Busco herdeiros

Busco herdeiros

Busco herdeiros

Luís Veiga Veiga

Non teño moi claro que cumprir anos nos faga máis listos. Non por facernos máis vellos nos facemos, necesariamente, máis sabios. Hai xente que pasa polo mundo, pero o mundo nunca chega a pasar por ela. Vai na conta de cada quen. O paso do tempo serve, en todo caso, para ir collendo algo de experiencia. En cinco décadas, o máis normal é que aprendamos algunhas cousas, aínda que só sexa polo que nos pasa polo lombo. Momentos bos, momentos malos e momentos peores, de todo hai.

Pasado medio século dende o nacemento dun proxecto moi querido e moi mimado pola xente destas dúas parroquias, se hai algo que teño claro é que o máis difícil non é poñer en marcha unha idea. Probablemente, o máis complicado é mantela no tempo, alimentala e vela medrar. Hai iniciativas que nacen con moita forza, pero pouco a pouco van esmorecendo ata quedar nos ósos. Outras morren moito antes, de éxito. En poucos meses aprendemos a andar, pero unha vez que damos os primeiros pasos, temos que camiñar toda a vida.

Por iso, neste momento, cando se cumpren cincuenta anos do nacemento do Teleclube de Bazar, quero expresar un agradecemento cercano e humilde a todas aquelas persoas e colectivos que fixeron posible a longa vida desta idea, convertida co paso do tempo nun proxecto de comuñón entre veciños. Continúa a gozar dunha envexable saúde. Aínda así, botamos en falta máis zume nova. Os que puxemos corazón e cabeza para sacar isto adiante conservamos a esperanza de que sempre haxa alguén que mire polo que está feito e se comprometa para melloralo. A árbore está plantada. Ten firmes as súas raíces nesta terra, pero sempre quedan cousas por facer. A súa propia existencia aliméntase da ilusión.

A vantaxe de ser o último en escribir nunha obra coral coma esta é que xa sabes o que puxeron os demais. Hai moito dito, pero sempre quedan capítulos por contar. Cómpre non esquecer que a orixe desta realidade que xa dura cincuenta anos xurdiu como nacen ás veces as grandes iniciativas. Todo comezou dun xeito absolutamente humilde, arredor dun televisor e dun lote de libros que foron entregados polo Ministerio de Información y Turismo. O do Teleclube foi o terceiro receptor de televisión que chegou ás dúas parroquias, e iso que había cento cincuenta casas habitadas. Hoxe todo é diferente. Probablemente haxa tres aparellos tamén, pero por familia. O valor das cousas cambiou moito nos últimos anos. Todo é máis efémero, máis pasaxeiro. Xa non se fan para durar, fanse para romper nun tempo determinado. Hai que producir e vender. A maquinaria non pode parar. O que se pasa de lonxevo, non é rendible, nin as persoas nin as cousas. Niso andamos.

Antes todo era máis sinxelo, creo. O teleclube comezou a funcionar nun almacén, que cedeu de xeito gratuíto a Casa Varela do Cruz. Temos que expresar o noso agradecemento a esa familia. A súa xenerosidade foi a que permitiu a posta en marcha do que máis tarde sería un foco de unión entre os veciños das dúas parroquias de Bazar e Coea. A televisión era toda unha novidade, unha fiestra aberta ao mundo para unha xente que, de xeito maioritario, facíamos vida entre o noso concello e Lugo. O televisor deu pé a moitas noites de xuntanza para ver programas de variedades como ‘Galas del sábado’ o ‘Un millón para el mejor’. Tamén para desfrutar daquelas películas do afastado Oeste, con heroes tan duros como a cerna dos nosos carballos, ou os partidos dun fútbol patrio dominado entón polo Real Madrid.

