Bazar e Coea

Bazar e Coea

Bazar e Coea

José Manuel López Andión

Bazar (San Pedro) e Coea (San Salvador) son dúas das vinte e cinco parroquias que forman parte do Concello de Castro de Rei dende a división municipal do século XIX. Están situadas na parte oriental da Terra Chá, nun terreo predominantemente horizontal composto de materiais sedimentarios terciarios, situado sobre os 400 m. de altitude, onde o río Miño conflúe co seu tributario pola marxe esquerda o río Azúmara, que no seu tramo final serve de límite entre Bazar e Coea; de xeito secundario, tamén conflúe (pola sua marxe dereita) dentro do término de Bazar, outro pequeno afluente do Miño chamado, moi propiamente, o río Pequeno, e a calquera deles vai parar outra serie de pequenos regatos secundarios. A planicie situada entre 400-420 m. de altitude pola que circulan os ríos e na que se estende a maior parte do territorio de ámbalas dúas parroquias está rodeada (ou interrompida) por pequenas elevacións montañosas que non chegan en ningún caso ós 500 m. : a Pena de San Miguel (478 m.), o Mourón (479) ou o monte do Castro (484 m.) en Bazar; e polo sur, xa fóra dos límites de Coea, o Alto da Escrita (489 m.) en Santa Locaia ou o monte da Cancela (498 m.) en Quintela. A planitude do terreo, a pluviosidade do clima e a capacidade de retención de auga dos solos fan que nos meses de inverno sexan frecuentes os encharcamentos do terreo, e cando un inverno é especialmente chuvioso, se produzan desbordamentos do  cauce  dos  ríos e inundacións das partes máis baixas. As coordenadas xeográficas da igrexa parroquial son 43º 13’ 30’’ de latitude Norte, e 7º 26’ de lonxitude Oeste.

O conxunto ocupa unha superficie total aproximada de 13 Km2, dos 177 cos que conta o Concello de Castro de Rei, e ten unha poboación total de 318 habitantes segundo o Padrón municipal de 1 de Xaneiro do 2017 (301 Bazar, pero só 17 Coea). Ambas parroquias forman unha soa comunidade dende o punto de vista eclesiástico, que comparte igrexa e cemiterio dende finais do século XIX. Con anterioridade estiveran separadas. A situación particular de Coea procede de que dende a Baixa Idade Media ata case mediados do século XIX foi un couto (unidade xurisdicional) e granxa (explotación agraria administrada directamente polos frades) do mosteiro cisterciense de Santa María de Meira. A primeira mención documental da existencia da mesma remóntase a 1290, cando se delimita o seu terreo como consecuencia dun “preyto que era entre los freyres de quintella e os frades de Meyra sobre lo termeo dentre quintella e a granxa de Coca” (Mariño Veiras, 1983). Era frecuente que as granxas dos Frades non tivesen, alomenos nos primeiros séculos de existencia, igrexa nin cemiterio propio, e os habitantes das que quedaban lonxe do convento asistían ós oficios relixiosos nas parroquias veciñas. Así, un documento reproducido no chamado “Tumbo de Meira”, de comezos do século XVII, referido a Coca, como se denominaba entón, afirma que “los vasallos de esta granja solían yr a misa a San Pedro de Bazar, y por no poder pasar río –que algunas veçes va muy peligroso– con licencia deste monasterio hicieron una capilla en dicha granja, y ellos pagaban, y el monasterio les ayudaba con dos ducados cada año”, e que en 1548 o abade nomeou un crego “para que administre los sacramentos a nuestros feligreses de Coca”, aínda que remata queixándose de que “agora no pagan los dichos vasallos nada” (Mariño Veiras, 1983). Descoñecemos o grao de continuidade efectiva nos servizos relixiosos da citada capela, pero aínda a mediados do século XVIII, nas respostas xerais ó interrogatorio do Catastro de Ensenada (1753), cando se citan as parroquias coas que limita San Pedro de Santa Locaia (non Bazar) di literalmente: “por P.[poniente] con la Granxa de Coea, feligresía de Santa María de Meira”. En todo caso, no decurso do século XIX Coea aparecerá xa como anexo da propia Santa Locaia, tal como nos informa o dicionario xeográfico de Pascual Madoz, publicado entre 1845 e 1850, que baixo o epígrafe “Coca, San Salvador”, sinala literalmente: “la iglesia parroquial (San Salvador), dependiente del extinguido convento de Meira, es anejo a San Pedro de Santa Leocadia”, e dise que a parroquia conta con 17 “veciños” (casas) e 94 “almas” (habitantes).

