De sempre, os de Bazar tiveron a teima e o desexo de que o nome do pobo de Coea correspondese á “Cauca” romana, onde naceu o emperador Teodosio, coidando que alomenos podían competir con “Coca”, de Segovia, á que se lle recoñece esa mesma posibilidade. Pero non había elementos firmes que puidesen avalar calquera comentario ao respecto.
E aínda que ata agora non se sabía de achados arqueolóxicos importantes dentro do termo parroquial, a posibilidade de que Teodosio vise a primeira luz nestas terras nunca deixou de estar de actualidade.
Lembra Luís Veiga que seu pai, hai alomenos sesenta anos, traballando unha finca da familia no lugar dos Escouredos, en
Coea, atopaba un lugar onde o arado non daba traballado a terra por moito que as vacas tirasen, comprobando que a terra
tiña naquel lugar moita menos profundidade e o fondo de pedra quedaba moi preto da superficie.
Afondando daquela no lugar atopáronse varias pedras traballadas, entre elas unha columna de sección circular que acabou sendo a base dunha mesa nas inmediacións da casa familiar, coidándose podía proceder dun edificio importante dado o seu diámetro de arredor de cincuenta centímetros.
O 15 de xullo de 2020 foi un día importante para Luís Veiga e para todo Bazar, ao difundir a prensa escrita que, mesmo ao lado da finca en cuestión, os arqueólogos destapaban a existencia a moi pouca profundidade dos restos dunha vila romana, cando facían traballos relacionados coa instalación dunha liña eléctrica procedente dun parque de aeroxeradores. E na parte superior dalgúns dos restos atopáronse as pegadas deixadas polas rellas dos arados ao traballar a terra que os recubría.
Segundo nos informa o arqueólogo Manuel Lestón, responsable desta escavación, a pesar da escasa superficie escavada, 40 m2, os restos materiais recuperados permitiron realizar unha primeira adscrición cronolóxica desta construción entre os séculos II e IV d.C.
A escavación manual desta pequena superficie completouse coa prospección xeofísica do entorno inmediato á superficie escavada. Os resultados preliminares definen a presenza dunha vila de grandes dimensións, máis de 2.000 m2 de superficie construída, con diferentes e variadas estruturas espalladas ó seu arredor.
Estima Manuel Lestón que esta gran vila rústica, ata o momento única no noroeste hispánico, seguramente se teña que pór en relación co gran momento de esplendor do Lugo romano, capital do conventus lucensis dende o século III d. C., concluíndo que a nova vida urbana que se desenvolve en Lucus Augusti a partir do século I d.C. só puido manterse grazas á achega dunha parte importante dos produtos necesarios no seu quefacer diario procedentes deste tipo de vilas situadas nas proximidades da cidade.
Este achado, que nada impide que os profanos o relacionemos de inmediato co Castro de Viladonga (Castro de Rei) ou a vila romana de Doncide (Pol), é o froito dunha escavación de corenta metros cadrados en fincas dunha superficie cincuenta veces maior, que acreditan vida importante na parroquia nos primeiros séculos da nosa era e que, aínda que para a súa protección estes restos foron cubertos de novo, auguran posibles accións futuras que dean luz á historia da parroquia e do concello.