Pescudando nas lembranzas do pasado, comprobo que se publicaron un total de oito números do voceiro do Teleclub, titulado “Onte, hoxe, mañá”, que eu recibía puntualmente na Delegación Provincial do Ministerio, da man do monitor do Teleclub, e no que teño colaborado.
Poucos eran os Teleclubs que conseguían dispoñer dunha voz propia, conformándose a inmensa maioría con dar a coñecer as súas actividades a través das canles que a Rede Nacional de Teleclubs e a Asesoría en Lugo poñía ao seu dispor. Pois Bazar, que protagonizou ben veces a actualidade dos Teleclubs de Lugo e de Galicia, quixo ter o seu boletín, que bautizou cun nome que simbolizaba á perfección a perspectiva vital dun centro que vivía o presente, sen esquecer o pasado pero pensando no mañá.
“Onte, hoxe, mañá”, así, en chairego, titulábase a revista do Centro Cultural de Bazar. “Mañá”, como se di na Terra Chá. Pero lembremos que aquí o idioma oficial é o “Chairego”, do que hai anos non tiñamos conciencia, ao entender que era o xeito de falar galego que tiñamos na Terra Chá, sen entender que era un idioma que podía ter vida propia.
Tivo que vir Paco Martín, que naceu en Lugo, foi mestre ben lembrado en Bretoña, e ten o título de Chairego de Honra concedido pola Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Chá, quen na súa obra “Das cousas de Ramón Lamote” presenta ao protagonista como “Profesor de Chairego”. Pois iso, o título, necesariamente, estaba en idioma chairego, o noso.
Andando o tempo, este boletín tería o numero de Depósito Legal 161/81 de publicacións periódicas. Dos outros números publicados que atopamos, catro consérvaos o Teleclub, eu gardo dous, e un atopámolo na Biblioteca Provincial de Lugo.
O segundo número publicouse en 1974 e o terceiro en 1975. Logo houbo un baleiro ata 1979, ano no que se publicou o número 4. O cinco, en 1980, o seis en xaneiro de 1982, o 7 en 1984, e o 8 en 1985.
No Nadal de 1981 Luís Veiga sinalou nunhas declaracións a El Progreso, previamente á publicación do número 6, que os gastos da edición de cada número do boletín viñan ser de 15.000 pesetas, aclarando que o mecanografiado, debuxos ou encabezamentos, así como todas as colaboracións que se recibían, eran obra duns cantos socios que colaboraban desinteresadamente.
NADAL DO 1974
Aínda que o número dous da publicación “Onte, hoxe, mañá” leva data de xaneiro de 1975, inclúese neste ano xa que á actividade desenvolvida neste ano se refire, e foi publicado con motivo das festas do Nadal.
Confeccionárono José Luís Barja, Manuel Galego, Oscar Novo e Javier Castro, sendo os debuxos de Ángel Lamas. Dirixido por Luís Veiga, nel escriben José María Novo, Francisco Puente, Carlos Campo, Raúl Andión, José Antonio Campo, José Campo, Ángel Lamas e o propio Luís Veiga.
No Editorial chámase á cooperación, a servir porque –conclúe– “vales lo que valen tus obras”. Publícase unha Carta Aberta sobre o Concilio Galego, fálase do Plantel de Extensión Agraria… hai rincón poético, pasatempos e humor…e péchase coa crónica deportiva e unhas “Píldoras” para facer pensar.
NADAL DO 1975
O número 3 de “Onte, hoxe, mañá” publícase en decembro de 1975, encargándose da confección José Antonio Otero. No Editorial, Francisco Puente Guerra, tras diversas consideracións sobre a nosa relixiosidade, desexa que “la Navidad penetre interiormente nuestro corazón y nos transforme para ser testigos de la alegría cristiana”.
Luís Veiga, en “Teleclub Informa”, analiza as realizacións do Teleclub, destacando o local social, campo de fútbol, pista polideportiva, curso de tractoristas, premios nacionais… e pide que o novo ano sexa frutífero “para nuestro Teleclub y con él para toda la comunidad”.
