Na Gran Enciclopedia Gallega infórmase de que a parroquia de San Pedro de Bazar corresponde ao Concello de Castro de Rei, arciprestado de Azúmara e diocese de Mondoñedo-O Ferrol. Tiña 462 habitantes nos anos setenta e 371 nos noventa, distribuídos nas entidades de poboación Aspera, Bardián, Cainzada, Canto, Carral de Vilar, Folqueira, Fontes, Granda, Grandela, Guntín, Montillón, Mudia, Oroxe, Pacio, Pena, Penelas, Pumas, Ribapena, Veiga e Veiga da Acea.
Situada ao norte-noroeste do territorio do Concello, ten límites coas parroquias de Muimenta, Roás, Momán, Xustás e Bexán, do Concello de Cospeito, e as de Outeiro, Santa Locaia e Quintela, de Castro de Rei. E está unida a O Salvador de Coea, que daquela tiña 67 habitantes nos núcleos de Acea, Ardiz, Coea e Mesón. Algúns autores opinan que en Coea puido nacer Teodosio, emperador de Roma e recentes achádegos evidencian presencia romana nestas terras.
Segundo o Inventario do Patrimono Histórico-Artístico do Concello de Castro de Rei, na parroquia de Bazar existen varios elementos inscritos nese Inventario comezando pola igrexa parroquial, capelas de Oroxe e da Granda, Agro do Castro (asentamento castrexo), a Fonte de San Pedro, e en arquitectura civil, o Pazo de Aguiar e a Casa do Pacio.
Nicanor Rielo Carballo (seguimos o Inventario mencionado) investigou a monumentalidade da parroquia, sinalando que Bazar pertenceu á antiga xurisdición de Castro de Rei, e eclesiasticamente dependía do arcediagado ou vigairía de Azúmara. En tempos antigos, o mosteiro de bernardos de Meira cobraba aquí as súas rendas, e exercía determinados dereitos. A presentación do beneficio eclesiástico correspondía ás casas solaregas de Sabarei, Reximil, Mondrid e Ancado. Atravésaa o Miño e xunto ao lugar de Aldea desemboca o río Azúmara, formando entre os dous unha extensa veiga na que predomina o cultivo de productos hortícolas e os prados.
A igrexa parroquial, levantada no solar da igrexa anterior, data do ano 1921. Ten planta de cruz latina con sacristías nos ángulos da cabeceira. Muros de pedra e cal, teitume de madeira e tellado de pizarra.
A Casa da Granda é un amplo edificio do s. XIX, cun típico hórreo de madeira, dos poucos que quedan xa pola comarca.
Da Casa do Pacio, o edificio que se conserva figura ter sido unha antiga torre. É de planta case cuadrada, ten portas de arco circular adovelado, unha na planta baixa e outra no primeiro piso ao que se accedía por escaleiras exteriores que actualmente xa non se conservan. A pedra de armas é case de forma cadrada –1,05 x 1,00– e ofrece emblemas tales como o M e o O con coroa dos Montenegro, unha árbore, unha águia explaiada e coroada, un lebrel subinte, outro motivo non claro, e barras e peixes sobre ondas. No lintel dunha porta interior gravouse un lobo que parece levar unha presa na boca. Mide o escudete 0,30 m. de alto por 0,15 m. de ancho. Parece de época medieval.
Do Pazo de Aguiar, a casa apenas conserva vestixios do seu pasado esplendor. Unicamente unha pedra de armas –1,00 x 0,80– cos emblemas mesturados ademais do helmo volto á sinistra, un castelo de dúas plantas e tres homenaxes, barras e peixes sobre ondas e un cuadrúpedo que parece levar unha presa nas fauces.