O Teleclub de Bazar, hoxe Centro Cultural, tense distinguido en recoñecer os servizos especiais que lle prestan socios e colaboradores da entidade, e no decurso deste medio século rendeu homenaxes diversas, das que cómpre deixar constancia para lembranza permanente.
O primeiro foi en 1972, ao socio Anxo Lamas Muinelo, autor do escudo do Teleclub e Club de Fútbol de Bazar. Anos despois sería honrado como Veciño de Honra.
A comezo de 1976 a asemblea xeral de socios do Teleclub acordou por unanimidade que o edificio social do Teleclub levase o nome de Ignacio María Rey-Stolle Pedrosa, verdadeiro promotor da realización desa obra, que así mesmo daría nome ao Teleclub e logo ao Centro Cultural.
En 1977 rendeuse homenaxe a Genoveva Ceide González, que durante máis de trece anos foi Mestra nacional na escola de Carral de Vilar (Carravilar), en Bazar, e que foi trasladada ao Grupo Escolar Ramón Falcón, de Castro de Rei. Despois das palabras laudatorias do monitor do teleclub, Luís Veiga, unha exalumna entregoulle un agasallo no nome de todos os presentes e de todos os que pasaron polas súas clases, rematando o acto con palabras da homenaxeada, que entregou ao Teleclub un recordo seu para que figure na asociación.
40 anos despois (outubro de 2017), corenta exalumnos de Genoveva Ceide en Carravilar xuntáronse no Restaurante Río Lea de Castro, nun xantar para lembrar aquel tempo no que a mestra marcou as súas vidas co seu exemplo e o seu saber, estando acompañados por Rosario Vázquez Fernández, neta da profesora Ceide González, e coidando poder repetir esta xuntanza en anos vindeiros.
Nese mesmo 1977 a directiva do Teleclub propuxo nomear Presidentes de Honra do Teleclub a Ignacio Rey-Stolle e Luís Cordeiro Rodríguez, polo moito que levaban feito pola entidade, o que foi aprobado por unanimidade pola asamblea de socios.
O nomeamento a Luís Cordeiro efectuouse pola especial dedicación deste Asesor de Teleclubs e amigo a Bazar e todas as súas actividades, colaborando para que o Teleclub fose un dos máis destacados de Galicia. A Ignacio Rey-Stolle, fillo da parroquia, impulsor do Teleclub e das súas accións, esta distinción viña complementar o acordo de darlle o seu nome ao local social e ao Centro, por ser decisivo o seu apoio no nacemento e crecemento do Teleclub, axudando das máis diversas formas, patrocinando actividades, e mesmo colaborando con prestación persoal co seu tractor, sendo imprescindible para a entidade e para a parroquia.
Na mesma sesión todos os presentes se congratularon da boa marcha do Teleclub, tanto económica como culturalmente.
Xa en 1978 efectuouse a entrega destes dous títulos de Presidentes de Honra a Ignacio Rey-Stolle Pedrosa e Luís Cordeiro Rodríguez, facendo o presidente do centro, Carlos Campo Andión, mención do destacado papel dos dous homenaxeados na impulsión e actividades do Teleclub de Bazar, e lendo o secretario do centro o contido da acta da Xunta Xeral que acordou esta concesión. Pronunciou palabras de agradecemento, no seu nome e no de Luís Cordeiro, Ignacio Rey-Stolle Pedrosa, que da nome ao Teleclub, rematando o acto co canto do Himno Galego.
En 1980 a Asamblea Xeral de socios, a proposta da Xunta Directiva, acordou nomear Socios de Honra da entidade a outros dous membros da Familia Rey-Stolle: Javier Rey-Stolle, e a súa dona, Cecilia Degollada.
En 1981, o 7 de novembro, “O Presidente, Director e Asamblea Xeral do Centro Cultural Ignacio Rey Stolle de Bazar-Castro de Rei”, publicaban no xornal El Progreso unha esquela por María Cecilia Rey-Stolle Degollada, filla de dous socios de honra (Familia Rey-Stolle) do Centro Cultural, invitando a asistir a unha misa que ás seis da tarde se ía celebrar na igrexa parroquial de Bazar.
E o 10 de maio de 1983, Directiva e Asamblea Xeral do Centro Cultural publican unha esquela no xornal El Progreso, polo pasamento o 8 de maio en Madrid de Ramón Falcón Rodríguez, ilustre fillo deste Concello, anunciando que a inhumación do cadáver sería ese día ás seis da tarde no cemiterio de Castro de Rei, e a continuación o funeral.
