08: Deporte en Bazar

08: Deporte en Bazar

O deporte activo foi prioritario para as xentes de Bazar, polo impulso que se lle deu desde o Teleclub, tendo a parroquia unha actividade extraordinaria, especialmente no fútbol pero sen esquecer outros deportes especialmente o tenis, pola influencia da familia Rey-Stolle, significada sempre no apoio a este centro cultural e ás súas actividades.

Xa en 1968 nace o equipo de fútbol do Teleclub de Bazar, facendo o seu debut contra o Atlético de Ramil, ao que venceu por 4 goles a 0, conseguindo o primeiro Trofeo Teleclub de Bazar. Destacou o xogador Rojo, que conseguiu tres dos catro goles.

Tamén o que poderíamos chamar “deporte pasivo” foi seguido con interese no Teleclub, e proba disto é a constitución en 1972 dunha Peña Quinielística que contou con 47 membros, e cubría cada semana duascentas columnas. E neste mesmo ano, na sección Teleclub de El Progreso, recóllese (7 de maio) a noticia de que un grupo de socios do Teleclub, grandes afeccionados ao fútbol, desprazáronse o trinta de abril a A Coruña, para presenciar o partido entre o R.C.D. da Coruña e o Real Madrid, e “aun cuando el club de sus amores, Real Madrid, sucumbió por un tanto a cero, volvieron muy satisfechos de este desplazamiento”.

En canto á práctica do fútbol, o equipo de Bazar alcanzou moi axiña un  importan te nivel, e así en 1972 xa se pode falar de “partido de máxima rivalidade local”, cando o equipo local derrotou por 2 goles a 1 ao Castro de Rei F.C., campeón da Liga da Terra Chá, adxudicándose o I Trofeo Fundador, doado pola firma do mesmo nome.

Este mesmo ano, o Club de Bazar, xunto con numerosos seguidores, foi a Ramil para disputar o IV Trofeo Santa Mariña daquela parroquia, gañándoo o equipo de Bazar ao derrotar por un tanteo de 3-2 ao Atlético de Ramil, con goles locais conseguidos por Óscar, Crecente e Luís. O equipo alineou a Jose Luís; Crecente, Campos Andión, Magín; Aníbal, Javier, Rojo, Óscar, Constante, José Antonio e Luis. Dirixiuno desde a banda o adestrador Carlos Campo Andión. O equipo de Ramil estivo reforzado por Villamarín, xogador do Barcelona de balonmano.

As informacións que conservamos reflicten que o equipo venceu por 2-0 nun amigable ao equipo de San Xulián de Mos, pero foi derrotado (2-1) na disputa do Trofeo Festas do Matodoso. E que, xa que o secretario da Xunta Directiva e Capitán do equipo de fútbol, José María Teijeiro Regueiro, se ausentaba da localidade, foi homenaxeado polos socios do Teleclub e despedido cun xantar de confraternidade.

En 1973 o Trofeo Teleclub de Bazar chegaba á súa III Edición, transformándose no I Trofeo Red Nacional de Teleclubs, no que o equipo de Bazar se enfrontaba ao campeón da Liga Terra Chá, o Muimenta F.C., que conseguira o campionato ao empatar 0-0 cos de Bazar, perdendo nesta ocasión os de Bazar por 3 tantos a 0. O Bazar aliñou para a ocasión a José Luis, Tomás, Valiña, Óscar (Fali), Santi, Aníbal, Chango, Lucas, Zaragoza, Rodri, José Antonio (Nando), mencionándose como destacados Valiña e Lucas. Arbitrou Hermida, da Ponte de Outeiro. Neste mesmo ano, o Bazar gañou ao Bretoña C.F. por 5 a 0.

Neste ano celebrouse a primera edición do Torneo Infantil de Fútbol, xa que o Teleclub contaba tamén cun equipo representativo nesta categoría que funcionaba a pleno rendemento, gañando diversos trofeos. Tamén neste ano se creou o equipo de alevíns, que entrenaba semanalmente e ía ser a canteira do equipo de maiores.