Este último cambio (a extinción do convento) ten lugar a partir de 1836, cando como consecuencia da chamada “Desamortización de Mendizábal” as institucións relixiosas do clero regular son suprimidas, e os seus bens (posesións patrimoniais rústicas ou urbanas, e sobre todo os dereitos a percibir rentas forais) son considerados como “bens nacionais” e vendidos en pública subasta. Na provincia de Lugo, o proceso de vendas das propiedades monásticas acada a súa máxima intensidade entre 1840 e 1844 (Villares, 1994). Os terreos que quedaban da Granxa de Coea, e o dereito a percibir foros pagados por labregos de varias aldeas próximas, son adquiridos en 1843 por D. Antonio Miranda, residente na cidade de Lugo, e pasarán despois ós seus descendentes (unha parte deles serán vendidos máis tarde á familia Pillado). Por certo, nese mesmo ano son tamén subastadas as propiedades do igrexario parroquial de Bazar (15 fincas rústicas cun total de 149 ferrados de cabida) e doutras igrexas da contorna.

Con ese cambio de titularidade remata unha situación que se prolongara por máis de 550 anos, e Coea pasa a ser anexo de Santa Locaia primeiro, e de Bazar dende 1895, pero segue sendo considerada parroquia a efectos civís e aparece como tal nos Nomenclátores asociados ós censos de poboación dende as derradeiras décadas do século XIX. Cunha única e curiosa excepción: no Nomenclátor de 1900, o inmediatamente posterior á sua adscrición eclesiástica a Bazar, Coea non aparece como tal parroquia, e o Concello de Castro de Rei conta só con 24 en vez das 25 habituais. En 1887 (ver máis adiante) Bazar aparecía con 446 habitantes  e  93  casas, e Coea con 135 habitantes e 26 casas; en cambio, en 1900 só aparece Bazar, con 120 vivendas e 630 habitantes (evidentemente, a suma dos de ambas parroquias). No Nomenclátor de 1910 volven aparecer de forma independente, “Bazar, San Pedro” con 540 habitantes e 101 casas, e “Coca, San Salvador” con 101 habitantes e 19 casas. Dende entón aparecen sempre por separado, e aínda que de feito formen unha única comunidade veciñal, administrativamente están diferenciadas: por exemplo, cando hai eleccións, os veciños de cada unha van votar a mesas electorais distintas (a Outeiro os de Bazar, a Castro de Rei os de Coea). Comunidade veciñal aberta, dende logo, ás parroquias próximas, de onde en diversas épocas viñeron residir á nosa persoas nacidas nelas, principalmente por razón de matrimonio, e tamén se deu o proceso inverso: nacidos en Bazar-Coea terminan residindo noutras. Son particularmente estreitas as relacións coas aldeas máis achegadas das parroquias que lindan con Bazar e Coea: Santa María de Outeiro, San Pedro de Santa Locaia e Santa María de Quintela, do mesmo Concello de Castro de Rei; e Santa Mariña de Muimenta, San Pedro de Momán e San Paio de Bexán (ou Rubiños) do Concello de Cospeito.

No Antigo Réxime San Pedro de Bazar formaba parte da xurisdición de Castro de Rei, da que eran señores os Condes de Lemos, ós que se pagaban tributos “por razón de vasallaje”. Os límites exactos da parroquia aparecen así descritos no Interrogatorio do Catastro de Ensenada (1753): “principiando por el Levante hacia alaparte de el Norte con la esquina de la casa de Barrosa, de esta sigue al casal de Phelipe Prieto, de allí alafuente de la Puerta, de aquí alamadorra grande de la mudia de Momán, de esta alas piedras del Pico, de aquí alapuente da Acea, de esta al sitio nombrado da Riboira, de allí a la esquina de la casa de la Barrosa, primera demarcación”. Nese mesmo ano, Bazar contaba con 67 “veciños” (familias) e 259 habitantes, que irían medrando de xeito bastante notable ó longo do século seguinte, ata chegar ós 104 “veciños” e 443 habitantes do censo de 1857 (Sobrado Correa, 1997) como consecuencia sobre todo das melloras no sistema de cultivos e na produción agrícola. Debe terse en conta que, segundo o Catastro de Ensenada, en Bazar, coma noutras parroquias próximas, só as terras de labradío de primeira calidade (un 5% das totais) podían producir unha colleita todos os anos, alternando unha de trigo e outra de millo, mentres que as de segunda e terceira calidade (aproximadamente o 95% restante) só producían unha colleita de centeo cada dous anos, alternando cun ano de barbeito (Sobrado, 1997). Aínda non se fai ningunha mención do cultivo da pataca, que se irá xeralizando no interior lucense nos derradeiros anos do século XVIII e primeiros do XIX, e que levará a unha ampliación progresiva do espacio cultivado e á eliminación do barbeito.

