A primeira mención que atopo ao teatro en Bazar é nunha entrevista que lle fixen a Xosé Manuel Carballo, que se publicou en El Ideal Gallego o 8 de setembro de 1977, na que falaba da obra teatral “Dous vellos e unha sóa soidade”, escrita por Marica Campo e el mesmo, indicando que desta obra se fixeran cinco representacións, unha delas no Teleclub de Bazar, “que por certo resultou moi ben, non só polos pequenos que o fixeron moi ben, senón tamén polo público de Bazar que se portou marabillosamente”.
Referíase ao grupo teatral Os Valuros, creado e dirixido por el, que estaría vencellado por sempre ao Teleclub de Bazar, non só polo preto que estaba Bazar de Goberno e Castro de Rei, senón tamén pola similitude de fins e medios empregados para o progreso da parroquia e de todos os seus membros.
Temos constancia de que o 4 de marzo de 1979 actuou en Bazar o grupo Os Valuros, que na prensa se indicaba estaba formado por rapaces de Castro de Rei e Santa Locaia, representando a obra “Vaise pechar unha casa máis”, que xa fora posta en escena no Teleclub de Castro de Rei e en Goiriz (Vilalba). A entrada era pública e gratuíta, e invitábase especialmente a todas as persoas da comarca. A obra era orixinal de Xulio Pita Muinelo, primeiro actor desta compañía teatral. El Ideal Gallego, días despois, informaba que á representación asistiran duascentas persoas que aplaudiron longamente diversos pasaxes da obra, e entusiasmados ao final.
En 1980, no Teleclub de Bazar representouse a obra “A carreira do Manuel”, do grupo de teatro O Bosco, do Instituto Politécnico de Lugo, dirixida por Adolfo de Abel Vilela, co maior abarrote do Teleclub, unhas 300 persoas. O grupo viña de obter o primeiro premio do Certame de Teatro Afeccionado e Xuvenil celebrado en Lugo.
No 1982, no salón de actos do Teleclub, actuou o grupo de teatro Xume, de Meira, poñendo en escena a obra “Tonto si, pero non tanto”.
A comezo dos anos oitenta, creouse no Teleclub de Bazar un grupo de teatro, que se chamaba A Roga, que xa a finais de 1982 efectuou a representación de “Unha rosa branca”, sobre un texto de Xulio Pita Muinelo. Esta obra xa fora representada no Centro con anterioridade, así como en Meira, Castro de Rei e Lugo.
A Roga actuaría logo en Vilalba en abril de 1983, representando esta mesma obra. E o xornal El Progreso, con motivo do Día Internacional do Teatro lembraba (29/3/83) a creación deste grupo dentro do Centro Cultural Ignacio Rey-Stolle. Quédanos memoria de alomenos outra representación en Begonte, no Centro Cultural José Domínguez Guizán, co gallo do Nadal, da que conservamos a presentación:
“Se houbera que escoller os dous centros culturais da provincia de Lugo que máis traballan, ou que mellor funcionan, estes serían BEGONTE e BAZAR. O de Bazar leva o nome de Ignacio Rey-Stolle Pedrosa, o seu meirande benefactor. O de Begonte, José Domínguez Guizán, o seu impulsor.
A actuación teatral de hoxe ven relacionar entre si moito máis aos dous centros: Ven o grupo de teatro A ROGA, do Centro Cultural de Bazar, a representar aquí “Unha rosa branca”, de Xulio Pita Muinelo. Eu quero determe un pouco nos dous nomes: “A roga” e “Unha rosa branca”.
Se esto fora unha capital, habería que explicar o que eran AS ROGAS. Aquí, non fai falla. A ben seguro que moitos de vostedes botaron unha man en moitas rogas… esa forma de traballo colectivo anterior ás cooperativas, plenamente carcterística da nosa terra e descoñecida para o que non viviu nunha aldea ou nunha vila. As rogas eran un xeito de traballo onde todos botaban unha man sin naide que mandara, sin naide que obedecera porque cada un sabía o que tiña que facer… tamén aquí, agora, A ROGA é un grupo de xente nova de Bazar-Castro de Rei, que fan teatro sabendo o que queren facer, e por que o queren facer.
É, supoño, a primeira vez na historia que se entende un grupo teatral como unha roga, como unha maneira de traballar no que cada un fai o que pode e quere, traballando todos para un fin e cada un para tódolos demais.
A obra titúlase “Unha rosa branca” e amósanos o que puidera ser unha situación límite, un drama, un complexo drama que ninguén se atreverá a afirmar que non existe, que non pode ser real… un drama cheo de espiñas, pero cunha rosa branca. Rosa que sin deixar de ser branca rematará por murcharse e desaparecer.
Penso que van ver vostedes moito máis ca unha obra de teatro: van ver un exemplo do que se pode facer; do que se debe facer. E que debera despertar en Begonte ese xenio que fai falla para saber que, si se quere, pódese conseguir calquera obxectivo, que tamén Begonte, neste Centro cultural, pode contar –se quere– cun grupo teatral.
Habería que facer en Begonte unha roga para facer teatro. Se outras moitas cousas se conseguen, por que non esta?
En tanto, démoslles a benvida aos amigos de Bazar, representantes dun centro cultural irmán, que veñen demostrarnos que entre as maiores tristuras, onde menos se pensa, hai sempre “Unha rosa branca”, e que neste tempo no que todos andamos sempre tan ocupados, cada un ao seu, aínda é posible facer un alto no camiño para participar nunha ROGA”.