Con motivo do Cincuentenario do Teleclub-Centro Cultural de BAZAR (Castro de Rei), e o centenario da igrexa parroquial, o Centro Cultural Ignacio Rey-Stolle convoca o concurso “HOXE É MAÑÁ”, como homenaxe e lembranza aos Certames Literarios que este centro ten convocado, e ao seu periódico “ONTE, HOXE, MAÑÁ”, que tanta vida nos ten proporcionado, noméandose así para destacar que se chega agora ao que entonces era un lonxano futuro.
O Certame “HOXE É MAÑÁ”, que está patrocinado pola FUNDACIÓN BLAS DA PONTE DE OUTEIRO, rexerase polas seguintes bases:
- Premiaranse traballos en prosa, en galego, de calquera xénero: creación literaria, ensaio, historia… inéditos, de extensión libre, que aborden temas relacionados con Bazar, a súa historia, a vida na parroquia, o papel do Centro Cultural… que sirvan para mellor coñecer a terra, a vida e as xentes de Bazar.
- Os traballos faranse chegar ao Centro Cultural Ignacio Rey Stolle, persoalmente, por correo, ou por correo electrónico a certamebazar@galiciadigital.com.
- Todos os traballos presentados serán publicados na sección de OPINIÓN de www.galiciadigital.com, e os premiados ou seleccionados serán publicados total ou parcialmente no libro que se confeccione coa historia dos primeiros cincuenta anos do Centro Cultural e os cen da igrexa parroquial.
- Os traballos han ser recibidos antes do 15 de marzo de 2018, sendo publicados na Plataforma dixital indicada antes do 31 de marzo do presente ano.
- Un xurado designado ao efecto, formado por directivos da entidade convocante e patrocinadora, do Concello de Castro de Rei, e do mundo lucense da cultura, concederá os seguintes premios:
- Un primeiro premio, dotado con 500 € e trofeo, para o traballo que se considere máis relevante entre os presentados.
- Un segundo premio de 250 € e trofeo para o traballo que se considere lle segue en méritos ao que obtivese o primeiro premio.
- Un premio especial dotado con 250 € e trofeo para o mellor traballo do que sexa autor un estudante do Concello de Castro de Rei.
Así mesmo, o xurado poderá conceder os Accésits ou Mencións de Honra, dotados con trofeo, que estime convenientes. O fallo do xurado darase a coñecer no decurso do mes de abril de 2018.
Acta do Xurado do Certame literario “Hoxe é mañá” do Centro cultural de Bazar (Castro de Rei)
O 30 de abril de 2018 reúnese o xurado do Certame Literario, convocado polo Centro Cultural Ignacio Rey-Stolle de Bazar (Castro de Rei), con motivo do seu Cincuentenario, formado por:
- Severiano Ónega Ares, da Fundación Blas da Ponte de Outeiro, entidade patrocinadora do Certame.
- José Luís Ramudo Ramudo, xornalista.
- José María Teijeiro Regueiro, Secretario do Centro cultural convocante.
- E Xulio Xiz Ramil, xornalista.
Lidos os traballos presentados, todos eles publicados na Plataforma en Internet www.galiciadigital.com, acordan emitir o seguinte fallo:
- Primeiro premio, dotado con 500 € e trofeo, para o traballo “Breve historia de Bazar e o seu Teleclub”, do que é autor Antonio Cendán Fraga, publicado en Galicia Digital o 15 de marzo de 2018.
- Segundo premio, dotado con 250 € e trofeo, para o traballo “O Mago”, de Benito Ónega Quintela, de Lugo, publicado o 19 de marzo de 2018.
- Premio especial, de 250 € e trofeo, para o mellor traballo dun/dunha estudante do Concello de Castro de Rei, para “Historia”, de Iria Pérez Piñeiro, de 10 anos, alumna de 5º de Primaria do Colexio Veleiro Docampo de Castro de Ribeiras de Lea, publicado o 16 de marzo de 2018.
Pola calidade dos seus traballos, concédense cadansúa Mención de Honra, a:
- “Volver”, de Alejandro P. Ferreiro, de Bazar, publicado o 16 de marzo de 2018.
- “Namorada de ti, verde compañeira”, de Maite Cupeiro Aguiar, de Coea-Castro de Rei, publicado o 13 de marzo de 2018.
Os premios serán entregados no decurso das celebracións do Cincuentenario do Centro Cultural Ignacio Rey-Stolle, de Bazar-Castro de Rei.
E para que conste, asínase de conformidade a presente acta.
Ver traballos premiados