Benito Ónega Quintela - 2º Premio
Logo de que Xaneiro fuxira do pobo e as cores que doutrora permanecían vivas e ledas nos intres se esvaecesen, todo ficaba frío e descolorido. Non tiveron que mirar tras as xanelas nin que ninguén lles dixera o que acontecera, porque, agás os veciños dos pobos máis afastados, todos se decataran.
Alí estaba Bazar, espido e branco coma un lenzo, cuberto cunha brétema de silencio.
Noutrora, lembraban como a cor e a ledicia invadían o pobo. Tanto tiña o bulir dos séculos e dos Xuños, tanto daba que fose San Antón un profeta portugués ou unha arca chea de testemuños que chegaba ata Padua.
Ninguén no pobo entendía de desdéns, non se amolaba da descrenza, xermolaba nel un cheiro a crenza, foran tantas as veces que ollaran a maxia que xa todo era costume.
Coma cando os recordos alleos orballaban verbas sobre as procedencias dos antigos pazos, empapábanse da curiosidade...tanto daba que fose o deslembrado de Aguiar ou o de Pacio, neles afondábanse centos de lendas. Sen esquezer o da Granda, do que contaban que era dono un dos cinco cabaleiros que trouxo D. Mendo de Rausona, irmán de Desiderio, último rei dos longabardos de Italia; dito pazo contaba coas máis variopintas maxinacións que aínda perduraban soterradas tras das antigas portas, e na capela ó carón, fóra xa da muralla, ó lado da fonte milagreira na compaña de carballos e castiñeiros.
Bazar é o lar no que a partires da primavera tanto o Azúmara coma o Miño regan o pobo de tribus de sons baluros doutros tempos, orquestrados por folosas, biluricos, verderolos e parrulos.
E agora, que esperta a saudade na vila coma o berro dun neno cando coñece a dor, e os ecos morriñentos os levan da man da melancolía, endexamais creron a mala nova de que finara. Non era posible por máis alén que dixeran que fose.
Por iso, despois do enterro, cando as verbas agochadas loitaban por saíren de novo, ninguén do pobo atopou a axeitada, xa sabían que todo estaba dito.
E nos vindeiros días, cada raiola caía coma unha pincelada, e en cada beira todos se acordaban del ao ollar unha nova cor. Anxo, o mago das cores.