Conscientes da necesidade de ver e ser vistos, de dar a coñecer o que facía cada Teleclub e saber o que facían os demais, desde a Asesoría Provincial de Teleclubs comezamos a publicar semanalmente en El Progreso unha páxina sobre as actividades e a realidade dos teleclubs da provincia de Lugo, e participábamos en publicacións noutros medios, informando do que acontecía na provincia de Lugo.
A primeira das seccións TELECLUB en El Progreso (eran catro columnas das oito do xornal) publicouse o 24 de outubro de 1971. Eu levaba sete anos traballando no Ministerio de Información y Turismo, case catro anos en Radio Popular de Lugo e tres na delegación de Lugo de El Ideal Gallego, no especial pluriemprego que o tempo esixía e permitía. E o meu traballo nos Teleclubs encadrábase na actividade funcionarial, superando con moito o meu nivel administrativo. Pero a realidade mandaba. Así que o meu labor administrativo orientouse cara ao xornalismo, así como a unha estraña actividade de promoción cultural innominada e non pretendida polo Ministerio, en contacto directo con estas asociacións, especialmente con aquelas que tiñan decidido emprender un camiño de progreso cultural e social.
Definitivo foi para esta dedicación a amizade con Luís Cordeiro Rodríguez, Asesor Provincial de Teleclubs primeiro, Asesor Galego despois, que tiña unha grandísima capacidade de traballo, unha especial formación como avogado e mestre, membro dun daquela especial corpo de Directores de Centros Educativos, e que desenvolveu unha singular actividade de potenciación dos Teleclubs lucenses primeiro, e dos galegos despois.
Grazas a isto, eu sempre fun un moi raro funcionario do Estado primeiro, da Xunta despois, que gocei dun especial status porque me dedicaba a cousas moi raras. Cousas raras daquela no Ministerio de Información y Turismo eran o apoio, organización, colaboración… de actividades culturais. A iso dediqueime desde aqueles especiais anos nos que empezaron os Teleclubs, e van xa máis de cincuenta anos desde que descubrin a miña vocación cultural, informativa, e toda a área imprecisa que rodea este mundo etéreo, fermoso e entrañable.
A primeira páxina que El Progreso dedicou aos teleclubs, que lle mandabamos feita desde a Delegación Provincial de Información e Turismo, abríase coa información de que en Chantada e Sarria o Teleclub de Mariz representara “Non chores, Sabeliña”, de Trapero Pardo. Publicábase unha salutación do Subdirector General-Secretario de la J.C.I.T.E. (Junta Central de Información, Turismo y Educación Popular), que gobernaba o tema dos Teleclubs españois, congratulándose de que os Teleclubs dispuxesen dunha sección neste xornal para “una mayor y mejor comunicación entre ellos, colaborar con ideas y realizaciones, y relacionarse con los lectores de El Progreso”. E enviaba a “seguridad de mi más firme apoyo y la más cordial simpatía por el éxito de vuestro esfuerzo en la tarea común que tenemos emprendida de proporcionar a las gentes de nuestra tierra las mejores oportunidades para formar conscientes ciudadanos en una nueva Galicia arraigada en las tradiciones de siempre y con la ventana abierta a todas las mejoras culturales, técnicas y sociales que permitan una vida mejor, utilizando para ello todos los medios que nos proporciona el sentirnos dentro de la Red Nacional de Teleclubs”.
Nesta sección semanal difundíronse todo tipo de actividades culturais, deportivas e sociais incidindo, primeiro timidamente e logo con toda a forza, nun mundo descoñecido, no que iamos abrindo portas e descubriamos frescor, entusiasmo, traballo e luz.
Capítulo especial eran as excursións e viaxes culturais que os Teleclubs organizaban e constituían especiais descubrimentos para o noso rural. A través desta sección en El Progreso dábanse novas do que acontecía nos Teleclubs e na contorna, entrevistando a persoas relacionadas coa provincia, cos concellos, co rural, así como a monitores e socios destacados dos máis activos Teleclubs.
Os monitores eran unhas persoas especiais por capacidade de traballo, de formación, de iniciativa, de entusiasmo. Os monitores eran designados entre persoas de especial formación, e papel social: Eran cregos, mestres, avogados… e tamén persoas do común, con especial sensibilidade, dedicados ás actividades agrarias, funcionarios, traballadores en xeral. E, daquela, a comezos do ano 1968, coñecín a Luís de Bazar.
Chámabase e chámase Luís Veiga Veiga, pero para Cordeiro, para min, para os medios informativos e para toda a Rede de Teleclubs da provincia foi sempre LUÍS DE BAZAR, conseguindo esta singular denominación que consiste en asignarlle ao nome propio, como apelido, o xentilicio da súa parroquia.
Na miña casa, LUÍS DE BAZAR é amigo desde hai medio século, e do mesmo xeito que conserva o ánimo, actividade e presenza física dun rapaz novo, tamen a nosa relación é tan fresca como se nos descubrísemos mutuamente hai un ano.