Nas derradeiras décadas do século XIX aparece consolidada a rotación de cultivos que predominará na maior parte das terras de labradío, organizadas en “agras”, ata os anos sesenta do século pasado. En cada unha delas (agra de Ardiz, Agrelos, Leiroás, As Podrés, agra da Igrexa, agra de Oroxe, agra de Canto, Candedo, agra de Bardián, A Fontela e outras) alternaban, de xeito obrigatorio, un ano de cereal de inverno (centeo ou trigo), seguido de medio ano de nabos ou ferraña –para alimentar o gando durante o inverno– e outro medio ano de patacas ou millo, que eran os que recibían as maiores cantidades de esterco: en total, tres colleitas cada dous anos. O centeo (ou “pan”, como lle chamaban os paisanos vellos) retrocedeu rapidamente a partir dos anos 1920, sendo substituído polo trigo como cereal panificable, pasando ás veces por unha etapa de transición na que se cultivaba “ferraxe” (mezcla de centeo e trigo). A produción agraria completábase coa acadada nos hortos, as cortiñas e os prados – que estaban cerrados individualmente–,  e coas cavaduras periódicas de parte dos montes; ademáis, naturalmente, dos produtos obtidos da gandería.

Gráficos

As condicións nas que se desenvolvía a vida dos habitantes das nosas parroquias eran difíciles. Aínda que a pequena propiedade estaba moi espallada, a maioría dos labregos pagaban foros, e moitos non eran donos das terras que cultivaban. Lembremos que os compradores da Granxa dos frades tiñan sete caseiros en Coea, e que os señores da Granda posuían once lugares acasarados só na parroquia de Bazar. Ó longo da primeira metade do século XX esa situación vai mudando: os foros serán redimidos e moitos labregos –que non todos– van accedendo, en xeral por compra e con grandes sacrificios, á propiedade plena das terras que cultivan: segundo a famosa frase de Castelao, “as terras dos señores van ás máns de labradores”. E para os máis pobres, ou para algúns dos fillos de familias moi numerosas e nas que non había recursos para todos, quedaba aberta a vía da emigración, que dende comezos de século é moi numerosa cara a América ou a cidades como Madrid ou Barcelona, e tamén en dirección ás vilas galegas máis próximas, empezando pola capital da provincia. Unha evidencia indirecta da importancia do proceso é a diverxencia progresiva entre a poboación “de feito” e a “de dereito” que recollen os Censos oficiais: a primeira, os que realmente residen en calquera demarcación territorial cando se fai un censo; a segunda, que inclúe tamén os censados ou empadroados, pero ausentes: a finais do XIX e comezos do XX son prácticamente equivalentes, pero acadan a máxima diverxencia (superior a 50 persoas no conxunto das dúas parroquias) nos censos de 1930 e 1940, e volve diminuír despois, chegando a case identificarse outra vez nos anos oitenta-noventa (ver os datos do cadro I). Dende 1996 desaparece a distinción: só haberá poboación “de dereito” para as datas máis achegadas a nós.

