Nun “suma e segue” efectuado en 1972, aparecen diversas actividades levadas a cabo polo Teleclub de Bazar, que poden resumirse en:
• Concurso “La unión hace la fuerza” entre os nenos das escolas da parroquia.
• Proxección de películas e documentais.
• Clases de alfabetización para socios.
• Excursión á Feira de Mostras do Noroeste no Ferrol.
• Organización das festas patronais.
En 1971 vinte e tres debuxos de nenos de Bazar compiten no concurso nacional convocado pola Junta Central de Información, Turismo y Eduación Popular (J.C.I.T.E.), entre os Teleclubs de España, con motivo da XI Semana del Libro Infantil y Juvenil. Da provincia de Lugo concorren traballos de doce Teleclubs.
Manuel Gallego Carballés e José María Novo Rodríguez, de Bazar, resultaron ser dous dos gañadores deste Concurso Nacional de Debuxo no que colaboraba o Instituto Nacional del Libro Español, obtendo cadanseu premio dotado con 3.000 pesetas para a adquisición de libros. A provincia de Lugo tivera un éxito rotundo neste certame, obtendo nove dos dez premios instituídos.
Naquel tempo celebrouse en Bazar un curso do Programa de Promoción Profesional Obrera (P.P.O.) na especialidade de “Vaquero-lechero-cárnico”, ao que asistiron medio cento de gandeiros, que obtiveron o carnet profesional do Programa nacional de Promoción Profesional Obrera.
Celebrouse asimesmo un interesantísimo Curso de Tractoristas, para a obtención do carnet de conducir, no que participaron non só socios do Teleclub de Bazar senón tamén veciños doutras parroquias limítrofes. Todos obtiveron o seu carnet, con plena satisfacción dos participantes aos que a proba teórica valía tamén para a obtención do permiso de conducir vehículos automóbiles.
En 1972 organizouse na sede do Teleclub unha exposición de medio cento de debuxos de fillos de socios, cos que ían participar no concurso convocado pola J.C.I.T.E. con motivo da XII Semana do Libro infantil e xuvenil.
Este mesmo ano os nenos do Teleclub presentaron trece traballos ao Concurso Provincial de Debuxos Infantís, convocado dentro do Plan Nacional de Higiene y Seguridad en el Trabajo. Os trece traballos, que foran dirixidos e supervisados pola profesora Genoveva Ceide González, foron admitidos ao concurso, causando unha excelente impresión no xurado, pero non puideron ser premiados por non axustarse estritamente ás bases do certame.
Neste 1972 sábese que 150 agricultores da parroquia asistiron a unha charla-coloquio de Jose Luís Piñeiro Barrio, Axente de Extensión Agraria de Meira, sobre “Agricultura de grupo”, con proxeccións audiovisuais.
Este mesmo ano comezou no Teleclub outro curso do P.P.O., este de Promoción da muller rural. Cunha duración de tres meses, participaron vinte e sete mulleres desta parroquia e das limítrofes.
Con motivo deste curso, impartido pola monitora Delicia Reimóndez Lorenzo, celebrouse unha exposición de artesanía, con obxectos confeccionados polas alumnas. Na clausura do curso, ao que asistiron diversas autoridades provinciais e locais, proxectouse un documental sobre o Programa de Promoción Profesional Obrera, e entregouse o correspondente carnet a cada unha das cursillistas. O gañador do concurso de damas, Benedicto Rojo Yáñez, recibiu o correspondente trofeo de mans da monitora do curso, e o alcalde entregou o do subcampeón. O xerente provincial do P.P.O. entregou a Manuel Anllo, neno premiado, o segundo premio nacional de debuxo infantil e xuvenil. Finalmente o párroco de Bazar-Santa Leocadia, Francisco Puente Guerra, entregou un agasallo á monitora do curso.
O ano 1973 comezaron as Semanas Culturais. Estas Semanas foron unha afortunada fórmula para abordar os máis diversos aspectos culturais e sociais nos Teleclubs galegos. Comenzaron en 1973, promovidas por Luís Cordeiro, en trinta e oito Teleclubs da provincia de Lugo. Un deles, naturalmente, o de Bazar, do 26 de febreiro ao 10 de marzo.
