Fálase do 68, de maio do 1968, cando todo era posible, cando os soños eran proxectos de futuro, cando se puxeron as bases deste mundo de hoxe, como punto de partida do actual xeito de vivir.
Eu non sei se en Bazar se notaron os especiais aires que empezaban a soprar en Francia, en Europa, en Galicia… e sen embargo todo empezou naquel mítico Sesenta e Oito, cando cristalizaron as xestións para conseguir para a parroquia un daqueles Teleclubs que parecían o último da modernidade, e se presentaban como lugares de xuntanza dos veciños arredor dunha pantalla pola que ía entrar o mundo nas nosas vidas.
Bazar conseguíu un deses centros –hoxe míticos para algúns, para a maioría descoñecidos– pero non se conformou coa contemplación plácida dunha realidade oficial como quizais estaba programado, senón que o transformou –“dádeme un punto de apoio e moverei o mundo”– nun motor incansable para facer evolucionar (en realidade, revolucionar) o seu mundo máis inmediato.
A mesma oportunidade que Bazar chegaron a tela 339 localidades da provincia de Lugo, a inmensa maioría en pequenos núcleos rurais. E cada quen administrou os “talentos” recibidos na medida das súas posibilidades, da súa iniciativa e axudas, da súa ansia de saber, facer, ter, poder…
Bazar foi sempre dos primeiros; foi un dos “grandes” de Lugo e de Galicia, e se falo de milagre cando falo de Bazar fágoo desde a consciencia de que a este tipo de milagres hai que axudarlles, empuxalos, para que comecen, se desenvolvan e cristalicen en realidades tanxibles e ostensibles.
Bazar foi un milagre en impulso, en logros, en intensidade. Precisamente nun tempo difícil, onde todo estaba por facer; onde había que facelo todo. En Bazar fíxose. E aquel continuado esforzo puxo a Bazar nun lugar visible, se non de privilexio si de nobleza e prestixio, que se mantén neste novo tempo que non precisa xa daquel especial esforzo, que permite novas e diferentes accións, que contempla outros moitos actores e influxos en lugares antes aillados e esquecidos.
Bazar segue a ser un milagre pola unión das súas xentes, pola querenza pola Cultura, pola continuidade de acción e sentimentos… e este libro quere deixar constancia do inxente esforzo inicial, da especialísima ilusión, do traballo continuado desde o Teleclub primeiro, desde o Centro Cultural despois, por construír comunidade, por prestixiar a unha parroquia, por darlle especial sentido á vida neste “ónfalos” chairego que se chama Bazar, o Bazar do milagre cultural, do milagre social, do milagre da unión.