En 1974 disputouse o IV trofeo de fútbol da Red Nacional de teleclubs, con asistencia do Secretario Xeral da J.C.I.T.E. (Junta Central de Información, Turismo y Educación Popular), Ignacio Rey-Stolle, que da nome ao Teleclub, e que ao remate entregou o trofeo ao vencedor. Xogaron o equipo de Bazar co Bretoña F.C.. Gañaron os locais por 5-0, arbitrando Anxo Lamas.

Aproveitando as novas instalacións deportivas –campo de fútbol e pistas polideportivas– efectuouse unha campaña de promoción do atletismo e deportes en pista por toda a comarca. E tamén este 1974 –proba  da  especial  afección  ao  deporte por parte do Teleclub– se creou o Trofeo ao mellor deportista de Bazar que se concedería anualmente, sendo adxudicado nesta primeira ocasión ao futbolista Aníbal Otero Vila.

En 1975, o 15 de agosto, o Trofeo anual de fútbol pasa a denominarse Trofeo Ignacio Rey-Stolle, patrocinado polo destacado socio que da nome ao Teleclub. Disputou o Trofeo o equipo de Bazar contra o de Castro de Rei, vencéndoo por 2 tantos a 1, en encontro que inauguraba o novo Campo de Fútbol Polo Bazar aliñaron: Pablo; Carlos, Tomás, Oscar; Gallego, Aníbal; Barrela, Rojo, Magín, Javier e Jose María. Magín marcou na primeira parte, na segunda o Castro conseguiu o empate, e cando faltaban dous minutos para o remate do partido o árbitro pitou un penalti aos visitantes, polo que os xogadores do Castro se retiraron do terreo de xogo, dándose por rematado o partido coa victoria de Bazar.

Fixo o saque de honra María Jacoba Rey-Stolle Pedrosa, que agasallou ao equipo cun balón, entregando ao vencedor o correspondente trofeo, e a Magín, capitán do equipo local, o trofeo como Mellor Deportista de Bazar de 1974.

O campo de fútbol, situado a unha distancia de 1 Km. do local do Teleclub, supuxo un investimento económico de 150.000 pesetas, mais a prestación persoal dos socios do Teleclub. O terreo onde se construíu o campo era de propiedad municipal, cedéndoo o Concello con este fin ao Teleclub de Bazar. As obras duraron preto dun ano, e deron como resultado un campo coas dimensións regulamentarias, que posibilitou a celebración de numerosos encontros deportivos.

En 1976, o II Trofeo Ignacio Rey-Stolle disputouse o 15 de agosto, entre o C.D. Saavedra e o Bazar F.C. Fixo o saque de honra María  Cristina  Rey-Stolle,  entregándolle o capitán do Bazar un ramo de craveis. Aliñaron polo Bazar: Abel; Óscar, Ignacio, Fernando; Toñito, Aníbal; Tomás, Pablo, Barrela, Rodrigo e Rojo. O resultado foi de 3 a 0 a favor do equipo local. O capitán, Tomás, recibiu o trofeo de mans do patrocinador, Sr. Rey-Stolle.
 
Este ano Magín Castro Novo foi elixido Mellor Deportista de Bazar 1975.

En 1977 celebrouse a III edición do  Trofeo Rey-Stolle, no que o equipo de Bazar contendeu co de San Martín de Ferreiros, gañando os forasteiros por 1 a 0. E unindo o deporte co lecer festeiro, celebrouse un encontro de baloncesto entre solteiros e casados.

En 1978, a fase de clasificación para a final do IV Trofeo Ignacio Rey-Stolle xogouse entre os equipos de Muimenta, Outeiro, San Martiño de Ferreiros, Xermar, Xustás e San Xulián. 0 9 de xullo, San Xulián-Xermar e San Martiño de Ferreiros-Xustás. O 16, Outeiro-Xermar e San Martiño de Ferreiros-Muimenta. O 23 de xullo, Outeiro-San Xulián e Xustás-Muimenta. O 25 de xullo, semifinal, e o 30 de xullo a final.