Como xa se indicou con anterioridade, o escultor Anxo Lamas recibiu en 2009, o título de Veciño de Honra de Bazar, coincidindo coa anual xuntanza de fraternidade que celebran conxuntamente os veciños das parroquias de Bazar e Coea. Para o acto instalouse unha gran carpa nas pistas polideportivas do Centro Cultural, na que se xuntaron arredor de trescentas persoas.
Poñamos, como remate daquel tempo, que a directiva do Centro cultural –todo xenerosidade– nomeonunos Socios de Honra da Institución a Ricardo Pena Saavedra, entrañable compañeiro do Ministerio de Cultura e gran amigo de Bazar, que faleceu hai anos moi novo, e a quen esto escribe (Xulio Xiz). Sempre agradecido.
O pintor e escultor Anxo Lamas, grande colaborador do Centro Cultural, recibiu unha placa de prata acreditativa do nomeamento como Veciño de Honra, acordado pola Directiva do Centro Cultural daquela presidida por Rafael Campo Andión. Para este nomeamento tense en conta non só a súa continuada colaboración co Centro e coa parroquia, senón tamén a súa actividade cultural e artística, dentro e fóra de Galicia, o seu labor para espallar a arte e darlle nova vida á madeira vella convertíndoa en arte permanente, tendo espalladas por todo o mundo máis de dez mil taboas artísticas.
Naceu como artista en Bazar, onde moi novo facía pitiños de barro para que os seus pais os cocesen no forno cando cocían o pan. Despois de facer na parroquia os primeiros estudos, e logo no Seminario de Mondoñedo e o Instituto de Lugo, moi axiña emigrou a Francia, para logo recalar en Barcelona –onde coñeceu a Salvador Dalí–, volvendo por fin a Bazar para convertir a súa casa nun auténtico museo.
No encontro anual de veciños que o Centro Cultural organiza, en 2010 rendeuse homenaxe ao exconcelleiro José Campo e á súa dona, Modesta Andión, recibindo unha placa conmemorativa.
Son dous dos veciños máis lonxevos e queridos da parroquia, aos que a Directiva do Centro Cultural distinguíu simbolicamente como “Veciños de Honra”, no decurso dunha homenaxe na que participaron máis de duascentas persoas.
A celebración comezou cunha misa, seguida dun xantar de fraternidade, no que participaron, xunto cos veciños da parroquia Juan José Díaz Valiño, Alcalde; concelleiros de Castro de Rei, e os Directores Xerais de Innovación e Estatística da Xunta de Galicia, naturais de Bazar.
Na xuntanza anual de 2011 os veciños de Bazar e Coea renderon homenaxe ao párroco de Bazar, Jesús Muinelo Cupeiro, pola súa dedicación a Bazar e por celebrar ese ano as súas vodas de ouro co sacerdocio. Dos cincuenta anos de crego, Jesús Muinelo levaba 46 no Concello de Castro de Rei, onde naceu, xa que despois da súa ordenación só estivo catro anos no concello de A Pontenova, para logo vir facerse cargo das parroquias de Outeiro, Pacios, Prevesos e, por fin, Bazar.
Don Jesus Muinelo Cupeiro faleceu aos 82 anos de idade o 11 de setembro de 2017. Os seus fregueses de Bazar, Ponte de Outeiro, Prevesos e Pacios publicaron unha esquela no xornal El Progreso pedindo unha oración pola súa alma, comunicando que o funeral polo seu eterno descanso se ía celebrar na parroquial de Bazar o día 12, ás cinco e media da tarde, para ser inhumado a continuación no cemiterio desta parroquia.
En 2013, e pola especial atención que desde a Presidencia da Deputación Provincial demostrou cara ao Centro Cultural de Bazar, a Directiva deste acordou nomear a José Ramón Gómez Besteiro Presidente de Honra. O nomeamento faise polo seu apoio aos fins do Centro, especialmente tendo en conta as axudas que a institución que presidia concedera para acondicionar o adro e a pista polideportiva, e para realizar diversas melloras na igrexa parroquial.
Con este nomeamento, máxima distinción que concede o Centro Cultural, son tres os Presidentes de Honra designados nestes primeiros cincuenta anos da entidade.