15: Obras comunitarias e Plantel de Extensión Agraria

15: Obras comunitarias e Plantel de Extensión Agraria

O ano 1972 creouse oficialmente o Plantel de Extensión Agraria de Bazar, para promocionar actividades de formación entre a xente moza. Era unha fórmula creada polo Ministerio de Agricultura, a través do Servicio de Extensión Agraria, que tan especial papel tivo na promoción do campo galego.

Bazar dependía da Axencia de Extensión Agraria de Meira, que se creara en 1966 co número 390. A acción desta Axencia comprendía os concellos de Meira, Ribeira de Piquín, Castro de Rei, Riotorto, A Pontenova, Pol e parte da Pastoriza (a metade correspondía á Axencia de Mondoñedo), cun total de 75 parroquias, 718 núcleos de poboación e 25.720 habitantes. No seu radio de acción, promoveu a concentración parcelaria en 40 parroquias da comarca e a constitución de 15 Teleclubs, dúas cooperativas e dúas sociedades agrarias de transformación. Prestou unha importante colaboración para a creación do mercado de Castro Ribeiras de Lea.

Quen sería asíduo visitante de Bazar para diversas actividades, José Luís Piñeiro Barrio, chegara a Meira procedente da Axencia de A Cañiza no verán de 1969.

O Plantel de Bazar, auspiciado polos técnicos desta Axencia, comezou a funcionar no mes de outubro nas súas seccións masculina e feminina, cun cursiño de formación dos seus membros. Este Plantel foi, desde a súa constitución, canle de participación dos seus membros nas tarefas comunitarias, e da recepción de axudas para a realización de obras de interese.

Foi o Plantel o que, en 1973, promoveu as obras de adaptación dun terreo de 8.500 metros cadrados de superficie, para dedicar a Campo de Deportes. Tratábase dun terreo comunal, onde tiñan competencias o Concello e un total de dezaseis propietarios da parroquia. Cortáronse as árbores e todos de común acordo procederon a colaborar para conseguir o ansiado campo deportivo. E en outubro daquel ano xa estaba redactado o proxecto de novo edificio social para albergar o Teleclub.

Foi este un proxecto primordial para o Teleclub e o Plantel, que se desenvolveu a mediados dos anos setenta, con especial incidencia en 1974 e 1975, conservándose detalladas contas do investimento efectuado na construción do edificio social, pista polideportiva e campo do Teleclub Ignacio Rey-Stolle, de Bazar.

O total das partidas de gastos suman 1.202.452 pesetas, e para cubrir ese investimento conseguiuse un total de 1.208.917 pesetas, polo que aínda se obtivo un superávit de 6.465 pesetas.

Destinouse a esta obra un Premio da Fundación Barrié de la Maza, de 100.000 pesetas. E obtivéronse axudas de Información y Turismo de 250.000, 300.000 e 50.000 pesetas, do Patronato Álvarez Ude, 100.000; do Iryda 100.000 para o local e 100.000 para a pista polideportiva; 55.000 da Hermandad de Labradores; 99.925 da Delegación de Deportes; 15.000 do Concello e 35.024 de donativos particulares. E os socios do Teleclub aportaron para a obra 37 xornadas de prestacións co tractor, e 197 de prestacións persoais.

Subscribe as contas o tesoureiro, Francisco Puente Guerra, párroco de Bazar e un dos grandes valedores desta entidade cultural.

Tarefas do Plantel e veciños foron, á parte da construción do local social, a pista polideportiva con campos de baloncesto e tenis e o campo do fútbol, acondicionamento de accesos a estas construcións e á igrexa parroquial, así como varios camiños veciñais.

As obras nos camiños efectuáronse no que desde a estrada de Outeiro a Quintela conduce ao barrio de Penelas, cun custo de arredor de 120.000 pesetas; desde a mesma estrada aos barrios de Mudia e Fontes, por 100.000. Foi posible acometer estas obras pola axuda de Extensión Agraria e   o Concello de Castro de Rei, ademais da prestación persoal dos socios da entidade.

No aspecto formativo, funcionaba daquela o segundo curso do Plantel con vinte alumnos, con clases para a obtención do Graduado Escolar.

En 1979 adecentouse a contorna do local social, céspede, plantas, beirarrúas, randeeiras e focos luminosos á entrada do Teleclub, e inmediacións da pista polideportiva. E afrontouse o arranxo e ampliación dun camiño no barrio de Oroxe, favorecendo a once casas e un amplo terreo, así como o do Camiño que leva á Agra de Leiroás, cun presuposto de medio millón de pesetas.

E en 1980 arranxouse o adro da igrexa parroquial coa colaboración de todos os veciños e constrúense a caseta-vestiario e o marcador do campo de fútbol local, cun investimento de 150.000 pesetas.

Pasamos a 2009, ano no que a Deputación Provincial concedeu unha subvención de 12.000 € para o acondicionamento das pistas polideportivas do Centro Cultural, así como tamén investiría preto de 14.000 en iniciativas promovidas polo párroco, Jesús Muinelo, para realizar obras que se consideraban moi necesarias nas igrexas de Bazar, Prevesos e na rectoral de Ponte de Outeiro. En Bazar destinarónse a amañar a cuberta, pintar, e reparar os danos que o furacán Klaus causou na igrexa aquel ano.