O 30 de xullo, Ignacio e Javier Rey-Stolle entregaron os premios  aos  participantes no I Campeonato de Tenis, Trofeo Javier Rey-Stolle, así  como  ao  campión  e subcampión do IV Trofeo Ignacio ReyStolle de  fútbol.  Este  día  celebráronse  as finais dos dous Trofeos entre os equipos representantes de Xustás e Bazar, resultando vencedores os equipos de Xustás, en tenis, por 3 victorias a 2, e en fútbol tamén por 3-2 a favor do C.F. Xustás, reforzado por diversos xogadores doutras parroquias.

Celebrouse así mesmo, un encontro de fútbol entre os equipos de Bazar e o Muimenta C.F., en disputa dun trofeo doado por unha empresa colaboradora, resultando triunfante o equipo visitante por dous tantos a un.

O panorama deportivo do Teleclub de Bazar contemplaba nestes tempos unha importante variedade destacando, ademais do fútbol, en tenis e baloncesto, con torneos xuvenís e senior neses dous deportes, xunto con outras actividades de xogos de mesa, tute e dominó.

O Mellor Deportista de Bazar do ano 1978 resultou ser Antonio Cupeiro, do 0-3 Bazar Fútbol Club.

En 1979, a Delegación Provincial do Consejo Superior de Deportes fixo pública a relación dos premios anuais aos mellores deportistas e entidades deportivas en 1978. Entre as entidades foi galardoado o Teleclub de Bazar (Castro de Rei), pola promoción de diversas actividades deportivas, entre elas o baloncesto, o fútbol e o tenis.

Este ano, o Teleclub de Bazar colaborou co de Ramil, cedendo o campo de fútbol para a celebración dos encontros eliminatorios do torneo de Festas de Ramil, organizado por aquel Teleclub, no que participaron oito equipos da comarca.

No V Trofeo Ignacio Rey-Stolle de fútbol, participaron os equipos da comarca: Ansemar, Muimenta, Outeiro, Pacios, Ramil, Saavedra, Xustás e o representante local.

A final celebrouse entre os equipos de Muimenta e Bazar, gañando Muimenta o trofeo por 4-0. Arbitrou o colexiado López Darriba. Polo Bazar aliñaron Abel; Orencio (Miguel), Aníbal, Gallego (Rodrigo); Toño, Rafa, Tomás; Barrela, Antonio, Magín e Rojo. Efectuou o saque de honra Paloma Rey-Stolle.

Organizado polo Teleclub de Bazar en colaboración co Consejo Superior de Deportes, celebrouse un torneo cuadrangular de fútbol, no que participaron os equipos de Muimenta, Santa Locaia, Xustás e Bazar. Previsto un encontro entre Xustás e Bazar, e á vista do resultado do primeiro encontro de 5 a 1 a favor de Bazar, o Xustás decidiu non xogar a segunda eliminatoria, xogando polo tanto o Bazar a final contra o Muimenta.

O Muimenta venceu ao Bazar por 2-1, formando polo Bazar: Abel, Gallego, Óscar, Toñito; Alvarito, Rafa; Santi, Aníbal, Magín, Quintela e Rojo. Arbitrou Arcadio Silvosa (“Arbitró muy bien el Sr. Silvosa”, segundo publicou El Progreso), e fixo o saque de honra a rapaza de Bazar Delia Novo.

O equipo de Bazar gañou o trofeo á deportividade, doado polo Presidente da Deputación Provincial. Previamente, o Muimenta proclamárase gañador despois de vencer ao Xustás (2-1), e ao Outeiro (3-1), perdendo co Saavedra (1-2). Empatado a puntos co Saavedra, pasou á final por mellor coeficiente de goles. No outro grupo, o equipo de Bazar encabezou a clasificación ao empatar co Santa Locaia (2-2), e gañar ao Pacios (7-0) e ao Ansemar (4-0).

Pechamos a reseña da actividade futbolística de 1979 sinalando que o equipo de Bazar gañou ao club de Outeiro por 1-0 e ao de Ribeiras de Lea por 4-0.

O II Trofeo Rey Stolle de Tenis celebrouse na pista polideportiva local, sendo os finalistas Jaime González, do equipo de Xustás e José María Teijeiro, de Bazar. Na final, Jaime González gañou por 6-1, 6-1 e 6-1, conseguindo o xa prestixioso trofeo.