O programa comprendeu charlas sobre “Seguridad Social Agraria”, a cargo de Heliodoro Pin Fernández, asesor da Organización Sindical; “Alimentación humana”, por Delicia Reimóndez Lorenzo, Monitora do P.P.O.; “Ganadería”, por Pedro Vila Arias, veterinario; “Medicina de urgencia y primeros auxilios”, por José Ramón Mel Lorenzo, médico da Xefatura provincial de Sanidade; “El Iryda en Tierra Llana”, por Juan Sanz García, Enxeñeiro do Instituto Nacional de Reforma y Desarrollo Agrario (Iryda); “El matrimonio”, por Francisco Puente Guerra, sacerdote… proxectouse a película “Tal vez mañana”, así como a serie de diapositivas sonorizadas “La isla de Mallorca”.
A primeira Semana Cultural rematou coa xornada de clausura do curso de Promoción Profesional Obrera, con entrega de carnets aos participantes no mesmo, e de trofeos aos gañadores da competición de damas que se estivo disputando entre os socios do Teleclub con trofeos doados polo Concello de Castro de Rei, que co-patrocinaba a actividade xunto coa Delegación Provincial de Información y Turismo, e o Instituto Nacional de Reforma y Desarrollo Agrario (Iryda). Os actos celebráronse no salón da Escola Nacional, xa que aínda o Teleclub non tiña local propio.
Tamén dentro deste ano, despois da Semana Cultural, Alejo Fernandez Quintana, secretario da Hermandad de Labradores, ofreceu unha conferencia sobre a Seguridade Social.
Ao comezo de 1974, en xaneiro, o sobregarda forestal e Xuíz de Paz de Castro de Rei, Alfonso Gesto Rodríguez, falou en Bazar sobre “Montes”. Pouco despois celebrouse a segunda Semana Cultural, do 20 de marzo ao 2 de abril, con charlas sobre “Venecia y el arte” (ilustrada con diapositivas), por Adolfo de Abel Vilela, Delegado de Acción Política y Participación e Enxeñeiro Ténico Agrícola; “Relaciones entre padres e hijos”, por Xesús Mato Mato, Asesor relixioso de Radio Popular de Lugo; “Cooperativismo”, por Gil Agras Hermida, Monitor do Teleclub Piloto de Bretoña; “Concentración parcelaria”, por David López Casal, Enxeñeiro do Iryda; Exhibición de ilusionismo, a cargo de Xosé Manuel Carballo, e partido de fútbol entre os equipos 0-3 Bazar F.C., representante do Teleclub e o San Julián F.C., disputándose o II Trofeo Red de Teleclubs.
A clausura tivo lugar o 2 de abril, coa proxección dunha longametraxe e a entrega de trofeos aos vencedores do partido de fútbol, do I Trofeo de Ajedrez, e dos campionatos de Xogos de Salón. No I Campionato de Tute resultou gañadora a parella formada por Tomás e José Antonio Otero.
Este mesmo ano, con motivo do Día Forestal Mundial, o Teleclub acolleu unha charla sobre “Plantación y poda de árboles frutales”, a cargo de técnicos de Extensión Agraria de Meira; do sobregarda do Icona sobre plantación de diversas especies forestais, proxectouse unha longametraxe e plantáronse árbores en diversos lugares da parroquia.
Foi en 1974 cando se celebrou unha gran xornada de confraternidade en colaboración co Seminario Diocesano de Mondoñedo. Os actos da xornada comezaron cunha misa cantada, para seguir coa celebración do II Trofeo de Fútbol Infantil do Teleclub, entre o equipo do Seminario mindoniense e o equipo de Bazar. Como queira que o resultado foi de 2-0 a favor do equipo mindoniense, o Delegado de Deportes do Teleclub, Otero Vila, fixo entrega do trofeo ao capitán do equipo de Mondoñedo.
