Cincuenta anos

Cincuenta anos

Cincuenta anos

Juan José Díaz Valiño

Cincuenta anos. Esta cifra pode significar moitas cousas, mais se falamos dunha asociación ou dun Centro Cultural, estamos a falar de moitos anos de actividade. Moitos anos de actividades culturais, deportivas ou simplemente de xornadas de reunión das persoas que viviron e viven nesta prezada parroquia do noso Concello, Bazar.

Tiven a honra durante catro anos de ter responsabilidades de goberno no Concello de Castro de Rei e iso posibilitoume coñecer máis de cerca ás veciñas e veciños de Bazar. Este coñecemento desveloume os motivos polos que nunha parroquia do rural galego pode existir un movemento cultural e que este perdure tantos anos. Sabemos das dificultades de manter en funcionamento un centro como o Rey-Stolle durante tanto tempo e iso é o que vos engrandece como pobo.

Evidentemente, sempre existen diferenzas de criterio, de parecer, pero puiden observar como nesta parroquia estas diferenzas se deixaban á beira para poder sacar adiante actividades deportivas como o torneo de tenis; culturais como os Certames Literarios, o xornal “Onte, Hoxe, Mañá”, os pregóns de Nadal –como o que tiven o pracer de protagonizar o pasado 2017– ou as moitas reunións veciñais para debater temas relevantes que afectaban á parroquia, ou simplemente para xuntarse a xantar e pasar unha xornada de lecer.

Con estes breves parágrafos que levades lido queda clara a miña admiración polo voso dinamismo ao redor deste Centro Cultural e Social. Sempre tiven envexa, no bo sentido, evidentemente, da actividade desta parroquia. Sempre me preguntaba como era posible, e a resposta está en vós, veciñas e veciños de Bazar.

Estou seguro de que unha das tarefas que vos podedes encomendar, e que máis gustará ás xentes do noso Concello, será que, despois de cincuenta anos de existencia deste Centro Cultural e Asociativo Rey-Stolle, sexades capaces de acumular todo o ánimo e a forza necesarios para seguir impartindo cultura na parroquia e no Concello, cando menos outros tantos anos.

O presente deste Centro Cultural é o reflexo do que fostes no pasado, esta é a fonte da que tedes bebido e que vos ten proporcionado a sabedoría para construír unha parroquia máis accesible, agradable e acolledora. Crédeme, sodes un referente, e pídovos que non deixedes de seguir traballando polo bo nome desta parroquia.

Nada máis, coma sempre, eternamente agradecido por terme convidado a formar parte das persoas que tivemos a honra de poder escribir unhas verbas neste libro que conmemora o cincuentenario do Centro Cultural Rey-Stolle. Grazas por estes 50 anos de Cultura.

Compartir