Bazar, adiante!

Bazar, adiante!

Bazar, adiante!

Xulio Xiz, “Onte, hoxe, mañá” (1984)

Non cabe dúbida de que, para aqueles tempos, foi unha boa idea. O crear Teleclubs, como centros de promoción cultural, en base ao novo medio de comunicación de masas que xurdía, arroupado con bibliotecas chamadas básicas, con algunhas axudas, marcou un fito na incidencia no medio rural galego da iniciativa oficial de promover dalgunha forma os núcleos máis desabastecidos culturalmente.

Xurdiron así ata case catrocentos Teleclubs na provincia de Lugo, o que da idea da profusión no nacemento destes centros. Quizais fosen demasiados se se ten en conta que o seu nacemento debería ser froito dun pensado estudio… quizais fosen moi poucos se pensamos que a provincia de Lugo, pola súa dispersión, precisaría máis dun milleiro de similares entidades.

Nunca foron sobradas as axudas, e con mellor ou peor sorte, os Teleclubs víronse obrigados a camiñar sós por uns vieiros que afortunadamente eles mesmos trazaban.

E o tempo encargouse da selección. No camiño foron quedando a centos aqueles que non puideron seguir o ritmo que o tempo marcaba. Os Teleclubs, a maioría, foron esmorecendo e se non desapareceron están a levar unha vida que case non é tal.

¿Cantos quedan hoxe? Posiblemente na provincia de Lugo, hoxe, non queden máis de dez… ou vinte… non chegan a trinta. Pero os que quedan, de por si, xa xustificarían todos os esforzos de tantos anos: a iniciativa do comezo, as axudas modestas de organismos como o Ministerio de Cultura, Deputación Provincial, Concellos, IRYDA, Extensión Agraria… e, sobre todo, a axuda de todos os socios e rectores que vitalizaron un importante labor.

Os que hoxe quedan son froito dunha semente que xermolou e que ao atopar terra axeitada medrou sin parar. Un deles… dos mellores, é o Teleclub de Bazar, hoxe Centro Cultural.

O seu traballo é froito do actual esforzo, pero tamén de moitos anos de constancia. O que destaque de entre os demais, produto dunha selección natural, na que o factor máis determinante foi o labor duns homes e dunhas mulleres que quixeron que o seu pobo mellorase cultural e socialmente.

Pode que hoxe sexan aínda menos as axudas, que o Centro Cultural teña que camiñar só, sen contar máis que cos seus esforzos. É máis que suficiente. Non precisades de ninguén máis. Os  de Bazar xuntos podedes máis que calquera. Sempre o demostrastes. Seguídeo facendo. Bazar, adiante!

 

Compartir