Breve historia de Bazar e o seu Teleclub

Breve historia de Bazar e o seu Teleclub

Antonio Cendán Fraga - 1º Premio

A parroquia de Bazar ocupa unha superficie dunhas 12.000 hectáreas, ou o que é o mesmo uns doce quilómetros cadrados, o que vén representar case o 7,5 por cento da superficie do concello de Castro de Rei que, segundo datos oficiais, ascende a 177 quilómetros cadrados. Emprázase na área norte da Terra Chá, considerada coma a gran planicie galega por excelencia. Da súa existencia dan xa conta documentos moi antigos, sendo o vestixio máis ancestral atopado ata agora un antigo xacemento que data da época castrexa no lugar de Oroxe, malia que está xa moi deteriorado. Estes vestixios datarían dos séculos VI-VII a d. C. Así mesmo, dan conta de Bazar diversos documentos, maioritariamente relixiosos, datados nos séculos XIII e XIV.

En época medieval a freguesía de Bazar formou parte da xurisdición de Castro de Rei, pertencendo ao Condado de Lemos, aos que se pagaban os respectivos tributos por razóns de vasalaxe. No eclesiástico pertencía ao arcediagado de Azúmara. Naquel entón, os seus habitantes satisfacían as súas rendas ao mosteiro dos Bernardos, que se emprazaba na capital do actual concello de Meira. A representación con beneficio eclesiástico pertencía ás casas principais de Sabarei, Reximil, Mondriz e Ancado.

Cando en 1833 se produce a división territorial moderna de España, auspiciada polo daquela secretario de Estado de Fomento, Javier de Burgos, a parroquia de Bazar queda adscrita ao concello que naquela época se denominou "Castro de Rei da Terra Chá", sendo unha das 25 que forman este termo municipal. Ao igual ca sucede coa práctica totalidade das parroquias chairegas e por extensión as galegas, Bazar distribúese en pequenos micronúcleos de poboación denominados lugares. Ata un total de 14 lugares conforman esta parroquia chairega e son, por orde alfabética, Bardián, Canto, Grandela, Mudia, Oroxe, Pazo, Penelas, Pumar, Ribadapena, Veiga, Veiga de Acea e Veiga de Pumar. Algúns destes micronúcleos están deshabitados na actualidade por mor da emigración e do constante avellentamento da poboación galega. De feito, a poboación desta parroquia, ao igual cas do resto da Chaira e Galicia salvo contadas excepcións, foi diminuíndo paulatinamente ao longo dos últimos anos, se ben, esa diminución fíxose máis patente aínda nas décadas dos anos cincuenta e sesenta por mor da emigración cara os países de Europa Central. Con anterioridade, no primeiro terzo do século XX, a emigración destinábase maioritariamente a terras americanas.

Retomando os apuntes históricos da parroquia, compre sinalar que a súa adscrición definitiva ao concello de Castro de Rei fíxose en virtude do Real Decreto de 1835 sobre a División Administrativa do Estado español. Os seus habitantes tiveran que satisfacer un total de 310 reais da época á Deputación Provincial de Lugo. Pola súa parte Pascual Madoz no seu "Diccionario Xeográfico Histórico e Estatístico de 1850" sinala que "a parroquia de Bazar sitúase nunha das máis amplas e grandes chairas que posúe Galicia e que goza dun clima morno e san, aínda que húmido".

A partir do ano 1895, a parroquia de Coea, que seguirá a mantelo seu status civil, pasa a depender dende o punto de vista eclesiástico de Bazar. Nesta época, finais do século XIX, comezos do século XX, Coea e Bazar conforman un importante núcleo de poboación chairego superando entre ambas os 600 habitantes, dos que arredor do 80 por cento residen en Bazar. A progresión demográfica acadará o seu cénit nos anos previos á Guerra Civil, malia a emigración a terras latinoamericanas, sendo A Habana, Bos Aires e, en menor medida, Montevideo os lugares a onde se marchan unha gran parte dos emigrantes destas parroquias. Ao producirse o conflito bélico de 1936 comeza a descender de xeito paulatino o número de habitantes, véndose sensiblemente afectada a poboación masculina. Naquel entón, e ata os anos sesenta e incluso os setenta, predomina o prototipo familiar de carácter tradicional, no que nunha mesma vivenda conviven parentes de distinto grao, que van dende tíos ata curmáns, pasando por netos e irmáns. Non sería ata hai pouco máis de corenta anos cando se estabelece o prototipo familiar nuclear, no que só conviven familiares de primeiro grao. Como consecuencia deses cambios, compre sinalar que en décadas remotas, o número de habitantes por cada casa podería superala ducia, dependendo de cada caso particular.