En calquera caso, entre 1900 e 1950, a suma das dúas parroquias mantense de xeito constante por riba dos 600 habitantes, con leves oscilacións. A natalidade alta e a paseniña mellora do nivel de vida e as condicións sanitarias, se ben sosteñen os niveis demográficos nun contexto de emigración frecuente, non son suficientes para que a poboación siga a medrar, especialmente se apenas hai postos de traballo fóra da agricultura. O padrón municipal de habitantes de finais de 1935, pouco antes da guerra, é representativo desta situación. O total de residentes é de 602 persoas (478 en Bazar, 126 en Coea), ás que habería que engadir 48 persoas censadas, pero ausentes (todas en Bazar). Estamos ante unha poboación moi nova, tal como indica unha pirámide de idades de forma triangular, con base ancha (que empeza a estreitarse nos grupos menores de 10 anos) e unha diminución progresiva cara o cumio, especialmente a partir dos 40. O número de persoas menores de 15 anos (226) representa un 37,5% do total da poboación residente, mentras que os de 65 anos ou máis (47) non chegan ó 8%. Predominan grupos domésticos numerosos, xa que nas 16 casas de Coea viven 124 persoas (7,7 de promedio por casa) e nas 93 habitadas de Bazar fano 478, sen contar os ausentes (5,2 de promedio por familia). E o predominio da agricultura como profesión e actividade económica é abrumador: deixando aparte os 222 calificados como “escolares” ou menores aínda sen escolarizar, 162, na súa práctica totalidade varóns, declaran como profesión “labrador” ou “agricultor”, e 183 (todas mulleres) constan como “labouras propias do seu sexo”, que inclúen tanto as tarefas domésticas como o traballo na explotación agraria; outros 23 aparecen como “xornaleiro” (agricultores sen ou con moi poucas terras, que viven de traballar como asalariados para outros) e só 12 indican outras profesións, entre elas 1 ferreiro, dous carpinteiros, 1 “industrial” (taberneiro), o sacerdote e os dous mestres que entón exercían en Bazar: ó tratarse dunha parroquia bastante extensa, contaba con dúas escolas unitarias de ensino primario: a da Mudia (dende finais dos anos 50 en Carravilar) e a da Grandela (dende comezos dos 60 en Oroxe). Ambas desaparecerían a mediados dos 70, cando foron integradas no grupo escolar de Castro de Rei. Por certo, un exemplo do moi meritorio traballo das sucesivas xeracións de mestres que pasaron por elas: no padrón de 1935, das 376 persoas residentes de 15 ou máis anos de idade, 116 (algo máis do 30%) non sabían ler nin escribrir: en xeral, persoas de certa idade e con menos recursos, sobre todo mulleres, que nos derradeiros anos do século XIX e primeiros do XX tiveran máis dificil a asistencia regular á escola. Trinta e cinco anos despois, no padrón de 1970, quedaban só 11 que non soubesen, na súa totalidade persoas anciáns (e na actualidade ningún).

Malla

Malla

Pero un predominio tan acusado da agricultura esconde que nas comunidades rurais tamén eran necesarias outro tipo  de actividades, que moitas veces se complementan coas  agrarias,  aproveitando as épocas de menor carga de traballo: artesáns varios para fabricar ferramentas, mobles, vestidos, etc., necesarios para a vida e as actividades cotiás dos residentes no rural. E estas actividades “artesanais” acadaron un importante desenvolvemento na época inmediatamente posterior á que estamos a tratar: entre os anos 40 e  os 60 Bazar acadou certa sona polos seus zoqueiros, que ían polas casas no inverno para facer as zocas que se usarían ó longo do ano, e nalgún caso ían tamén vendelas ás feiras; e polas súas costureiras: en Bazar chegou a haber tres talleres de costura, ós que viñan aprender a coser rapazas novas que terminaran a súa etapa escolar, non só de Bazar ou Coea, senón tamén de parroquias coma Outeiro ou Muimenta. Sempre houbo tamén xastres e carpinteiros: nos sesenta creouse un taller de carpintería e carpintería metálica, que na primeira das actividades aínda está en funcionamento. De xeito máis esporádico, dúas pequenas empresas concesionarias de transporte de viaxeiros (que actuaron de xeito sucesivo), camións para transporte de mercadorías, e mesmo nos anos sesenta-primeiros setenta, unha fábrica de chocolates. Sempre houbo, alomenos, dúas tabernas/tendas de ultramarinos; tamén había unha cartería, un taller de bicicletas, xente que traballaba na construción, e actividades varias que necesitaba unha comunidade rural aínda densamente poboada, que aínda que dende 1950 empeza a perder poboación, faino paseniñamente ata comezos dos 70 (dos 629/622 habitantes “de dereito/ de feito” en 1950 ata os 589/564 de 1960 e 546/529 de 1970).