A Rondalla deste colexio xuvenil ofreceu unha selección de interpretacións musicais, e o grupo de teatro do Seminario representou a obra “Seis retratos, tres pesetas”, moi aplaudida polo público asistente. O Teleclub agradeceu ao Rector, profesores e alumnos do Seminario de Mondoñedo esta xornada de confraternidade que fixo historia.
En 1975 celebrouse un curso de praticultura, impartido polo monitor José Verdes, ao que asistiron 26 alumnos. Ao acto de clausura e entrega de carnets profesionais asistiron as autoridades locais, e o instrutor de zona, Sr. Mas Pascual.
Este ano 1975 proxectáronse un total de seis películas –“Quo vadis”, “Los chicos con las chicas”…– pronunciáronse cinco charlas, organizouse unha excursión, construíuse e inaugurouse o campo de fútbol, construíuse o edificio social, obtivéronse dous premios nacionais, e traballouse no ensaio dunha obra de teatro escrita, dirixida e interpretada por socios do Teleclub.
En 1976, no campeonato de Tute celebrado no Teleclub, coa participación de 10 parellas de xogadores, resultou gañadora a formada por José Campo Uz e Jesús Rozas Teijeiro.
En 1976 a Semana Cultural celebrouse do 15 de marzo ao 3 de abril, cun interesante programa no que colaboraron a Delegación Provincial de Información y Turismo, a Jefatura Provincial de Sanidad e o Servicio de Extensión Agraria.
Concepción Basanta Curbera, Inspectora de Farmacia, falou sobre “Alimentación”; José Recimil Tábora, Xefe Provincial do Servicio de Extensión Agraria, sobre “Ordenación de los establos”, e o sacerdote Francisco Puente Guerra, sobre “Educación en el hogar”. Proxectouse a película “Las sandalias del pescador”, e celebrouse un partido de fútbol entre os equipos 0-3 Bazar F.C. e o San Lázaro, de A Ponte-Lugo, disputándose o V Trofeo Red Nacional de Teleclubs. A clausura tivo lugar o tres de abril, coa entrega de premios e trofeos.
Na clausura da Semana destacou Luís Veiga a importancia que para o Teleclub teñen estes acontecementos culturais. Neste acto entregouse ao capitán do Club San Lázaro de Lugo o V Trofeo Red Nacional de Teleclubs; o de mellor deportista 1975 a Magín Castro Novo, e cadansúa medalla de ouro da competición de Campo a Través a Rafael Campo Andión e Javier Castro Losada. Pechou o acto o presidente do Teleclub, Carlos Campo, servíndose a continuación unha cea aos asistentes.
Tamén en 1976 se celebrou un cursiño de formación cooperativa en colaboración co Servicio de Formación Sindical. Na clausura, o Delegado Provincial da Organización fixo notar que estes cursiños celebrábanse só nas capitais dos concellos, facéndose agora –en Bazar– de xeito descentralizado precisamente a petición dos labradores interesados.
En 1977, polo Antroido, houbo unha gran gala infantil de disfraces, xogos, concursos humorísticos, todos eles con agasallos para os participantes. E, na noite do martes de Antroido, proxección cinematográfica.
En marzo de 1978, celebrouse un coloquio sobre “Visión de los problemas actuales de la familia”, no que participaron José Campo Uz, pai de familia; Francisco Puente Guerra, crego e Xosé Chao Rego, crego e escritor.
En 1978, o 7 de maio, actuou no Teleclub a Agrupación musical Santa María, de Lugo, do Colexio das M.M. Josefinas, baixo a dirección de María del Carmen Rodríguez. E o 21 de maio, domingo, o xa mencionado grupo Fuxan os Ventos, por primeira vez nesta localidade, cando era xa un dos grupos máis importantes da música galega.
En 1979 Rosa María Varela coordinou debates sobre “Problemática xuvenil”, onde se abordaron os máis diversos temas. Con motivo da Semana Santa, nas noites de Mércores e Xoves Santos, celebráronse cadansúa mesa redonda con participación de varios sacerdotes da comarca, entre eles o escritor e xornalista Xose Chao Rego, abordando os temas “Indiferencia religiosa en la juventud de hoy” e “Relaciones padres e hijos”.