Participaron un total de 24 xogadores representando aos Teleclubs de Bexán, Muimenta, Outeiro, Xustás e Bazar. Foron semifinalistas Jesús Fernández de Bexán e Rafael Campo, de Bazar. Na xornada de entrega de premios, o Presidente do Teleclub, Campo Andión, entregou unha placa de prata nomeando Socios de Honra do Teleclub de Bazar a Javier Rey-Stolle e á súa dona, Cecilia Degollada, pola súa destacada colaboración neste trofeo e en todas as actividades do Centro cultural. Tamén se celebrou o I Open da Terra Chá.

Neste 1979 creouse un equipo de baloncesto, que comezou a participar na categoría senior da Liga Provincial, tendo o primeiro encontro contra o Calefacciones Barandela de Lugo.

Na pista polideportiva local organizouse o I Torneo de Baloncesto, patrocinado pola Delegación en Lugo do Consejo Superior de Deportes. Participaron os equipos de Bazar, Comercial Lamas, Muimenta e Taberna Daniel de Lugo. O primeiro partido rematou co resultado de Muimenta, 18 Taberna Daniel, 68. Organizouse así mesmo un minitorneo de baloncesto infantil para rapaces de ata 16 anos, participando mozos de Muimenta, Outeiro e Bazar.

Celebrouse este ano o Primeiro Maratón Popular de Bazar, con asistencia de máis de duascentas persoas, especialmente nenos e rapaces dos colexios de Castro de Rei, Cospeito, Begonte, Mosteiro e Meira, con trofeos e medallas para os primeiros clasificados en cada categoría.

Cun percorrido de 3.500 metros, os participantes concorrían nas categorías: alevín (10-11 anos), infantil (12 a 15 anos), cadete (15 a 18) e senior. Na categoría senior, o primeiro foi Antonio Novo Folgueira, e por equipos de fútbol, o de Bazar. A primeira muller foi Delia Novo Fernández, de Bazar. Entregáronse medallas de ouro, prata e bronce para os primeiros clasificados, e diversos trofeos.

O II Maratón Popular celebrouse en 1980, o 29 de xuño, con asistencia de numerosos atletas de toda provincia, concedéndose dezaseis medallas e dez trofeos. Tiña un percorrido de 5.000 metros, e foi patrocinado pola Delegación en Lugo do Consejo Superior de Deportes.

E o III Maratón, carreira popular xa, con 9.000 metros de percorrido, celebrada en 1981, foi gañada polo deportista natural do Concello de Castro de Rei, Serafín Carballo Carballeira. Como estaba previsto, ao final da carreira, ademais do trofeo por gañar este maratón, entregóuselle unha placa en homenaxe e recoñecemento ao seu inmellorable labor deportivo.

O V Torneo de Tenis Javier Rey-Stolle contou coa participación de 29 xogadores de Bazar, Outeiro, Castro de Ribeiras de Lea, Xustás, Bexán, Muimenta, Santa Locaia e Lugo. Foi campeón Alejandro, de Bazar, seguido por Jaime, de Xustás.

Tamén neste 1981 celebrouse en Bazar un cursiño de Baloncesto, dirixido polos entrenadores Corral e Coira.

En 1982, en agosto, celebrouse o VIII Trofeo Rey-Stolle de fútbol, no que participaron o U.D. Pastoricense, S.D. Muimenta e o equipo de Bazar. Ata entón, os gañadores do trofeo tiñan sido o equipo de San Martín de Ferreiros, un ano; o de Xustás, tamén un; Muimenta, en dúas ocasións; e Bazar, en tres. O resultado desta VIII edición foi de 3 a 1, favorable ao equipo de Muimenta, polo que o trofeo foi para esta localidade veciña. Polo Bazar F.C. xogaron Arturo; Ginés, Álvaro, Rafa, Alejandro; Donino, Melen, Quintela, Magín, Candito e Suso. Ao remate do encontro, Javier Rey-Stolle fixo entrega do correspondente trofeo ao xogador Toñito, do equipo gañador.