Esta poboación aínda abundante era necesaria para as tarefas agrícolas, especialmente nas épocas de colleita: a recollida da herba seca para alimentar ó gando durante o inverno, e as actividades relacionadas coa colleita de cereal, que culminaban na malla, a única actividade realmente mecanizada ata finais dos anos sesenta. As máquinas de mallar tradicionais, nas que había que limpar o gran por separado, esixían reunir ata 45-50 persoas cando se quería mallar e limpar ó mesmo tempo; foron un notable progreso as máquinas que facían as dúas cousas (aínda que a veces non viñese mal “repasar” o trigo na limpadora) que dende finais dos sesenta reduciron a man de obra necesaria a unhas 25 persoas por malla. A finais dos setenta empezarían a chegar as colleitadoras combinadas de cereais, que facían a case totalidade das labores da sega (excepto o empacado da palla) e que reduciron aínda máis as necesidades de man de obra, que empezaba a ser moito máis escasa pola emigración xuvenil ou o cambio de ocupación dos máis mozos.

O padrón municipal de finais de 1970 (pouco máis tarde de que iniciase as súas actividades o Teleclub de Bazar) amosa unha situación diferente á de antes da guerra, anque o número de residentes só baixase a 531 (465 en Bazar e 66 en Coea), ós que habería que engadir outros 16 ausentes, dos que agora si se indica onde están: lugares como Madrid, Barcelona, Francia, Alemania, Suiza ou Noruega. Nos anos sesenta, a emigración americana fora substituída pola europea, mentras se mantiña a xa existente cara ás grandes cidades españolas ou a espazos máis próximos. Pero a pirámide de idades ten unha forma claramente diferente, intermedia entre a campá e a furna. Os menores de 15 anos (102) son só un 19,2% dos residentes, e os de 65 ou máis anos (78) o 14,7%. E están moito mellor representados os grupos de idades intermedias, aínda que por exemplo destaca o forte entrante do grupo de 25 a 29 anos en ambos sexos (pola sangría migratoria) e, sensiblemente máis destacado nos varóns que nas mulleres, o do grupo entre 50 e 59 anos (no que poden ter algo que ver as perdas da guerra civil nunha comunidade pequena). E o máis preocupante: a base da pirámide presenta unha redución cada vez máis clara, e que de aquí en diante será definitiva. No conxunto do Concello de Castro de Rei, 1969 será o último ano no que os nacementos (97) predominen sobre as defuncións (80). A partir de 1970 (76 nacementos e 85 defuncións) o saldo vexetativo será constantemente negativo, agás nos anos 1979, 1980 e 1984; primeiro, un déficit anual de nacementos de entre 10-20 persoas, a partir de 1990 por riba dos 40, a partir do 2000 case sempre máis de 80. Os datos específicos de Bazar, coas cifras que correspondan ó seu tamaño bastante inferior, deben ser parecidos á tendencia xeral do municipio, e nos últimos anos quizais un chisco máis negativos aínda. Neste contexto, o declive demográfico só foi contrarrestado por unha achega exterior: os colonos procedentes de Negueira de Muñiz que foron instalados na Veiga do Pumar en agosto de 1967. Cinco casas dos colonos, habitadas naquel entón por 27 persoas, quedaron dentro do término de Bazar, que vira expropiados parte dos seus montes veciñais para crear as explotacións dos novos colonos da Veiga do Pumar e máis do veciño Arneiro.

Á altura de 1970 o tamaño medio da familia reducírase: aínda que en ocasións convivan varias xeracións baixo o mesmo teito, tamén aparecen casas con só dúas ou tres persoas, mesmo cunha só: as 16 casas habitadas en Coea e as 112 en Bazar teñen un promedio de 4,1 e 4,2 persoas por unidade familiar. E a composición profesional da poboación segue a reflectir un claro predominio da agricultura, cunha menor discriminación por sexos: 192 persoas declaran ser “labrador/a”, e 103 “obreiro/a agrícola”, denominacións que adoitan empregarse para os titulares de explotación e as súas esposas o primeiro, para fillos ou outros parentes que traballan na explotación familiar os segundos; e aínda quedan 9 “xornaleiros”, agricultores con moi poucas terras que gañan a vida como asalariados eventuais; pero só 58 mulleres son identificadas con “labores do fogar” ou equivalentes. E xunto a 56 escolares e 41 menores que aínda non chegaron á idade de escolarización, aparecen xá 15 “estudiantes” de ensino medio ou superior (en 1935 só había un): nos anos 60 os fillos dos labregos empezan pouco a pouco a ter estudos que van máis alá do ensino primario obrigatorio (e logo da Educación Xeral Básica). Tamén aparecen 28 pensionistas (en xeral con diversas situacións de invalidez) e 18 persoas de outras profesións, nas que destacan 5 carpinteiros e, novidade, 6 albaneis (o traballo na construción vaise difundindo no medio rural), e profesións varias coma un muiñeiro, un carteiro, un mecánico, un auxiliar de Concello, un contratista de obras, os dous donos das tendas de ultramarinos, etc. Tamén aparece a profesión dos ausentes, que traballan sobre todo na hostalería (os emigrados en Europa), e no transporte, oficinas ou servizo doméstico (os que marcharon a outros lugares de España). Aínda que a agricultura segue a ser a actividade hexemónica (e as décadas posteriores serán as da desaparición, en parte por razóns biolóxicas, dos oficios artesáns tradicionais) empezan a difundirse actividades non agrarias no medio rural, que se farán moito máis comúns a partir dos anos oitenta-noventa do século que acaba de pasar.