A poboación comeza a diminuír de xeito espectacular a partir de 1970, cando se perde, por vez primeira, a barreira dos 600 habitantes, sendo a parroquia de Coea a máis afectada por este considerable descenso demográfico. Como consecuencia desa pronunciada perda de xente, aumenta tamén de xeito considerable a idade media dos residentes en ámbalas dúas parroquias. O censo correspondente a 1991 é cando se ve confirmada a crise demográfica desta ampla área rural e daquela constátase que a suma de Bazar e Coea é de 371 habitantes, a cifra máis baixa en 150 anos. Naquel entón, indícase tamén que hai 134 vivendas, das que 119 son a primeira dos veciños, en tanto que as restantes figuran coma casas accesorias. O censo de 2017 constata outro espectacular descenso demográfico e indica que o número de persoas empadroadas nestas parroquias é de tan só 318, das que 301 viven en Bazar e o resto en Coea. O índice de habitantes por quilómetro cadrado no chega aos 27, cando en tempos pretéritos superara amplamente o medio cento.

Polo que respecta á economía, hai máis de cen anos era unha economía case autárquica e de autoconsumo, se ben é certo que por aquel entón comeza a diversificación de cultivos no campo galego, introducíndose os cereais procedentes de Castela, si ben é certo que gaña terreo o mítico centeo e que durante a época da Posguerra estivo fatalmente asociado aos tempos da fame e miseria. Durante unha gran parte da etapa franquista, apenas variou a tendencia económica na zona, na que a práctica totalidade da súa poboación se dedicaba ao sector primario, con prácticas agrarias de carácter extensivo. Non sería ata década dos sesenta cando varían de xeito considerable as ancestrais formas de economía rural. Naquel entón prodúcense sensibles melloras, algunhas delas apoiadas por fondos económicos procedentes da emigración. Se nos anos previos á Guerra Civil, moitos dos cartos que viñan alén do mar se destinaron á mellora das vivendas e incluso a creación de centros educativos, agora tamén se destinan a mellorar o hábitat humano, pero tamén as súas condicións de vida. A estas engádense outras melloras, tales coma as concentracións parcelarias que permiten incrementar de xeito notorio o número de cabezas de gando, pasando das tradicionais tres/catro vacas por casa a superala ducia, o que, a súa vez, permitirá aumentar de xeito significativo os ingresos por familia, o que redundará positivamente no seu nivel de vida e tamén no benestar familiar. Froito das melloras agrarias e consecuentemente da economía, a partir da década dos setenta e que se verá acentuado nos oitenta, moitos mozos de Coea e Bazar seguirán estudos universitarios nos principais centros académicos de Galicia, así como tamén en Madrid, Barcelona e outros puntos da xeografía española.

Nos anos sesenta aparece tamén o "maquinismo", é dicir mecanízase o campo coa chegada de tractores e outras máquinas que facilitan as sempre duras condicións de traballo de agricultores e gandeiros. Pero non serán só os tractores os que fagan acto de aparición, senón que tamén se melloran as comunicacións, có asfaltado de vías principais e secundarias. No mundo agrario déixase de muxir á man e chegan os muxidores eléctricos que, xa non só aforran o tradicional traballo que xeralmente facían as mulleres, senón que permiten un mellor aproveitamento do leite. En apenas uns anos, a mecanización do mundo agrario no caso de Bazar e Coea é unha realidade máis ca evidente e en nada lembra a épocas ancestrais. Atrás queda o canto dos carros do país e nos que un paisano chamaba de dúas vacas pola corda mentres levaba un cigarro entre os beizos e ao lonxe escoitábase o berro de oo vaca!. Na actualidade as cabezas de gando empréganse parar a produción láctea ou de carne, sendo dunha gran calidade a que se produce nestas parroquias chairegas e que mesmo está a acadar sona internacional, tanto polo exquisito coidado dos lácteos coma os xatos que van aos matadoiros e dos que a súa carne está presente tanto nos principais supermercados de país coma nas mesas dos grandes restauradores.