En 1972, El Ideal Gallego xa publicaba tamén unha páxina semanal, na que participabamos desde Lugo co espazo posible, case sempre “dominando” a información daquela chamada “regional”. De feito, a sección TELECLUB tiña como subtítulo o de “Página informativa de la Red Regional de Teleclubs”. Coordinaba a sección Pedro Sanz Sánchez, Asesor de Teleclubs na provincia de A Coruña, compañeiro de redacción de El Ideal Gallego, el na delegación de Ferrol, eu na de Lugo.
Unha etapa máis – un extraordinario avance– na información sobre a vida e o labor dos Teleclubs lucenses foi a aparición da revista mensual TELECLUB GALICIA (o número 1 aparece en agosto de 1972), como “Boletín informativo de la Red de Teleclubs”), que facíamos desde Lugo – xa que en Lugo estaba o Asesor Rexional– para distribuír a todos os Teleclubs galegos. O primeiro número, na portada, levaba un editorial asinado polo Subdirector General-Secretario General de la J.C.I.T.E., Fernando Gil Nieto, que asegura que os Teleclubs galegos que xa mostraron a súa maioría de idade “haciéndose acreedores a múltiples premios nacionales, e incluso a la negociación, firma y renovación del convenio entre el Ministerio de Información y Turismo y la Fundación Barrié de la Maza, piden ahora su órgano de expresión propio de ámbito regional”.
Continuaba indicando que “Es sintomático que el primer Boletín Regional de la Red Nacional de Teleclubs surja respondiendo a datos reales de vinculación y problemática de la región gallega. Porque si toda la actividad de los Teleclubs tiene como clave la medida del hombre, el carácter, la idiosincrasia y las tradiciones populares y sociales del gallego, marcan de modo irrepetible la temática cultural, social y popular de esta tierra. De la tierra donde la parroquia toma un nuevo y peculiar sentido, donde la nostalgia se ha convertido en morriña, y donde es necesario acostumbrarse a hacer las cosas “amodiño”, que es un “comme il faut” para andar por la vida”.
Felicita aos Teleclubes galegos por ter xa a súa propia voz, “con la que contar a los demás sus experiencias y logros, donde aprender con la experiencia de los demás, y con la que les llegarán las nuevas técnicas del desarrollo cultural y comunitario”. Finaliza desexando que este Boletín sexa “un hito más en la ya larga y plena historia de los Teleclubs gallegos”.
O novo boletín atopaba ao Teleclub de Bazar con xa catro anos de existencia, sendo un centro cultural de moi importante actividade e de prestixio na sociedade lucense, e este mesmo boletín acollería nas súas páxinas en múltiples ocasións as máis destacadas das súas actividades.
As páxinas centrais desta publicación destinábanse a reportaxes sobre as actividades dos mellores teleclubs de Galicia. En xuño de 1973, no número 11 desta publicación, o mellor teleclub de Galicia foi o de Bazar (Castro de Rei), con titular na portada e reportaxe a doble páxina nas páxinas centrais, no que se destaca ao Teleclub de Bazar como “verdaderamente preocupado por la cultura”, subliñando que “el teleclub es lugar de cita social con la comarca”, e anunciando que “va a construir un nuevo local social acorde con las actuales necesidades”. E as fotos, ademais da de Luís Veiga Veiga, Monitor do teleclub, reflectían tres importantes aspectos das actividades desenvolvidas en Bazar: Conferencia, equipo de fúbol e unha excursión.
Na reportaxe indícase que o Teleclub naceu en outubro de 1967, o que sen dúbida corresponde á iniciativa de promovelo, porque a entrega foi en xuño do ano seguinte. E califícase ao centro de “modesto, humilde, que llevó el nombre de aquel núcleo, y que llegaría a ser parte importante de la vida del mismo”, mencionando a Luís Veiga, con toda xustiza, como “alma mater” do Centro, ao que acompañaban “un grupo de jóvenes animosos” na xunta directiva, e destacando a complexa actividade desenvolvida polo centro nos seus cinco primeiros anos de vida, en actividades culturales, formativas, de artesanía ou deportivas.
En agosto de 1973 publicouse un número especial da revista Teleclub Galicia, con portada a toda cor, onde aparece varias veces mencionado o Teleclub de Bazar polas súas actividades. Menciónase con motivo da celebración de cursos de Promoción Profesional Obrera (PPO); pola actividade dos Planteles de Extensión Agraria, que o colocan en primeiro lugar dos máis distinguidos que funcionan en Galicia para a formación cultural e profesional dos rapaces. Menciónase, asimesmo, polas actividades deportivas desenvolvidas, e por ter instalacións deportivas propias (campo de fútbol), destácanse os premios de fotografía conseguidos no Certame Nacional da JCITE, e inclúese a foto do monitor, Luís Veiga, no grupo dos que se destacan, como homenaxe a todos os que desempeñan este importante cargo nos Teleclubs de Galicia.
Por fin, en 1979, a revista Teleclub Galicia publica un amplo resume das actividades realizadas en Bazar durante os últimos anos, deixando moi claro o nivel –cantidade e calidade– alcanzado por esta agrupación da Terra Chá.