A partir desas datas iníciase un declive demográfico polo de agora irreversible: os 546 habitantes “de dereito” do conxunto das dúas parroquias en 1970 baixan a 475 en 1981, a 405 en 1991, a 399 no 2002 e a só 318 no 2017. É especialmente notorio o afundimento de Coea, que entre esas datas pasa de 67 a só 17 habitantes. Pero tamén serán os anos da modernización da agricultura e a gandaría, e da integración plena desas actividades nos circuítos mercantís: os agricultores teñen moitos máis ingresos en metálico –e tamén máis gastos– que en épocas anteriores. Ata os anos sesenta, os ingresos en diñeiro dos labregos procedían sobre todo da venda de producións gandeiras, especialmente as crías do gando vacún ou porcino; nos derradeiros anos sesenta-primeiros setenta acadou certa importancia a comercialización das patacas; pero en anos posteriores irase centrando cada vez máis no gando vacún, especialmente o de leite (de raza frisoa) arredor do cal se organiza todo o sistema agrario.

A substitución progresiva das vacas rubias tradicionais pola frisoa holandesa, que xa na segunda metade dos sesenta predomina nas explotacións dos novos colonos do INC, vese posibilitada pola mecanización progresiva de boa parte dos traballos agrícolas (para os que as vacas tradicionais eran moi resistentes), pola organización de circuítos diarios de recollida de leite na propia explotación por parte de diferentes empresas transformadoras, pola edificación de novas cortes que permiten un mellor manexo do gando e pola difusión de novos cultivos forraxeiros, destinados especificamente á alimentación da cabana gandeira. Nos anos 70, as agras, nas que o sistema de rotacións obrigatorias se fora flexibilizando un pouco, vense cada vez máis invadidas e, por decilo así, “desestruturadas”, por un novo cultivo: as pradeiras artificiais (combinacións varias de trevo blanco, ray-grass e dactilo) de duración plurianual (idealmente entre tres e cinco anos, aínda que ás veces pasen máis sen ser renovadas), que tamén se difunden en terreos gañados ó monte onde isto é posible. Nos anos oitenta-noventa chegarán a ser o cultivo dominante na paisaxe, coa maquinaria asociada ó seu uso: tractores con autocargador para as explotacións máis grandes, gadañadoras cun pequeno remolque para as máis pequenas; e con novos sistemas de estabulación: cortes sobre cemento, foxas de purín, instalacións de ordeño mecánico e, máis adiante, tanques de refrixeración, etc. E aparece unha nova época de concentración do traballo no calendario agrícola: o ensilado da herba verde no remate da primavera. A partir dos inicios do século actual irán retrocedendo ante os avances do millo forraxeiro, que é hoxe o cultivo que predomina de lonxe nas dúas parroquias, e que é o que se ensila predominantemente (neste caso, a comezos do outono). A maioría do espazo agrario destínase, xa que logo, á alimentación do gando. Cultivos tradicionais coma o centeo, e mesmo o trigo, teñen prácticamente desaparecido. As patacas quedan predominantemente para autoconsumo doméstico, e moito máis aínda os nabos, que ocupan extensións moi reducidas. A herba recollida en seco, a partir dos prados “do país” ou da sembrada artificialmente, aínda que segue a ser importante, éo moito menos que no pasado. E a produción agraria “verdadeira” tende a concentrarse nun número cada vez máis reducido de explotacións modernizadas.

