Ignacio Rodríguez Díaz
O Centro Cultural Ignacio Rey-Stolle de Bazar tense convertido no últi- mo medio século nunha institución senlleira desta parroquia chairega. Enclavada no Concello de Castro de Rei, moi preto do corazón da Terra Chá, en termos meramente xeográficos, San Pedro de Bazar ben podía ser unha localidade máis, pouco menos que anónima, na tantas veces esquecida e asolagada planicie chairega.
Alimentada polo zume das canles fluviais do Miño, en palabras de Ma- nuel María, o poeta da Terra Chá, e en menor medida tamén enriqueci- da polas múltiples bondades que desprenden as augas do Azúmara e o río Pequeno, Bazar ben podería figurar no imaxinario de Álvaro Cunqueiro cando describiu Galicia como “a terra dos mil ríos”. Sen embargo, alén destas referencias literarias máis ou menos acaídas para describir a morfoloxía dun enclave de indubidable beleza paisaxística, San Pedro de Bazar atopa na súa veciñanza, como non podía ser doutro xeito, a súa maior riqueza e, por que non dici- lo, unha singularidade que acada maior valor pola súa resistencia ao paso do tempo.
Salientar méritos e conquistas persoais é costume na continxencia social actual, na que os éxitos colectivos, quizais por ser unha obra común, semellan quedar relegados a un segundo plano, can- do non ao esquecemento. E é aquí onde Bazar volve cobrar importancia de seu, e é aquí tamén onde cómpre destacar a importante pegada e os moitos bimbios que achegou durante estes anos o Centro Cultural Ignacio Rey-Stolle para tal fin.
As vantaxes e os froitos colleitados polas xentes das áreas rurais de Galicia coa progresiva implan- tación dos xa arcaicos e, noutros casos, desaparecidos Teleclubs, atopan en Bazar un caso excep- cional da man das instalacións postas en marcha no seu día por Ignacio Rey-Stolle. A súa pegada é obvia e merece todos os agradecementos dos veciños e veciñas da Chaira, xentes de aquí e de acolá, que tiveron a oportunidade de usar e gozar de instalacións deportivas de vangarda e pouco menos que exclusivas para a época na provincia de Lugo.
A acción cultural, educativa e mesmo a oferta de lecer e as primeiras aproximacións ás novas tec- noloxías da información e da comunicación (radio, televisión e cine) tamén medraron en Bazar ao abeiro do Centro Cultural Ignacio Rey-Stolle, unha infraestrutura de vangarda que, dun xeito ou doutro, revolucionou a monotonía cotiá dun pobo pegado á terra e ao territorio e virou as olladas de nenos e maiores cara a entón ansiada modernidade.
Nun enclave privilexiado, moi preto da igrexa parroquial, pero cun horizonte totalmente despexa- do, o Centro Cultural Ignacio Rey-Stolle, tense convertido nun fervedoiro de actividade e no berce de non poucas ilusións e proxectos, xeración tras xeración. Estamos, sen dúbida, diante dun ma- nancial de felicidade, unha fonte de soños e tamén de realidades que, a pesar da súa vigorosa vitalidade, non foi capaz de permanecer indemne ao paso do tempo.
As necesidades, do mesmo xeito que os gustos e as preferencias, mudan cos anos. E as xentes de Bazar, neste caso, non permaneceron alleas a esta vaga de cambios que trouxo non poucas transformacións sociais, económicas, laborais... Aínda así, sabedores da imposibilidade de poñer cancelas ao campo para así frear a evolución, os veciños de Bazar e outros achegados partícipes da mesma causa, rexeitaron adoptar prácticas propias da resistencia numantina e optaron por encaixar cos novos tempos, para así debuxar un futuro máis próspero para o Centro Cultural Rey-Stolle, unha instalación entrada en idade, aínda que xa renovada a través de diversas actua- cións, pero cuxo corazón segue a latexar ao ritmo do pobo e, polo tanto, condicionado pola maior ou menor intensidade das pulsacións de veciños e veciñas.
A demografía, esa lousa que pouco a pouco e de forma silandeira apaga os folgos da Chaira lu- guesa e tamén da Galicia interior, actúa agora máis coma problema que coma acicate para a supervivencia de Bazar e do seu Centro Cultural, un ben colectivo cuxa actividade está supeditada ao interese, ó traballo e á xenerosidade de cada particular.
As xuntanzas veciñais convertidas xa nos últimos anos en cita obrigada nas inmediacións do Cen- tro Cultural Ignacio Rey-Stolle, onde nenos e nenas comparten mesa e mantel con pais e avós, ademais doutros parentes e amizades, supoñen un novo impulso ao instinto comunitario que de sempre caracterizou unha iniciativa sociocultural, pensada para favorecer as relacións e os intereses comúns por riba das entelequias particulares e para fortalecer a identidade dun pobo que só avanza se camiña unido.
As festas, que en Galicia están xunguidas, cando non reducidas, a copiosas comidas serven para tecer e revitalizar ligazóns esquecidas ou rotas polas máis diversas razóns mundanas, e consti- túen sempre un espazo de encontro que alimenta a harmonía e a fraternidade. Neste mesmo pla- no, aínda que un paso por riba, tamén atopamos en Bazar a distinción de Veciños de Honra, un recoñecemento popular macerado por completo polas xentes máis activas do Centro Cultural Ig- nacio Rey-Stolle e que zumega a sinceridade e a fermosura que supoñen os premios entre iguais.
O artista Anxo Lamas, o polifacético e altruísta José Campo Uz, alma, corazón e historia viva de Bazar, e a súa dona e conselleira, Modesta Andión, e o párroco recentemente finado Jesús Muinelo Cupeiro, “un home de confesionario e oración sempre presto a denunciar as inxustizas sociais”, en palabras sempre certeiras de José de Rafael, son algúns dos veciños de Bazar que xa gozan dunha distinción que, de seguro, merecen e acadarán moitas outras persoas desta senlleira parroquia chairega.
A semente que Ignacio Rey-Stolle botou en Bazar hai xa moitos anos mantén unha vitalidade im- propia, o que converte ese Centro Cultural nunha entidade singular. Entendo, sen embargo, que a fonda pegada que conserva esta iniciativa parroquial non é froito da casualidade, senón que é o resultado do traballo desinteresado e ata nostálxico de moitos homes e mulleres, entre os que sinto a obriga de citar ao colega, mestre, pero sobre todo amigo, Luís Veiga. Todos os meus parabéns para eles, polo seu esforzo desinteresado e tamén polo seu legado, e os meus mellores desexos para que o Centro Cultural Ignacio Rey-Stolle, do mesmo xeito que a Lúa, ilumine a Terra Chá durante mil primaveras máis.