José María Novo, en “Nosotros Mismos”, expresa satisfacción porque “los colores y sonidos de las grandes ciudades no nos atraen como antes”, afirmando que “si dejáramos lo individual para unirnos al colectivo, si dejáramos nuestros egocentrismos, para unirnos a los demás, pronto tendríamos la grata solución que precisamente recaería sobre nosotros mismos”.
Ángel Lamas ten ao seu cargo o rincón poético e de humor. E José María Teijeiro, en “Píldoras”, da uns toques de atención sobre temas de actualidade. Modesta Campo Andión aporta unhas receitas de repostería, e Carlos Campo Andión fai historia do club de fútbol O-3 Bazar Fútbol Club.
NADAL DE 1979
Como o Boletín do Teleclub chegaba co Nadal, houbo que agardar ata decembro de 1979 para que aparecese o cuarto número. Leva na portada o escudo do Centro deseñado anos antes por Anxo Lamas, que tamén se encarga dos Pasatempos.
No Editorial de Rosa María Varela López, invítase ao lector a descubrir o secreto que encerra “este pequeno cacho de terra”, indicando que o que follee estas páxinas acabará sabéndoo.
Luís Veiga resume a actividade dos once anos que leva funcionando o Teleclub, tanto en obras –comezando pola da propia sede do Teleclub, campo de fútbol e pista polideportiva– como de actividades culturais e deportivas, agradecendo a entidades, medios informativos e socios a colaboración para que todas estas actividades fosen posibles.
Rosa María Varela e José María Novo, en “Tema a debate” analizan a actualidade social, política, educativa, económica… invitando a que se opine, e sobre todo, a pensar sobre eses temas, con preguntas e respostas como resultado da enquisa sobre eses temas. A páxina política “Todo sigue igual”, correu a cargo de José María Novo, propoñendo “menos verbas e máis traballo”. Sobre “O Neno rural” escribe José Manuel López Andión, con motivo do Ano Internacional do Neno, rendendo unha homenaxe a “o neno rural, ese gran olvidado e máis descoñecido”.
Rosa María Varela fai “preguntas con resposta”, en tono de humor, sobre os labregos. Publícase o traballo de María Eugenia Rodríguez Crecente, que lle deparou o primeiro premio do Certame de Narración Infantil, e José María Novo Rodríguez publica o traballo “Entusiastas del deporte”, agradecendo a todos os que fan posible a brillantez deportiva do Teleclub de Bazar.
1981
Teleclub Galicia, no seu número correspondente a abril-maio de 1981, comenta a aparición dun novo número da revista “Onte, hoxe, mañá”, de Bazar, indicando que o Teleclub de Bazar recentemente se tiña transformado en Centro Cultural. O Boletín, xa que logo, tiña que ter sido publicado no Nadal 1980-1981.
Neste boletín colaboran Luís Veiga, Xosé Manuel Carballo, Jose María Novo Rodríguez, Rosa María Varela, Xulio Xiz, un socio do Teleclub, e o equipo de redacción da revista.
XANEIRO DE 1982
O número seis da revista publicouse en xaneiro de 1982. Tiña 14 páxinas, escritas por Trapero Pardo, Consuelo Montouto, Luís Veiga, José Campo, José María Novo, Pedro Vila, José Manuel López, Carlos Campo, e o que isto escribe. Incluía, así mesmo, información facilitada polo Servicio de Extensión Agraria de Meira sobre as axudas que se concedían ao campo, das que podían beneficiarse os agricultores e gandeiros da comarca.
Trapero Pardo escribía sobre a etimoloxía de Bazar no comentario “Se queres moza fermosa…”, Consuelo Montouto escribía sobre a educación dos rapaces; en “Cara a diante”, Luís Veiga lembra a perda de Cecilia e Carlos, e fala de confusionismo nalgúns socios, avogando pola concentración parcelaria, e animando a seguir cara adiante con optimismo.
