Pola especial tradición familiar e comunitaria das festas do Nadal, remate do ano e Aninovo, sempre en Bazar tiveron un grande arraigamento e se celebraron con toda brillantez e participación xeral.
Comezaron a celebrarse en 1971, pero xa en 1972 se falaba de que as festas do Nadal eran tradición no Teleclub de Bazar, e precisamente aquel ano se dedicaron especialmente aos emigrantes da parroquia que viñeron pasar as festas na súa parroquia de orixe, e asistindo aos festexos tamén veciños das parroquias limítrofes.
O pregón do Nadal o ano 1976 pronunciouno Xosé Trapero Pardo, destacado fillo do Concello (nacera en Castro Ribeiras de Lea en 1900), escritor e xornalista, cronista oficial da cidade de Lugo. O pregoeiro foi presentado por Luís Cordeiro Rodríguez, asesor da Rede de Teleclubs. Durante estas festas proxectouse a película “7 pistolas para los Mac Gregor”, celebrouse a festa de fin de ano, e o seis de xaneiro unha festa infantil.
En 1977, en asamblea, os socios acordaron celebrar o fin de ano cun concurso de baile galego, facer festa infantil o día de Reis, e celebrar (teñamos en conta que se vivían os primeiros tempos da Democracia), unha mesa redonda sobre as diversas ideoloxías políticas con participación de destacados militantes e persoas da parroquia.
O pregón do Nadal foi pronunciado o 22 de decembro por Luís Cordeiro Rodríguez, asesor da Rede de Teleclubs e Presidente de Honra do Teleclub. Ao final do pregón actuou a Rondalla Latexos, de Foz.
Por Reis de 1979 celebrouse na igrexa parroquial unha misa cantada para nenos e rapaces da parroquia, así como un recital de poesías de Nadal no Teleclub, con premios que se concederon ás mellores interpretacións.
O pregón de Nadal de 1979, estivo a cargo de Xulio Xiz, con actuación de Grupo Bazar de Danzas do Ministerio de Cultura en Lugo, e da Coral Xolda do Círculo de Xubilados. Segundo publicou El Progreso, o pregoeiro fixo “unha disertación breve, pero chea de frases elocuentes e significativas da historia do Nadal, sobre todo en Galicia”, sinalando que “non quere que estas palabras sexan desesperanzadas senón cheas de ilusión”, para rematar avogando por un mundo no que “os que non teñen non teñan que avergonzarse de non ter, e os que teñen non teñan que avergonzarse de ter”.
Neste acto do Pregón tamén se entregaron os premios do I Certame de Narración Infantil, convocado polo Teleclub entre alumnos da comarca da Terra Chá, con motivo do Ano Internacional do Neno. A festa de fin de ano estivo amenizada polo acordeonista Daniel, e a actuación de John Balan.
En 1980, pronunciou o Pregón do Nadal o destacado xornalista chairego (natural de Begonte) José Tuñas Bouzón, Delegado en Lugo de Radio Nacional de España, Televisión Española e Faro de Vigo. Despois do pregón actuou o grupo folclórico da Asociación Cultural As Penas, de Gaioso-Outeiro de Rei, coas súas seccións de gaitas e danza.
Pola Noiteboa proxectouse a película “Bello recuerdo”, de Joselito, e o día de Nadal inaugurouse a exposición de pintura “Plástica al barniz” do artista local, socio do teleclub, Anxo Lamas, que estivo aberta ata o día trinta de decembro.
O seguinte pregoeiro (1981) foi José Campo Uz, que fora Presidente deste Centro, e pronunciou un pregón titulado “Navidade, novedade e nacimento” no que comentaba o significado do Nadal para os crentes e para os non crentes. Para os crentes, comentou, “é un acontecemento anunciado polos profetas”, mentras que para os non crentes Jesús “foi un revolucionario, e por iso caeu nas mans da xustiza”. Despois do pregón actuou a Coral Meigas e Trasgos, de Sarria.
Este Nadal celebrouse a Cabalgata de Reis, que organizaron os Valuros de Castro de Rei e o Teleclub de Bazar, co patrocinio do Concello de Castro de Rei. A Cabalgata estivo ás 11:30 en Ansemar, ás 12 no Aeródromo de Rozas, á unha no Sanatorio psiquiátrico de Castro, ás 3 da tarde en Bazar, ás catro en Ponte Outeiro e ás cinco houbo unha recepción oficial na Casa do Concello en Castro de Rei.
Os Magos de Oriente agasallaron aos nenos en todos os puntos do seu percorrido. A comitiva abríaa un camión-carroza, con amplificación e unha estrela con cola, iluminada, de tres metros de lonxitude. Os Reis Magos viaxaban nun Mercedes con matricula estranxeira, e en cada unha das paradas subíanse á carroza para dirixirse aos presentes, sendo recibidos con bengalas e despedidos con grandes aplausos. Daquela, os organizadores prevían que as SS.MM. o ano 82 chegarían por vía aérea ao Aeródromo de Rozas.