Tamén este ano se celebrou unha Charla Coloquio sobre concentración parcelaria e ordenación rural a cargo de axentes do Servicio de Extensión Agraria de Meira e un técnico do Iryda, con asistencia de medio cento de agricultores.
Importante foi o labor de difusión do Cine en Bazar o ano 1979, rexistrándose a proxección de películas tan destacadas como “El incomprendido”, “Cabalgando hacia la muerte”, “El misterio de la vida”, “Las sandalias del pescador”, pola Semana Santa, e “Setenta veces siete”, de temática xuvenil, con coloquio para rapaces. Volveu actuar a Rondalla do Colexio lucense das M.M. Xosefinas, e organizouse un concurso de disfraces e comparsas polo Antroido.
En relación coas proxeccións cinematográficas no Teleclub de Bazar cómpre ter en conta que o Centro fora dotado cun magnífico proxector de cine de 16 milímetros que posibilitou unha actividade moi importante neste campo, actividade que foi compartida con centros veciños que non dispoñian deste singular elemento. E así o monitor Luís Veiga se ten desprazado co proxector a Castro, Vilalba, Ribeira de Piquín ou Meira a efectuar proxeccións como colaboración coas actividades doutros centros.
En 1980 o Teleclub organizou as Festas Patronais, a título experimental, actuando as orquestas Sensación e Arquinos, poñéndose o bar do Centro ao dispor das festas para recaudar fondos. Xa se celebraran as festas do Antroido, con baile de disfraces e numerosos premios.
Este ano actuou de novo o grupo Fuxan os Ventos, auténtica revolución da música e da canción galegas, organizándose un novo ciclo de cine con películas de diversa temática como “La prima Angélica”, de Carlos Saura; “El Sheriff terrible”, “Del rosa al amarillo”, “Solos los dos” e “Sonata de otoño”. Patrocinou o ciclo a Delegación Provincial de Cultura e a Deputación Provincial de Lugo. Tamén se proxectou “Y dejaron de llamarle Camposanto” e se celebrou a terceira edición do Campionato de tute para socios, participando dez parellas de xogadores, cunha cea de confraternidade ao final do torneo.
O 26 de novembro deste ano celebrouse un coloquio sobre “Autonomía de Galicia”, coordinado polo xornalista Manolo Sicart, coa participación de representantes dos partidos políticos implantados en Galicia. Formaba parte dun Ciclo Cultural do Teleclub, que comezara cun coloquio sobre “Problemas y comercialización de la leche”, no que interviñeron labregos e gandeiros, representantes da Asociación de Amas de Casa de Lugo, de Xoves Agricultores e das centrais leiteiras da provincia; ciclo no que tamén se celebrou unha charla-coloquio sobre “Medicina rural”, coa intervención de Eugenio Gil Álvarez e Juan Martínez Pastor, coordinados por Rosa María Varela, e que finalizou coa proxección da película “El incomprendido”, de Luigi Comencini, que se completou cun coloquio.
Tamén neste ano, celebrouse unha charla sobre “Hipertensión arterial” a cargo do médico de Castro de Rei, e unha charla-coloquio sobre “Historia e literatura en Galicia”, de José Manuel López Andión.
Xa en 1981 rexistramos unha charla-coloquio sobre “Concentración parcelaria”, na que interviñeron Francisco Puente Guerra e David López Casal, suscitándose entre os presentes numerosas consultas e preguntas.
En 1982 celebráronse mesas redondas sobre “Problemática xuvenil” e “Lo que significará para el labrador gallego la entrada de España en el mercado común”, participando nesta última varios parlamentarios galegos.
Tamén este ano tivo lugar unha charla-coloquio sobre “Planificación familiar” e outros aspectos médicos de interese, a cargo da médico María Jesús Méndez Conde, e da A.t.s. Ana Alvilares Varela, do departamento de Xinecoloxía da Dirección Provincial da Saúde de Lugo. E unha conferencia dirixida especialmente ás persoas da terceira idade, do xeriatra coruñés Fernando Jiménez Herrero, profesor de Xeriatría na Universidade de Santiago e de Enfermaría Xeriátrica na Escola de Enfermaría de A Coruña, sobre “Prevención de la invalidez, enfermedades mentales y otros temas que puedan, de algún modo, relacionarse con la tercera edad”.