Monumentos
Un dos edificios máis significativos de Bazar é sen lugar a dúbidas a Casa da Granda, que data do século XIX. Posúe un típico hórreo de madeira dos que xa quedan poucos no país. Conta ademais cunha capela de planta rectangular, con teitume de madeira. Salienta tamén un retablo no que se poden observalas figuras de diversos santos. Tamén é significativa a casa do Pacio, no que o máis salientable é a figura que se conserva que semella ser unha antiga torre. Na mesma contémplanse os escudos de armas dos Montenegro. Mentres, o pazo de Aguiar está xa moi deteriorado e del tan só se conserva unha pedra de armas. Do pasado máis remoto de Bazar, é especialmente relevante o antigo castro no lugar coñecido coma Agra do Castro, do que xa non quedan vestixios da época celta.

Ao igual que a meirande parte das parroquias chairegas, o que lle deu rango de status civil de parroquia foi a súa igrexa así coma o seu cemiterio. A Igrexa parroquial edificouse no lugar en que se encontraba o antigo templo no ano 1921. É un templo que ten planta de cruz latina con sancristías aos ángulos da cabeceira. Nela destaca o seu retablo da capela dereita, de estilo renacentista e que foi feito na primeira metade do século XIX. Nel pódense contemplar escultura e imaxes da Virxe do Perpetuo Socorro e San Miguel Arcanxo.

A capela de Oroxe é o outro monumento de maior relevo de Bazar. Foi construído no terceiro terzo do século XIX polos señores Freira e dona Melchora Pardo. Posúe un significativo retablo con diversas figuras relixiosas da época, malia que se atopa moi deteriorado.

O Teleclub de Bazar: Apuntamentos Históricos
Na segunda metade da década dos sesenta espállanse por toda Galicia os primeiros centros de divulgación da televisión, que serían popularmente coñecidos coma "teleclubs". Malia que o primeiro local destas características fora inaugurado en Zamora en 1964, Galicia converteríase no territorio español con maior número de teleclubs de todo o Estado. Dentro deste apartado, convén sinalar que sería a Terra Chá unha das comarcas con maior número de locais destinados a ensinar, teoricamente, a linguaxe daquel moderno medio de comunicación da época. Hai que puntualizar a misión para a que en teoría foran creados porque en cuestión de pouco tempo caería en desuso, é dicir, que arredor de 1975, aproximadamente, xa eran moi poucas as persoas que acudían a un teleclub vela televisión, malia que ata 1977 se estiveron entregando receptores de 625 liñas a distintos centros audiovisuais galegos e concretamente da Terra Chá. Con eles non só xurdía un xeito distinto de presencialo mundo a través da pequena pantalla, algo que naquel entón non estaba ao alcance de todo o mundo.

Cómpre salientar que os receptores de televisión custaban arredor de 25.000 pesetas na segunda metade dos sesenta, cando naquela época o soño de moita xente era ser contratado con seguridade social e gañar arredor de dúas ou tres mil pesetas mensuais no mellor dos casos. A chegada da televisión a Galicia, que vén ser paralela á do tractor, supuxo tamén a aparición dun fenómeno que foi o asociacionismo, sen deixar de lado a tradicional humanidade e colaboración veciñal que sempre se respirara no mundo rural daquela época.

