cos Teleclubs nos que desenvolveu un moi importante labor, a teima de que estes centros foran como un ensaio ou paso previo á democratización da sociedade española, como preparación para a inevitable transición que tiña que chegar. E o certo é que en moitos teleclubs a transición adiantouse –Bazar é un exemplo senlleiro– dando pasos xigantescos cara ao progreso, ao diálogo, ao coñecemento e á vida en común.
No libro mencionado, sinalando a Xosé Manuel Carballo, recolle Cordeiro un feito que evidencia como os teleclubs, por activa ou por pasiva, foron elementos de apertura e avance social: “Sen saber eu nada, nun Teleclub da zona, non sei se por iniciativa de Xosé Manuel, houbo unha xuntanza de veciños para debater sobre temas agrarios, presidida ou moderada por un membro do clandestino e perseguido Partido Comunista. Eu non me tiña enterado, pero o Gobernador, informado pola Garda Civil, chamoume a capítulo, como sucedía unha ou dúas veces ao mes. Nada máis atravesar aquel longo despacho e chegar á súa mesa, iniciouse a rifa, máis ou menos nestes termos:
Tengo un informe de la Guardia Civil de que en el teleclub de… ha habido una reunión clandestina de labradores, presidida por una persona desconocida. ¿De qué coño te enteras?…
Eu era máis novo e aquel día estaba lúcido (agora seica o rei do mambo recomenda que me retire por vello; eu penso que por incómodo) e saíume unha resposta que deu por válida: Naturalmente, señor Gobernador; la persona desconocida que presidía el acto era yo.
A disputa paseilla a Xosé Manuel, e quedamos en que cando fixesen outras reunións clandestinas me puxesen en antecedentes para preparar a resposta a tempo.
E Carballo, nunha conferencia en Barcelona (menciona Luís), dixo dos Teleclubs: "Ao mesmo tempo, entendo que serviron de lugares de reunión dos veciños nos que se ían tomando acordos organizativos en tempos nos que calquera reunión de máis de cinco podía ser cualificada como ilegal. Tamén é verdade que non estaban de todo exentos do control da Garda Civil, que de vez en cando se deixaba caer, polo menos por algún deles. Luís Cordeiro, que fora Asesor provincial de Teleclubs, con apertura de miras, deixa detrás de si un traballo neste campo que aínda non foi valorado como merece, para o que quixo contar cos cregos máis dinámicos, defendendo en máis dunha ocasión a algúns de acusacións de filocomunistas ou de demasiado galeguistas”.
Ao respecto, lembremos o que publicaba en El Progreso en 1984 o xornalista Elías Ferreiro, sobre un feito ocorrido no Teleclub de Bazar, “aquel 3 de septiembre de 1976, en el que la fuerza pública retuvo a la junta directiva y a un grupo de labriegos de la zona que asistían a la presentación de la Asociación Agraria Gallega por José Luis Ledo Andión. El asunto se saldó con la puesta en libertad, después de cuarenta minutos, de los asistentes, la detención durante unas horas de Ledo Andión, y unas cartas de protesta dirigidas por el Centro a los medios de comunicación”.
Quede constancia aquí do traballo intenso e continuado dun e doutro –Luís Cordeiro, como asesor provincial primeiro e galego despois, e Xosé Manuel Carballo como activista cultural– agora que xa non están fisicamente entre nós, nun lugar como Bazar, obxecto directo das súas accións e das súas querenzas, no que tanto interese e entusiasmo demostraron, e tantos froitos colleitaron para beneficiarnos a todos.
Galicia chegou a ter 855 Teleclubs, sendo a provincia de Lugo a de maior concentración destes centros cun total de 339, seguida de Ourense con 197, A Coruña con 168 e Pontevedra con 151.
A Fundación Barrié de la Maza, chamada así en memoria do financeiro Pedro Barrié de la Maza, vinculada ao Banco Pastor, implicouse totalmente cos teleclubs de Galicia, e así en 1968 –precisamente o ano en que nacía o de Bazar– acordou destinar en catro anos (posteriormente o convenio sería renovado) a suma de 10.000.000 pesetas (entonces era un moi importante investimento) na Rede de Teleclubs de Galicia, a razón de dous millóns e medio anuais.
A Fundación crearía cada ano sete Teleclubs en cada unha das provincias galegas, que estarían dotados con biblioteca, equipos audiovisuais e canto mobiliario e acondicionamento fosen necesarios para facelos cómodos e atraíntes.
Concederíanse catro premios anuais, un por provincia, dotados cada un con 50.000 pts., aos Teleclubs que máis se distinguisen nos aspectos social, cultural, recreativo e de organización, investíndose este premio necesariamente no melloramento dos centros.
E cada ano se concedería un premio de 100.000 pesetas ao que se considerase como mellor teleclub de Galicia, sendo o premio compatible cos anteriores, e co mesmo fin.
Foi moi importante que en 1981 a Fundación Barrié de la Maza concedese o seu premio galego ao Teleclub de Bazar. A dotación de 100.000 pesetas destinábase ao funcionamento do centro, sendo aplicada directamente á financiación da construción do magnífico local social, no seu tempo verdadeiramente emblemático e senlleiro, exemplo para toda a provincia de Lugo.