En agosto deste ano celebrouse unha nova xornada de confraternidade, nunha cea na que os centros culturais Ignacio Rey-Stolle, de Bazar e O Miño, de Baltar-Pastoriza, presentaron o programa de actividades para os seguintes meses. Á cea asistiron representantes do Ministerio de Cultura, o Alcalde de Castro de Rei, Axente de extensión Agraria de Meira, e as directivas de ámbolos dous centros. Tiña daquela o Centro de Bazar un total de 152 socios. Presentou as actividades próximas o director do Centro, Luís Veiga. Pola súa parte, o Centro cultural O Miño, do que era director José Luís Lodos, presentou a serie de actividades a desenvolver, comentando que “non podemos facer tanto como os de Bazar, que teñen superávit, pero estamos contentos co feito ata agora”. Os dous centros fixeron conxuntamente unha excursión a Santander, co fin de visitar o Mercado Nacional de Ganado de Torrelavega, visita de grande interese para todos os asociados.
Este ano, como mostra do interese do Teleclub polos seus membros máis novos, 24 nenos de Bazar desprazáronse a Lugo, para coñecer os monumentos máis importantes, visitar as instalacións onde se confecciona o xornal El Progreso, e efectuar un interesante percorrido polo Museo Provincial.
Dúas actividades culturais destacaron na programación do ano 1983. Unha delas, a actuación da Rondalla O Argadelo, dirixida polo sacerdote Leandro Cancela, formada por alumnos do colexio Ramón Falcón, da parroquia de Bazar e doutras do Concello de Castro de Rei. E, en novembro, actuación do grupo de canción galega Saraibas, actividade patrocinada por Caixa Galicia.
O 22 de febreiro de 2009 o Centro Cultural Ignacio Rey-Stolle organizou o Antroido en Bazar, cunha xornada festeira que empezou ás 13:30 con sesión vermú coa orquesta Noche de Gala, e seguíu ás 17:00 con xogos populares e disfraces infantís, e ás 18:00 coa actuación do humorista Lito de Arzúa. Ás 18:30 pronunciouse o pregón con xuízo e queima do Antroido (se procedía, que procedeu), e nova actuación da orquesta, que así mesmo tería ao seu cargo a verbena desde as 22:30 en diante. Ás 20:00 pecháronse as actividades da tarde, “para gobernar cada un onde lle deixen”. Pola noite, desde as 12, celebrouse un concurso de disfraces con diversas categorías e 700 euros en premios. O campo estivo cuberto con carpa, e funcionaron canóns de aire quente.
No 2012 a xuntanza vecinal que anualmente se celebra fíxose conxuntamente cos veciños da parroquia de Coea, e comezou cunha Misa oficiada por Xosé Manuel Carballo, xuntándose a continuación nun xantar de irmandade. Coma sempre, asistiron máis de duascentas persoas.
No 2013, en setembro, volveu celebrarse o xantar de fraternidade da parroquia, que incluíu unha Misa na igrexa parroquial, e animación musical a cargo de Tita Lijó. A Directiva do Centro cultural, acompañada por entusiastas voluntarios, preparou o menú do xantar, que estivo composto por empanada, lacón, polo frito, churrasco e postres variados.
En marzo deste ano celebrouse a XXV edición do Campionato de Tute. Competiron 32 parellas, disputando os habituais premios de 600, 400, 150 e 80 puntos para os primeiros, segundos, terceiros e cuartos, con premios de 150 puntos para o primeiro da repesca e 100 para o segundo.
A XXIX edición deste Campionato de Tute celebrouse en febreiro de 2017, coa participación de 32 parellas, que aboaron 70 euros por persoa. Houbo premios para as catro primeiras parellas e para as tres mellores da repesca.