Un dos aspectos que máis se coidou nos primeiros anos de existencia dos teleclubs foi o estacional, sendo moi destacadas as actividades que se desenvolvían polo Nadal, aínda que non o eran menos o resto do ano cando se facían excursións a distintos puntos da xeografía que eran moi concorridos en época estival. Non menos importantes foron os cursos en materia agropecuaria que facían para os veciños das diversas parroquias promovidos pola antiga oficina de Extensión Agraria e tamén o IRYDA. Grazas a esas actividades, non só se melloraba a calidade dos ancestrais cultivos que se recollían senón que se introducían outros novos que ata daquela non foran cultivados. Tamén agricultores e gandeiros chairegos tiveron oportunidade de coñecer as granxas e matadoiros de COREN en Ourense, así coma visitalas instalacións do gran matadoiro lugués de FRIGSA ou outros centros que revestían interese. Do mesmo xeito, tamén as charlas que alí se impartían fomentaron a tan cacarexada concentración parcelaria, que remataba co secular e ancestral minifundismo galego e que, aínda hoxe en día, se segue a dar en moitas parroquias da Terra Chá. O fomento daquelas novas técnicas agrarias redundarían moi positivamente na zona norte da Terra Chá, xa que moitos dos seus agricultores e gandeiros verían reforzadas as súas explotacións gandeiras e agrícolas polas grandes avantaxes que lles traían aparelladas a concentración parcelaria.

Non entanto, retornando ás actividades que se desenvolvían nos teleclubs, hai que sinalar que o Nadal deixaría unha fonda pisada que sobrevive na actualidade. Temos o exemplo do Belén de Begonte, do que a primeira edición se celebrou en 1972, mentres que en Bazar é moi tradicional o seu pregón, que se recuperou en 2008. Foron moitas as personalidades que se encargaron de darlle a benvida ao Nadal chairego, entre eles o que fora bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, Sánchez Monge ou o ex alcalde de Lugo, Vicente Quiroga Rodríguez.

Retomando as actividades daqueles primeiros anos, tampouco se escatimaban esforzos en proporcionarlles cursos aos veciños da contorna, entre eles os organizados polo PPO e tamén eran destacadas as semanas culturais. Ata un pequeno da parroquia de Bazar, Manuel Gallego Carballo acadaría o recoñecemento do labor que se levaba a cabo no teleclub ao gañar un certame nacional de debuxo. Do mesmo xeito, non quedou atrás a potenciación das semanas culturais. Dentro de este apartado, hai que indicar tamén que foi nos teleclubs e as antigas casas escolas onde se daría a coñecer un dos mellores grupos galegos de música de tódolos tempos, que nun principio apareceron baixo o nome de "Folk 72", para logo ser coñecidos polo da letra dunha das súas cancións, "Fuxan os Ventos". Tamén a gran pantalla tivo o seu recanto en Bazar coa proxección de distintos filmes e documentais de diversos aspectos. Outra personalidade que pasou por el foi o teólogo e pensador galeguista, Xosé Chao Rego.

Os primeiros anos do agora centro cultural "Ignacio Rey.Stolle" foron moi fecundos en actividades, sendo galardoado en distintas ocasións cos premios de "Desarrollo Comunitario", que era un galardón que recoñecía as distintas actividades que se desenvolvían ao longo dun ano. Á hora de presentar o presente traballo, despois de examinala revista "Telecub Galicia", temos constancia de que o centro de Bazar foi galardoado ata en seis ocasións, sendo o que máis premios destas características acadou e que estaba promovido pola desaparecida "Rede Nacional de Teleclubs". Un dos premios máis importantes dos que se ten constancia foi o concedido en 1977, cando lle deron 10.000 pesetas en efectivo, amais dun diploma de honra. A importancia dos centros destas características na provincia de Lugo e na Chaira en particular tivo tamén o seu reflexo nos medios de comunicación. Coma antes se indicaba, aparecería unha revista "Teleclub Galicia", dirixida polo xornalista chairego Xulio Xiz. Tamén, nos primeiros anos setenta, concretamente entre 1971 e 1973, o xornal lugués "El Progreso" publicou unha sección que aludía directamente aos centros de desenvolvemento televisivo, baixo o epígrafe de "Teleclub".

Tampouco o deporte quedaría á marxe da súa pródiga actividade e fundaríase o primeiro equipo de fútbol da historia de Bazar para o que tamén promoveu a construción do seu primeiro campo de fútbol, no que se investirían 150.000 pesetas de hai xa medio século. Pero, non foi só a promoción do deporte do balón onde se destacou este centro, tamén introduciu un deporte que daquela tan só o practicaban as elites e que non era outro ca o tenis, convocado torneos anuais.

