Aproveito a publicación deste libro que recolle os 50 anos de historia do Teleclub Ignacio Rey-Stolle de Bazar dende a súa fundación, para saudar a todos os veciños e veciñas da parroquia e felicitalos por ter axudado durante este tempo a dinamizar a vida social e cultural de Bazar arredor desta instalación na que se levaron a cabo actuacións ben diversas, dende obras de teatro, celebracións dos veciños, actuacións musicais e máis recentemente o pregón de Nadal que os responsables da asociación veñen organizando anualmente, facendo de Bazar a única parroquia do Concello que mantén vivo o espíritu do Nadal, enchendo de ledicia os corazóns de todos os visitantes.
Igualmente quero agradecer o traballo que aportaron os que noutro tempo tiveron responsabilidades políticas e administrativas e coa súa labor contribuiron a levar a cabo a construcción do local, como tamén a tódolos veciños e veciñas que co seu traballo e esforzo fixeron posible ata a actualidade o desenvolvemento de actividades e festas na instalación, e así mesmo ós que fan posible esta publicación que pon en valor a parroquia de Bazar.
Francisco Javier Balado Teijeiro