Volver á Chaira

Volver á Chaira

Volver á Chaira

Antón Galocha

Era Trapero Pardo para min un personaxe de fantasía que, cada mediodía, enchía a miña cabeza de fábulas, ditos e refráns populares a través da maxia da radio. Algúns deles volven a min e ás miñas ocurrencias con frecuencia.

Coñecín a José Trapero Pardo moitos anos despois grazas ó Teleclub de Bazar e o seu premio periodístico. Con esa desculpa, a do premio, pedinlle, e coma sempre el estivo disposto, unha entrevista na que me contou a súa vida entre Mondoñedo e o Río da Plata e as bromas que a súa muller lle gastaba sobre o río Miño, que el tentaba comparar co mar que separa Arxentina e Uruguai.

Foi así cando souben da súa intensa vida activa e creativa. Pero a conversa con Trapero, o Pelúdez da miña infancia, levoume ao Teleclub de Bazar, ese invento do tardofranquismo que os veciños souberon aproveitar para facer do meu querido rural un lugar cheo de vida.

Coñecín Bazar porque aquí vin de verbena ou xogar un que outro partido de fútbol coincidindo co día da festa, pero desde aquel día coñecín un Bazar distinto, un Bazar cheo de actividade cultural, ese mundo que sempre ideamos para resucitar o rural.

Unha das alertas que se teñen utilizado con frecuencia nesta crise económica da que non damos saído é a de que os nosos fillos van vivir peor ca nós, algo que para calquera pai é unha traxedia. Xusto por iso moitos marchamos estudar a conta dun gran esforzo familiar, para mellorar. Mellorar significaba marchar.

Esa capacidade de idear proxectos, crear actividades, poñer en portada eventos e iniciativas neses lugares nos que pensamos que cada vez queda menos vida é a grande esperanza de que as cousas algún día empecen unha viaxe de retorno e o campo sexa un marabilloso lugar para vivir. Como sen dúbida xa o é. Si, teño que volver canto antes disfrutar da Chaira.

Compartir