A especialización gandeira que ten lugar a partir dos anos setenta esixe explotacións cun número de cabezas cada vez maior, con base territorial suficiente e medios técnicos perfeccionados; e non todo o mundo ten os recursos económicos e humanos imprescindibles para seguir o ritmo da modernización; nin a man de obra necesaria. A difusión de estudos de nivel medio, e máis tarde superior, entre os fillos dos labregos, fan que moitos destes busquen outra profesión, e así a xubilación ou o falecemento “dos vellos” leva ó peche progresivo de explotacións ou  alomenos á transformación da agricultura nunha actividade complementaria, dependendo as familias doutras fontes de ingresos. Esta concentración de explotacións pode verse ben para o caso do vacún. Ata finais dos anos sesenta, case todas as explotacións agrarias tiñan algunha vaca (a maioría, non máis de tres ou catro). Nun listado de explotacións gandeiras elaborado polo Ministerio de Agricultura en 1984, antes  de entrar no Mercado Común  Europeo,  en Bazar e Coea tiñan vacún un total de 111 explotacións (case todas as casas das dúas parroquias) cun total de 965 vacas; un promedio de 8,7 vacas por explotación, lastrado polos numerosos casos de persoas maiores que aínda conservaban unha ou dúas vacas. Na campaña de saneamento gandeiro do 2002, a única da que a Consellería de Medio Rural publicou datos parroquiais, quedaban un total de 61 explotacións, que reunían 1.461 vacas (1.322 de leite e 139 de carne) e o promedio era xa de 24 vacas por explotación (o do concello de Castro de Rei era de 20,4). Non dispoñemos de datos estatísticos oficiais, pero na actualidade só quedan unhas 30 explotacións con vacún, algunhas delas de carácter xa residual.

Esta modernización da actividade agraria, e especialmente o uso de maquinaria moderna cada vez máis potente para traballar as terras, puxo de manifesto, entre outras cousas, os desaxustes da trama parcelaria tradicional, con predominio de parcelas de moi pequeno tamaño, e ás veces de difícil acceso. Por iso unha das transformacións máis importantes –pero tamén máis traumáticas– experimentadas pola parroquia de Bazar nas últimas décadas foron os traballos de concentración parcelaria. Iniciada no ano 1980 (publicación oficial do Decreto), foi suspendida por protestas de algúns veciños. Retomada de novo nos anos 90, o proceso desenvolveuse, de xeito ás veces un chisco complicado, entre 1993 (data das bases definitivas) e 1998 (aviso de toma de posesión provisional). Os títulos das novas parcelas foron entregados oficialmente o 30/X/2002. Segundo os datos oficiais, afectou a unha superficie total de 998 hectáreas, repartidas entre 504 propietarios. O número de parcelas antigas, 3.572 (promedio de 6,4 parcelas por propietario) quedou reducido a 1.126 fincas de reemplazo (promedio de 2  por  propietario)  e a dimensión media da parcela pasou de 0,28 a 0,89 hectáreas. Un dos servizos máis apreciados foi a renovación das vías de acceso, a rede de camiños e “pistas” novas que agora dan acceso directo a todas as fincas. A Consellería de Agricultura investiu en todo o proceso un total aproximado de 1.540.000 euros. A paisaxe agraria resultante, moito máis homoxénea e “aberta” (con moitas menos árbores: vese todo de lonxe) parécese cada vez menos á que predominaba en Bazar ata os anos setenta.

Para a actualidade, os padróns municipais de habitantes só dan información útil sobre a idade, sexo e nivel de estudos, ademais do lugar de residencia específico, das persoas empadroadas (sen diferenciar entre residentes e ausentes). Para dar cifras da distribución profesional, ou por sectores de actividade económica, o último dato desglosado parroquialmente é o do censo de poboación do 2001 (que queda un pouco lonxe). Nas parroquias de Bazar e Coea, das 360 persoas de 16 anos ou máis que residían naquel ano, considerábanse “poboación ocupada” un total de 183. Deles, 84 traballaban na agricultura (un 45,9%), 15 na industria (8,2%), outros 15 no sector da construción (8,2%) e 69 en actividades de servizos (37,7% do total). Entre outras cousas, a xeralización do automóbil privado facilita que se poida residir en Bazar e traballar diariamente fora. Se comparamos a porcentaxe de activos agrarios (que na actualidade será con seguridade inferior) co 86% que representaban sobre os activos da época (excluídos os non activos: labores domésticas, xubilados, escolares, estudantes e menores) aínda á altura de 1970, podemos percibir a magnitude do proceso de “desagrarización” de Bazar e Coea, coma doutras moitas parroquias do medio rural galego, nas últimas décadas. E agora, ó contrario do que pasaba hai 50 anos, calquera persoa con outra actividade, aínda que sexa a tempo parcial, declara esa, e non a agricultura, como profesión.

