Para entender o que significou o Teleclub de Bazar para “situar a Bazar no mundo” temos que facer un mínimo reconto da repercusión das súas actividades, que poden comprenderse tendo en conta as publicacións nos medios informativos, e nos recoñecementos externos que o Teleclub e os seus socios conseguiron.
Como primeiro exemplo, o papel que no ano 1972 xogaron os Teleclubs galegos no concurso de actividades culturais convocadas pola Junta Central de Informacion, Turismo y Educación Popular (J.C.I.T.E.) do Ministerio de Información y Turismo. Destacado entre os destacados, o Teleclub de Bazar (Castro de Rei).
O Teleclub de Bazar obtivo colectivamente o terceiro Premio Nacional de Fotografía, dotado con 3.000 pesetas, e individualmente o seu monitor, Luís Veiga Veiga, unha Mención de Honra, dotada cunha colección de libros.
Tamén Manuel Anllo, do Teleclub de Bazar, obtivo o segundo premio da XIII Semana del Libro Infantil y Juvenil. E Óscar Novo foi premiado no concurso de “La fotografía incógnita”, igual que Luís Veiga e o propio Teleclub.
No premio “El acertijo cultural”, concurso igualmente convocado pola J.C.I.T.E., na edición numero V, tamén fora premiado Luís Veiga cun lote de dez libros.
En total, para o Teleclub de Bazar viñeran, en tres meses, seis premios dos concursos nacionais da Junta Central. E no total do ano, foron dous premios en “El acertijo cultural” e dez en “La fotografía incógnita”.
Moi importantes premios colleitou o Teleclub de Bazar polo seu meritorio traballo. Así, en 1975, a Red Nacional de Teleclubs concedeu a Bazar, pola súa actividade, dous premios nacionais, dotados cada un deles con placa de prata e 15.000 pesetas. Un, por actividades comunitarias, e o outro, por actividades deportivas. E o Ministerio de Información y Turismo concedeu a Bazar unha biblioteca básica, formada por 250 libros.
En 1977, o 26 de marzo, en Madrid, no Palacio de Congresos y Exposiciones, o Director General de Cultura Popular do Ministerio de Cultura entregou ao Teleclub de Bazar un Diploma de Honor e 10.000 pesetas en metálico, xunto con lotes de libros para o Teleclub e socios participantes, que o Ministerio concedeu ao noso Teleclub polo seu relevante papel cultural e social, especialmente polos méritos conseguidos no concurso de “Fomento de la lectura en los núcleos rurales”.
Recibiu o premio, no nome do Teleclub, o monitor deste, Luís Veiga Veiga, no decurso dun solemne acto no que se puxo de relevo o papel dos Teleclubs –especialmente dos máis destacados– nos primeiros anos de democracia en España.
En 1979, o Teleclub de Bazar conseguiu o Trofeo do Consello Superior de Deportes en Lugo como recoñecemento á súa actividade deportiva. Pola súa parte, a sección de Acción Cultural do Ministerio de Cultura concedeulle o Premio Nacional do Concurso de Fomento de la Lectura, dotado con 25.000 pesetas e un importante lote de libros.
Este mesmo ano, en novembro, a revista Teleclub Galicia publica que a Fundación Barrié concedeu unha axuda económica de 25.000 pesetas ao Teleclub de Bazar, dentro do convenio subscrito co Ministerio de Cultura para a promoción dos Teleclubs galegos, polo bo funcionamento deste modélico teleclub.
Precisamente ese número da revista era o primeiro dunha nova etapa na que a publicación estaba financiada pola Fundación Barrié de la Maza, e era coordinada desde A Coruña polo asesor de Teleclubs, Óscar Cacheiro.
No seguinte número, correspondente ao mes de decembro, facilitábase información sobre a programación do Nadal daquel ano no Teleclub de Bazar, que comezaba cun pregón do que isto escribe, e ademais de charlas e proxeccións cinematográficas ía producirse unha actuación da Coral Xolda, do Hogar de Jubilados de Caixa Galicia, a entrega dos premios do Concurso de narración convocado con motivo do Ano Internacional do Neno, e a gran festa Fin de Ano.
En 1980 o Teleclub gañou o I Certame Provincial de Actividades Culturais convocado pola Delegación Provincial do Ministerio de Cultura, dotado con 60.000 pesetas. Presentáronse ao concurso nove Teleclubs lucenses, sendo o de Bazar o que conseguiu o premio. O xurado estivo formado polo Delegado Provincial de Cultura, Guillermo Fernández Otero, como Presidente; Adolfo de Abel Vilela, escritor e asesor de Teleclubs; Ernesto Sánchez Pombo, xornalista, en representación de El Progreso; Jesús Yáñez Piñeiro, Presidente do Teleclub de Gaioso-Outeiro de Rei, e como secretaria, María Concepción Díaz López, Secretaria Provincial de Cultura. O xurado acordou conceder cadanseu accésit, pola relevancia do seu labor, aos Teleclubs de Begonte, Xián-Taboada e Salcedo-Pobra do Brollón.
O mesmo 1980, Bazar obtivo de novo un premio de Fomento de la Lectura, concedido polo Ministerio de Cultura.
E en 1982, o Teleclub de Bazar resultou gañador do Premio Galego da Fundación Barrié de la Maza, polo seu extraordinario labor cultural e social. Estaba dotado con 100.000 pesetas, que debían ser investidas no Centro, e que resultaron moi importantes á hora de financiar a construción do extraordinario edificio social do Teleclub.