Non menos importantes foron os de baloncesto que, naquel entón, era un deporte que principiaba nos pobos da provincia de Lugo. Do mesmo xeito, principalmente pensado para os máis novos, o atletismo, coa convocatoria de carreiras populares tamén tería cabida entre as actividades que se desenvolvían. Froito da fecunda actividade que se estaba a levar a cabo, en 1979, cando moitos teleclubs xa pasaran á historia, o Consello Superior de Deportes recoñeceu o seu traballo. O deporte chegaría a traspasar a barreira da práctica e así constituiríase unha importante peña de quinielas que chegaba a apostar unhas mil pesetas semanais. Igualmente, as tradicionais excursións do teleclub transcenderían do ámbito formativo e aproveitarían a ocasión para presenciar distintos eventos deportivos.

Pola súa banda, o centro de Bazar tampouco escatimou recoñecementos e así daríase o nome de Ignacio Rey Stolle ao centro en 1976, e ao ano seguinte nomearíase presidentes de honra a Ignacio Rey Stolle e a Luis Cordeiro, asesor de teleclubs, quen de 1979 a 1983 ocuparía a presidencia da Deputación Provincial de Lugo.

A partir da década dos oitenta a actividade do antigo teleclub experimenta unha reorientación cara ás actividades lúdico culturais, deixando atrás a linguaxe audiovisual, xa que a televisión xeneralizárase por toda Galicia. O que máis destacará a partir de agora serán as actividades culturais coa convocatoria de distintos premios literarios, cos que se galardoarían a diversos escritores e tamén rapaces dos centros educativos de Castro de Rei. Moitos dos premiados destacarían logo en distintos ámbitos profesionais, entre eles o coñecido xornalista chairego Antón Galocha.

Có cambio de milenio retomáronse moitas das actividades que se estaban a facer no antigo teleclub, aínda que con novos xeitos e maneiras. Neste eido volveu salientar a personalidade de Luís Veiga, así coma da xunta directiva do agora "Centro Cultural Ignacio Rey Stolle". Entre os aspectos máis salientables da nova etapa está a recuperación do pregón de Nadal, que estivo a cargo, entre outros, do bispo Sánchez Monge, o avogado Xosé María Novo ou o artista chairego Anxo Lamas, en 2016. Este último falecería ao comezos do ano en curso á idade de 74 anos.

Unha das actividades que máis se potenciará agora serán as de irmandade veciñal. Así son frecuentes e concorridas as súas comidas de fraternidade que reúnen ata 300 persoas. Do mesmo xeito, tamén se recoñecen a moitos dos seus veciños aos que se lles outorga o honorario título de "Veciños de honra". Entre estes últimos salienta o matrimonio formado por Modesta Andión e Xosé Campo. Tamén se lle tributou unha homenaxe en 2011 ao crego Xesús Muinelo co gallo das súas boas de ouro. O sacerdote, orixinario de Bazar, exercera a súa labor pastoral tanto en Bazar coma noutras parroquias da contorna. Así mesmo, en 2013 sería nomeado novo presidente de honra o entón presidente da Deputación Provincial de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro. Este recoñecemento déuselle polo seu labor en favor dos locaís que alberga á agora asociación cultural. En 2010, e con cargo ao Plan de Obras da Deputación, a corporación provincial proporcionáralle unha subvención de 25.000 euros para acometer a remodelación do centro cultural Ignacio Rey-Stolle. As obras supuxeron unha extraordinaria mellora en tódolos eidos.

Outro aspecto que sería recuperado na nova etapa serían as veladas literarias e tamén os concursos, aparecendo entre os máis destacados de Galicia o que se convoca por mor do seu 50 Aniversario. Este importante premio servirá tamén de para homenaxear á revista "Onte, hoxe, mañá", que fora unha pequena publicación editada cando aínda era teleclub e da que apareceron varios números. Nela dábanse conta das actividades que se levaban a cabo naquel centro e tamén se publicaban algúns traballos de interese, moitos dos cales foran realizados por mozos e veciños de Bazar, con motivo dalgún evento extraordinario, ben fose o Nadal ou calquera outra época do ano.