Os de Bazar viaxaron por toda España en actividades lúdico-culturais organizadas polo Teleclub.
Entre as viaxes que os de Bazar recordarán sempre estará a que en 1972, a comezos de setembro, fixeron pola costa lucense visitando diversos lugares, así como a Feira Rexional de Artesanía que se celebrou en Foz. Era a segunda edición desta Feira de Artesanía e Industrias Populares, na que destacaron polo seu nivel os stands da Ciudad de los Muchachos de Ourense e o dos teleclubs da provincia de Lugo, que participaban por primeira vez.
De Lugo participaron os de Bazar, Pígara, Folgoso, Franqueán, A Trapa, Begonte, Cospeito… con traballos en madeira, coiro, pedra ou bimbio. O Teleclub de Bazar aportou unha colección de colchas, e todos os utensilios para o traballo do liño, así como outros obxectos artesáns.
O mesmo ano, en xullo, os socios do Teleclub xa viaxaran por terras coruñesas, visitando Santiago, Noia, Muros, Corcubión, Fisterra, Vimianzo, Carballo e A Coruña.
Tamén dignas de ser recordadas son as viaxes realizadas (1973) a Arneiro (Cospeito), moi preto pero moi aleccionador, para presenciar o Campeonato provincial de Arada, ao que asistiron numerosos socios do Teleclub e membros do Plantel de Extensión Agraria; e a Torrelavega, para visitar o Mercado Nacional de Ganado, que constituíu unha especial experiencia para todos os titulares de explotacións agrarias que participaron na viaxe.
Realizáronse logo numerosas viaxes por diversos territorios do País, lembrando a que en 1974 se fixo polas Rías Baxias, que foi patrocinada pola Axencia de Extensión Agraria de Meira, a Ferrol, Asturias, A Coruña, La Rioja, Pontevedra… e en 1980 a Portugal, viaxando corenta persoas.
Xa na actualidade, os socios do Centro Cultural participaron na campaña Kilómetro 0, promovida pola Deputación Provincial de Lugo, e unha expedición de máis de medio cento de socios acudiu á sede da primeira institución Provincial, sendo recibidos no salón de actos da entidade polos responsables políticos da mesma.