O VI Trofeo Javier Rey-Stolle de Tenis contou con 33 participantes de toda a comarca e fóra dela: Bazar, Outeiro, Xustás, Bexán, Castro Ribeiras de Lea, Muimenta, Santa Locaia e Lourenzá. Foron finalistas os cabezas de serie de Lourenzá e Bazar, Antonio Cuadrado e Alejandro Rey-Stolle. Resultou gañador do Trofeo Antonio Cuadrado, de Lourenzá.

No xornal El Ideal Gallego, na “Galería de Jugadores” aparecía o 2/12/1982 unha caricatura e comentario de Antonio Esteban sobre Carlos Manuel Campo Andión, do equipo de Bazar, decíndose del o seguinte: "De la Tierra Llana viene a esta “Galería de Jugadores” Carlos Manuel Campo Andión, un hombre escaso de técnica futbolística, pero muy fuerte. Carlos Manuel no rehuye el choque y, en cuanto puede, conecta su pie derecho –el izquierdo lo tiene de adorno– y mete, –si le dejan, claro– el balón en la red del equipo contrario, táctica ésta que le ha valido ser el máximo goleador del equipo en los últimos años. Nombre deportivo: Andión. Edad: 34 años. Equipo: Teleclub Bazar."

No 1983, os que foran finalistas do Torneo de Tenis do ano anterior –Antonio Cuadrado e Alejandro Rey-Stolle– gañaron o torneo deste ano.

No mes de xuño deste ano organizouse a competición “8 horas de fútbol sala”.

A práctica do tenis seguiu a estar de actualidade en Bazar, pola  promoción  que a Familia Rey-Stolle efectuara había tanto tempo, e despois do pasamento de Javier Rey-Stolle comezou a celebrarse un Memorial na súa lembranza. En 2012 celebrouse a V edición deste Memorial, na que participaron corenta xogadores de Lugo, Becerreá, e de toda a Terra Chá, nas categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e feminina.

A final benxamín disputárona Álvaro Folgueira e Abelardo Fernández, con victoria para Álvaro Folgueira. En Alevín, foi vencedor Sergio Lozano, quedando de segundo Yago Rey-Stolle. En infantil, Adrián Nadal impúxose na final a Rafael Folgueira. En cadete, Jesús Bouza venceu a Cristian Álvarez. E na categoría feminina, Tamara Vázquez venceu a Ángela Montero, conseguindo o Trofeo deste Memorial, que contou co apoio institucional do Concello de Castro de Rei e da área de Deportes da Deputación Provincial de Lugo.

En 2013 celebrouse unha nova edición do Campionato anual de Tenis, VI edición do Torneo Memorial Rey-Stolle, no que participaron 35 tenistas de idades comprendidas entre os sete e os vinte anos, procedentes da Terra Chá e da capital lucense. En categoría infantil Rosalía Montero gañou fronte a Álex Cabarcos. En infantil, Diana Hortas venceu a Sergio Lozano. En cadete masculino, Cristian Albariño gañoulle a Carlos Cantao, e na categoría feminina Ánxela Montero a Zaira Vázquez. O campión xuvenil foi Jesús Bouza fronte a David García. En dobres, primeira vez que se rexistraba esta modalidade, gañou a parella formada por Carlos Cantao e José Gesto.

Como colofón a toda esta destacada actividade deportiva, debemos mencionar que de 2006 a 2011 existiu en Bazar o Maseda Rugby Club, que competía en 2ª división galega, desplazándose a xogar a Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Santiago, A Coruña, Ferrol, As Pontes, Lalín e Lugo. 3 dos xogadores eran de Bazar, e o resto de varias localidades do concello, de Cospeito, Pastoriza e Lugo.

O campo utilizado foi o anterior campo de futbol da parroquia, que se denominou Campo de Rugby da Rixidoira. Ademais da liga, disputaron tres torneos “Concello de Castro de Rei”, acudindo a xogar nun deles un equipo de León. A desaparición do equipo debeuse a motivos económicos, á dificultade para poder competir e á carencia de axudas.