Antonio Cendán Fraga
Na década dos sesenta, o réxime franquista propúxose que a televisión chegase a tódolos recantos do Estado. Galicia, por razóns orográficas e xeográficas, non era un dos terreos máis aptos para que chegase o sinal televisivo. De feito, cando se iniciaron as emisións da única canle televisiva da época, en 1956, á nosa terra non chegaba aínda o seu sinal. Non sería ata cinco anos despois cando os habitantes do Noroeste peninsular puideron ver por primeira vez as imaxes das 625 liñas. Aínda así, posuír unha televisión naquel entón era cuestión de privilexiados, xa que o seu prezo aproximábase ás 50.000 pesetas, o mesmo valor ca o dun Seat 600.
Para paliar as dificultades que supoñía o acceso á televisión, a mediados dos anos sesenta creouse a Rede Nacional de Teleclubs. Curiosamente, foi en Galicia onde maior número de centros destas características se crearon, sendo á súa vez a Terra Chá a que tivo o maior número de todo o estado, achegándose a un centenar. Desde a Serra de Curtis ata a Xesta, e dende Castro de Rei ata Momán, a inmensa comarca chairega converteuse na auténtica capital dos centros audiovisuais. Nos primeiros anos, os veciños amoreábanse arredor das nove da noite para ver as noticias nos primeiros telexornais da época, aquela famosa serie de vaqueiros coma “O virxiniano” ou espazos como “Investigación en marcha”, ”El Irreal Madrid”, ou “Planeta Azul” do mítico doutor Félix Rodríguez de la Fuente, traxicamente finado mentres gravaba un dos seus programas no Canadá.
No entanto, ver a televisión non foi a única actividade que desenvolveron os Teleclubs, que eran dirixidos por un responsable ao que lle chamaban monitor. Grazas á aparición destes centros, comezou unha intensa actividade social e cooperativa entre os veciños das distintas aldeas e parroquias onde se emprazaban. Así, recibían os primeros cursos de formación agraria, que servirían para mellorar a extensa agricultura de hai xa preto de medio século. Tamén foron importantes os premios e concursos, entre eles os de fotografía e actividades socioculturais. De feito, centros coma o de Bazar e o de Pígara, en Guitiriz, recibirían premios como mellores Teleclubs do Estado. Do mesmo xeito, tamén foi moi intensa a súa actividade excursionista. Os veciños destas parroquias achegábanse a outros recantos da xeografía galega, principalmente a aqueles que revestían algún tipo de interese, tal e como podían ser as instalacións de Coren, en Ourense ou calquera outra empresa que revestise unha singularidade especial. Da mesma maneira, co desinteresado traballo veciñal, leváronse adiante importantes obras de construción e mellora de novas infraestruturas, intentando dalgún xeito paliar o ancestral atraso que tiñamos en materias de tipo viario. Tamén se levaron adiante as primeiras acometidas de auga e cursos sobre a importancia das concentracións parcelarias.
A importancia dos antigos Telecentros foi tal que en Lugo editouse unha publicación mensual denominada “Teleclub”, dirixida con extraordinario acerto polo xornalista chairego Xulio Xiz Ramil. Nas súas páxinas atopábanse todas as actividades que na época se levaban a cabo, así como algúns consellos de vital importancia para cando se adquiría un novo receptor de televisión, xa que as tecnoloxías, ás veces, xogábanlles unha mala pasada, ao igual que nos ocorre hoxe en día cos móbiles ou a Internet.
Ademais de ser a capital estatal dos Teleclubs, na Chaira estes centros tardaron moito máis tempo en perder o seu antigo esplendor ca no resto de Galicia. A mediados dos anos setenta, cando a televisión xa comezaba a estar asentada, na nosa comarca aínda se seguían abrindo novos centros. Pero o seu ocaso foi practicamente repentino e instantáneo, convertendo aos antigos centros da linguaxe audiovisual en casetos moitas veces abandonados e carentes de vida, agás naqueles lugares nos que, coma en Bazar, se fixo unha acertada reconversión.
A finais da década dos setenta, xa eran moi escasos os veciños que acudían ver a televisión ao Centro, que non había tantos anos gozara dun extraordinario esplendor. Tamen deixaron de realizarse cursos e actividades análogas ás que se viñeran a desenvolver ata aquel entón. Amais, o prezo dos receptores televisivos baixara de xeito espectacular e case todo o mundo podía dispor dun aparello audiovisual. Por desgraza, a súa desaparición foi paralela ao despoboamento das zonas rurais galegas, que a partir dos anos oitenta perderon milleiros de habitantes, e o noso país pasou de ser unha terra eminentemente rural a un país no que predominan xa os ambientes urbanos.