O padrón municipal de habitantes, actualizado a data 1/I/2017, indícanos unha situación moi distinta á dos anos trinta ou dos setenta do século pasado: non é só que a poboación actual sexa pouco máis da metade da existente en 1935: os 318 habitantes teñen unha estrutura por idades moi diferente. A pirámide presenta unha forma de triángulo invertido, cunha base moi estreita e un número de persoas moi escaso por debaixo dos 20 anos. O grupo quinquenal máis numeroso, tanto para os homes (26 persoas) como para as mulleres (32), e o de 80 e máis anos de idade. As persoas menores de 15 anos son só 18 (un 5,7% da poboación total) e as de 65 e máis anos 116 (un 36,5%), situación case inversa á de mediados dos anos trinta. O tamaño medio dos fogares tamén diminuíu substancialmente: nas 7 casas habitadas de Coea vive un promedio de 2,4 persoas por unidade familiar, e nas 107 de Bazar, un promedio de 2,8. As persoas que viven soas, ou as parellas de anciáns sen fillos son cada vez máis un problema. A case  ausencia  de nacementos e o avellentamento acusadísimo da poboación apenas son compensadas por persoas que veñen de fóra casar a Bazar, por familias que compran incluso casas que van quedando baleiras para establecerse, ou por unha pequenísima achega de poboación estranxeira, ben marroquís, que veñen traballar nas poucas explotacións gandeiras profesionais que subsisten, ben algún latinoamericano para cuidar persoas maiores. E aínda así, a parroquia de Bazar non é das que presentan unhas perspectivas demográficas máis difíciles no contexto das comunidades rurais do interior de Lugo.

Para concluír, unha breve alusión ó espallamento da poboación rural en aldeas de pequeno tamaño e casas máis ou menos illadas. O Nomenclátor oficial distingue ata un total de 21 “aldeas” (ou “barrios”, como se lles chama popularmente) en Bazar, e 4 en Coea. As cifras de poboación de cada unha delas dende 1887 (o único Nomenclátor do século XIX que as desglosa con todo detalle) ata a actualidade aparecen no seguinte cadro. Os dous máis antigos da serie consideraban por separado “A Aldea” e “Canedo” (que os posteriores inclúen en Oroxe), e o de 1887 “As Regas” (tamén de Oroxe) e “O Picato” (incluído nas Penelas). Tamén indicaban a presenza dun certo número de vivendas illadas, que logo foron asimiladas á aldea máis próxima. A poboación de cada unha evoluciona de xeito diferente –en ocasións porque algunha casa cambia de barrio nas estatísticas oficiais sen moverse en absoluto do sitio–, e algunhas non aparecen ata época relativamente tardía: a Veiga da Acea só está desglosada a partir de 1935, e a Veiga do Pumar a partir de 1970. Podemos salientar, dentro da tendencia xeral ó retroceso demográfico nos últimos anos, a forte decadencia dalgunha das máis pequenas, ou do conxunto de Coea –dúas das súas catro aldeas non teñen ningún residente habitual–, e o maior dinamismo daqueles espazos nos que se construíu maior número de vivendas novas (ou anovadas) na segunda metade do século XX: especialmente A Mudia, Carravilar e a Veiga da Acea, por citar algúns exemplos.

BIBLIOGRAFÍA CITADA

Madoz, P. :Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. Madrid, 16 vols., 1845-1850.

Mariño Veiras, D.: Señorío de Santa María de Meira (siglos XII-XVI). A Coruña, Nós, 1983.

Sobrado Correa, H.: Vinculeiros, célibes y bastardos. Economía y organización familiar en tierras lucenses, siglos XVI-XIX. Santiago de Compostela, Universidade, 1997.

Villares, R.: Desamortización e réxime de propiedade. Vigo, Promocións Culturais Galegas, 1994.

Cadro 1

 

Compartir