Para Bazar todo empezou o 12 de xuño de 1968, cando nun acto celebrado no Goberno Civil da provincia os representantes do teleclub que nacía recibiron a documentación correspondente á creación do seu Centro. Presidiu o acto o Gobernador Civil da provincia, Eduardo del Río Iglesias, acompañado do Delegado Provincial de Información y Turismo, Alfredo Sánchez Carro.
Creábanse un total de vinte novos Teleclubs na provincia de Lugo: Barreiros, no concello de Castroverde; Bazar (Castro de Rei), Boimente (Viveiro), Carballido (A Fonsagrada), Donís (Cervantes), Centeais (Quiroga), Devesa (Friol), Entrambasaguas (Guntín), Ferreirós (Folgoso do Caurel), Figueiras (Mondoñedo), Gondulfe (Taboada), Lea (Friol), Montouto (Abadín), Navallo (A Pontenova), Negradas (O Vicedo), San Vicente de Reigosa (A Pastoriza), San Bernabé (Baleira), Ballo (Navia de Suarna), Viladonga (Castro de Rei) e Vilarpandín (Navia de Suarna).
Despois da entrega oficial da documentación, os monitores dos novos Teleclubs –entre eles, Luís Veiga Veiga, de Bazar– recolleron na Delegación Provincial de Información y Turismo o correspondente televisor e un lote de cen libros como fondo inicial para a biblioteca do Centro.
Fálase do segundo semestre de 1967 como punto de partida do Teleclub de Bazar, O comezo da nosa historia. El Progreso, 13 de xuño de 1968 e non cabe dúbida de que as dúas datas teñen a súa razón de ser, porque o proceso de creación dunha entidade como esta ten que ser necesariamente longo, desde a idea inicial ata a consecución do obxectivo; desde o momento en que se decide facer algo para conseguir un fin ata que ese fin está conseguido. E non cabe dúbida desde que o tema se formula, se xuntan os veciños, razonan o que se quere lograr, se formulan as peticións… ata o momento en que unha decisión oficial crea a institución que se pretende conseguir, pasa un tempo valioso que conta a favor do pobo e ten que formar parte da historia pequena do grande logro. E a celebración dos cincuenta anos do Teleclub de Bazar puido facerse no segundo semestre de 2017, ou en xuño de 2018, porque o verdadeiramente interesante é lembrar un tempo no que todo foi posible –fíxose posible– e medio século despois estar en disposición de lembralo, recoñecelo, festexalo, e seguir camiñando por este especial camiño de progreso.