(Palas de Rei, 1934 – Foz, 2007)
Mestre, Director escolar e Licenciado en Dereito pola USC, exerceu de mestre en San Xurxo de Lourenzá, Lugo, Monterroso e Santa Icía (Foz). Director escolar por oposición, estivo á fronte do Colexio de Foz durante vinte anos, desempeñando en Foz o posto de Inspector de Servizos da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Concelleiro en Foz desde 1967, nas eleccións democráticas resulta elixido alcalde pero ten que abandonar o posto ao acceder á Presidencia da Deputación de Lugo, cargo que desempeñou entre 1979 e 1983. Foi concelleiro en Lugo, e deputado provincial entre 1983 e 1987, resultando elixido deputado e Vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia (1985-1989). Foi un dos redactores do anteproxecto do Estatuto para Galicia (estatuto dos 16), Conselleiro na Xunta preautonómica, Xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem), de 1992 a 1994, e Director do Gabinete técnico do Parlamento de Galicia de 1994 a 1998.
Asesor da Rede provincial de Teleclubs, desde 1969 foi Asesor da Rede Rexional. Foi presidente da Asociación Lucense de Axuda e Información ao Drogodependente (Aliad). Desde a Deputación, impulsou obras como a construción do Colexio Universitario, a Biblioteca Pública Provincial, o Arquivo Provincial, a Avenida Alfonso X o Sabio, o Colexio de Xordomudos e Educación Especial, rehabilitación de San Paio de Narla, e outros centros provinciais. Promoveu a creación de Xestur-Lugo, e tivo unha decisiva intervención para conseguir para Lugo a Facultade de Veterinaria.
Foi comendador das ordes do Mérito Agrícola e Mérito Civil, Lucense do ano (1982) e Medalla de Prata da Cruz Vermella. Foi nomeado Socio de Honra de Unicef, Belén de Begonte, Cántigas e Frores, Sociedade Protectora de Animais, Cofradía da Esperanza, e recibíu a insignia de ouro de diversos clubs deportivos. O Teleclub de Bazar nomeouno Presidente de Honra.