Esa boa acollida levounos axiña a pensar en novos proxectos. Cando se cre en algo, con dedicación e inxenio, sempre se cumpren os soños. A publicación deste libro dá conta, precisamente, do traballo en común feito nestes cincuenta anos. Curiosamente, tamén agora celebramos o centenario da construción da igrexa e do cemiterio. Todo forma parte da nosa historia, do que somos. É preciso contalo. Que quede negro sobre branco, para que as xeracións presentes e futuras coñezan os esforzos que houbo que facer para sacar adiante todos esas pequenas ou grandes obras que nos conforman como tribo.

Teño que recoñecer que parte da miña vida é isto, o que compartín con outra moita xente ao redor do teleclube. Non digo que sexa un diagnóstico fiable, pero ao mellor hai que estar un pouco tolo para meterse en algo así. Quen sabe, quizais sexa simplemente o feito de ter unha verdadeira vocación de servizo público. O caso é que o máis gratificante que queda no meu maxín despois de medio século é a colaboración e a fraternidade entre un grupo de xente marabillosa. Por moito que un se esforce, por máis que faga ou intente facer, nada disto sería posible se ao mirar aos lados non vise a ninguén ao meu carón. Tivemos algúns acertos, seguramente moitos erros. Iso si, ao facer balance caín na conta de que houbo moitas satisfaccións polo camiño. Pido desculpas, en todo caso, polos fallos cometidos. Nunca foron intencionados.

Agradezo a honra que tiven ao representar este colectivo nas asambleas nacionais de monitores e animadores culturais. Sempre procurei estar á altura da nosa xente. A meta non era baixa. Lembro a charla coloquio na que participou o xeriatra coruñés Fernando Jiménez Herrero. Despois da súa exposición e de atender ás preguntas dos asistentes, fomos comer con el. O que nos dixo deunos para pensar. Para valorar aínda máis aos nosos veciños. “Nesta parroquia hai algo cultivado”, comentou polo xeito no que lle formularon as preguntas e polo interese que amosaron na súa conferencia.

Chegado este momento, quero abrir tamén o capítulo de agradecementos. A todos os colaboradores, ás directivas, a moitos veciños e veciñas, a don Francisco Puente Guerra, crego ben querido e gran valedor; a Luís Cordeiro e á familia Campo Adión; tamén ás de don Javier e don Ignacio Rey-Stolle Pedrosa. De xeito moi especial, quero amosar a miña gratitude a Xulio Xiz Ramil, a quen trato como amigo, como alguén da familia. Dende a Delegación Provincial de Información e Turismo e dende a Consellería de Cultura aportou e continúa aportando o que aínda nunca chegamos a agradecerlle. A súa penúltima colaboración consiste, precisamente, en coordinar esta publicación.

Vaia tamén o noso agradecemento para a Extensión Agraria de Meira, a Promoción Profesional Obrera (PPO) e outras institucións. Por descontado, para todos os alcaldes que presidiron o Concello nos últimos cincuenta anos e para a Deputación Provincial, pola colaboración que fai posible esta publicación, nas persoas de Gómez Besteiro, Darío Campos e José Tomé. Quero lembrar que nesta última década a institución provincial achegou uns 60.000 € para a mellora do centro cultural e a igrexa parroquial, para o peche perimetral do adro e tamén para facer instalacións deportivas.

Ser director honorífico é máis do que merezo, seguramente. En todo caso, é un contrato de por vida. Mentres me queden folgos, sempre vou estar aí. Todo isto forma parte de min. Hai cousas que non se poden separar. Porén, busco herdeiros. Xente nova con ansias de axudar. Rapaces e rapazas dispostos a arrimar o ombreiro pola súa xente, por algo que é de todos. Se deciden coller a herdanza, serán ricos. Non lles faltará cariño, amizade, gratitude e a satisfacción do traballo a prol dos seus. Poucas cousas hai máis importantes. Recibirán moito a cambio de algo do seu tempo e do seu talento. Nas boas obras hai sitio para todos.

Luís Veiga Veiga, Director Honorífico do Centro Cultural de Bazar

Compartir