Sobre o tema da concentración parcelaria tamén escribia José Campo Uz, analizando a situación e aconsellando a aceptación do progreso. En “Con nosotros”, José María Novo Rodríguez lamenta ter que despedir a Carlos e Cecilia, afirmando que estarían “Sempre con nós”. Pedro Vila Arias, nun poema, láiase da emigración da xente moza. José Manuel López Andión, co título ”Que pode esperar o campo dos novos parlamentarios”, fala de que, diante do desinterese, non se agarda máis que un cambio de actitude. O Servicio de Extensión Agraria de Meira informa sobre a financiación do campo, e Carlos Campo Andión, en “Álbum Deportivo” fai reseña da actualidade dos deportes en Bazar.
1983
Luís Veiga, Monitor do Teleclub, facía en “Onte, hoxe, mañá”, publicado a comezos do ano, resumo de actividades recentes, entre as que destacaba a creación do grupo de teatro A Roga, dirixido por Xosé Manuel Carballo, así como a aparición da rondalla “O Argadelo”. Fala da sexta edición do Certame Literario, que na súa recente edición constituirá unha homenaxe a dous homes de Castro de Rei: o exdirectivo que falecera recentemente, Manuel de Rafael, e o escritor, cronista oficial da cidade de Lugo, Xosé Trapero Pardo.
Mencionaba unha excursión a La Rioja, e a realización de obras de mellora e acondicionamento do Centro Cultural, cun investimento de cincocentas mil pesetas, para o que se conseguiron axudas da Deputación Provincial de Lugo, Concello de Castro de Rei e Ministerio de Cultura, tendo pechado as contas de 1983 cun saldo favorable de 1.567 pesetas.
1984
O número 7 sairía en marzo de 1984, con traballos titulados “Bazar… adiante” do que isto escribe; “Agora… Bazar”, de José María Novo; “A parroquia por dentro”, de Xosé Campo Uz, que conclúe que “a parroquia por dentro será mellor cando esteñamos traballando para mellorala, TI e máis EU”; “Muimenta City” por Elías Ferreiro, sobre a “Sala” ou “Algunhas cousas que deberamos facer” por Xosé María Teijeiro, sobre a concentración parcelaria. Rosa Varela fala sobre o “Tétanos”, ou “A parroquia por dentro”, así como o comentario “Seguiremos”, de Luís Veiga, que comentaba que os últimos meses foron a mellor época deste Centro Cultural.
Na portada, fotografía da homenaxe rendida a Xosé Trapero Pardo e Manuel de Rafael no salón de actos do Centro Cultural, aos que se lles dedicou a VI edición do Certame Literario.
1985, DERRADEIRO NÚMERO
En decembro viu a luz o número oito do voceiro do Centro cultural de Bazar, “Onte, hoxe, mañá”. As ilustracións, debuxos, e mesmo humor, son de Anxo Lamas, que neste libro aparece indistintamente como Ángel ou Anxo, tendo en conta que na súa parroquia de Bazar sempre foi Ángel, pero para todo o resto do mundo é coñecido (e recoñecido) polo seu nome artístico de Anxo Lamas.
No Editorial, asinado por José Manuel López Andión, faise fincapé en que o Boletín non é só para os socios, senón para todos, xa que pretende dar a coñecer os moitos problemas de Bazar –como calquera outra parroquia rural–, pedindo suxestións e comentarios.
Carlos Anllo Canto analiza a situación de Bazar en canto a poboación, maquinaria agrícola, gando, cultivos… concluíndo que hai “unhas boas raíces para poder desenvolverse e saír da marxinación, sempre e cando nos esforcemos en modernizarnos e deixemos aparte os egoísmos particulares e as rencillas veciñais”. Rosa María Varela entrevista a Xosé Manuel Teixeiro Sanxurxo, veterinario encargado da campaña oficial de saneamento de Castro de Rei. Menciónase a excursión feita de Bazar a Sevilla-Ceuta-Málaga-Granada, e indícase para o ano seguinte a prevista a Valencia-Mallorca.