En decembro de 1981, o Belén foi vivinte o día 25 de decembro, tendo nel protagonismo os nenos do Teleclub.
No Nadal de 1982, o Pregón foi pronunciado pola profesora da Escola de Prácticas da Escola Universitaria de E.X.B., Consuelo Montouto Soilán, que foi presentada polo Director do Centro, Luís Veiga. A pregoeira avogou porque o Nadal non fora “algo superficial, senón que debe ser algo máis profundo”, fixo unha chamada á convivencia familiar, e á unidade das parroquias, concluíndo que non se debe “esperar a que ninguén de fóra veña resolver os vosos problemas; tendes que ser vós os impulsores, buscando o ben de todos”.
O día de Nadal escenificouse o Belén vivinte, por parte de fillos de socios do Centro Cultural. E ao seguinte día, o grupo A Roga do Centro Cultural ofreceu unha representación da obra “Unha rosa branca”, de Xulio Pita Muinelo. Esta obra representouse a beneficio dos damnificados nas recentes inundacións no Levante español, recaudándose con este fin a cantidade de 13.000 pesetas. Ao rematar a representación fíxose entrega de placas de agradecemento aos destacados colaboradores do centro pertencentes a este grupo de teatro: Xulio Pita, Pepita Carballés, Mercedes González e Xosé Manuel Carballo.
Completouse o programa do Nadal coa proxección da película “Los siete magníficos”, a tradicional festa de Fin de Ano, e festa infantil por Reis.
En 1983 o pregoeiro do Nadal foi o Alcalde de Lugo, Vicente Quiroga Rodríguez, aquel mesmo ano elixido para o cargo.
Tiveron que pasar vinte anos para que se retomase a tradición de que Bazar contase co Pregón do Nadal, pronunciado no Centro Cultural. Foi en 2008 cando se converteu de novo en habitual, comezando esta nova etapa co pregón que estivo a cargo do Bispo de Mondoñedo-Ferrol, Monseñor Sánchez Monge.
En 2009 o pregón do Nadal foi pronunciado por Alejandra Álvarez de Mon Rego, Directora Xeral de Innovación, Industrias Agrarias e Forestais da Xunta de Galicia, moi vinculada a esta comarca. Coincidiu co pregón do Nadal a inauguración dunha singular exposición fotográfica con imaxes antigas da parroquia referidas a festas e romaxes, actividades, costumes e persoas, que causou un singular impacto entre os que a visitaron.
O Pregoeiro do Nadal de 2010 foi José Ramón Gómez Besteiro, daquela Presidente da Deputación Provincial de Lugo.
No Nadal de 2011 o pregón foi pronunciado por Carlos Fernández, Alcalde de Ames (A Coruña), e expresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias. Carlos Fernández, con raíces maternas en Bazar, fixo unha encendida defensa da solidariedade veciñal, nestes tempos de crise, nos que hai moitas persoas necesitadas de altruísmo e de axuda. Agradeceu o pregoeiro esta ocasión para visitar Bazar e achegarse á actualidade da parroquia, así como coñecer aos veciños da familia de súa nai.
O alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado, fíxolle entrega dun agasallo, e agradeceu a súa presenza no Concello. Houbo, coma sempre, unha animada festa a noite de fin de ano.
No 2012 o pregoeiro foi José Manuel Modia Núñez, A.T.S. en Castro de Rei.
No 2013 o Pregón estivo a cargo do avogado natural desta parroquia, residente en Madrid, José María Novo Rodríguez, asistindo todos previamente a unha misa na igrexa parroquial, e inaugurándose unha exposición de obras de arte doutro veciño que reside fóra da parroquia, Santiago Vila.
Con este motivo actuou no salón de actos do Centro o Grupo de acordeóns de Meira, pechándose os actos cunha chocolatada.
No 2014 pronunciou o pregón José María Teijeiro, que falou do Nadal como un proceso, sendo Nadal cando estamos abertos a un cambio persoal e social, cando valoramos as pequenas cousas, cando damos un sentido humano á vida, cando rompemos o noso illamento e empezamos a compartir a vida do outro, e puxo especial exemplo de Nadal o remate dos traballos da concentración parcelaria, esenciais para o progreso da parroquia.
No 2015 abríu as celebracións do Nadal Carmen López Andión, profesora de Econometría da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC No 2016, Anxo Lamas Muinelo.
No 2017, o pregoeiro do Nadal foi Juan José Díaz Valiño, que no seu pregón fixo unha petición aos Magos de Oriente. "Unha petición de paz para as veciñas e veciños que nos deixaron neste ano e que eu desexo personificar en tres persoas recoñecidas por todas e todos nós: Don Jesús, párroco desta parroquia; outro cura ben querido como foi Xosé Manuel Carballo e, aínda que finou a finais de 2016, tamén merece un recoñecemento e desexo de paz quen foi o noso alcalde durante 18 anos, Arturo Pereiro”.