José María Novo Rodríguez
Hai xa moitos anos, cando era un rapaz tímido e introvertido, escribín, pouco a pouco, mentres gardaba as vacas, unhas cantas cuartillas arredor dun título, “O Pobo sen Praza Maior” que, aínda por algún caixón deben estar perdidas ou escondidas, onde viña tratar de escudriñar onde podía estar na miña parroquia a Praza Maior. Vira nos libros da escola, (máis ben no único libro que había de estudo), algunhas “fotos tipo” do que era un pobo castelán, un pobo español e, a verdade, nada tiña que ver coas nosas parroquias. Alí, todo xiraba arredor dunha praza que, aínda que fose dun pobo ben pequeno, tiña a súa casa do Concello, a igrexa cunha torre do campanario sempre ben grande, mercado, ás veces un cine e, case sempre, con soportais onde, cada domingo de frío ou de chuvia, se enchía de rapaces.
Ben, pois deume moito que cavilar onde podía encontrarse esa praza na miña aldea. Pensei, sobre todo que no verán, podía ser nos arredores do río, dos varios ríos que cruzan a nosa parroquia, a Ponte de Canto, a Ponte de Acea, a Ponte Liñares quizais… Arredor das escolas do pobo, que había dúas, na taberna de Beba de Varela ou na de Modesta, non sei... Pero, xa sen darlle máis voltas, cheguei á conclusión de que, sen dúbida, a nosa Praza Maior, debía encontrarse na Igrexa, arredor da Igrexa. Aquí, cada domingo ou día de celebración relixiosa, sempre nos parábamos a falar, a xogar, a pensar. Aquí, nos traían o correo, as cartas dos seres queridos da emigración nacional ou estranxeira e que era un dos mellores momentos de encontrar aos veciños de todos os barrios e de todas as casas espalladas para poder facerlles chegar as cartas coas boas ou non tan boas novas. Aquí, no comezo do verán, chegaban coas cereixas, grandes e roxas, a cabalo das eguas, os vendedores da Ribeira de Piquín que supoñía un auténtico acontecemento, un manxar e unha ilusión inusitada que, por iso, nun santoamén, as vendían. Aquí, era o lugar de comentar as novas da comarca, de estar ao “loro” dos edictos e comunicacións do Concello que, para algúns veciños dos últimos barrios, estaba a máis de cinco quilómetros. Aquí, quedabamos para acudir a acontecementos tan dispersos e distantes como o enterro ou funeral dalgún veciño dos pobos do arredor ou as festas e as ruadas de pola tarde ou do anoitecer. Aquí, en definitiva, estaba a nosa Praza Maior cuxo simbolismo se viu aínda mais reforzado coa construción no mesmo entorno da igrexa, 50 anos despois, do Centro Cultural.
Chegados aquí, queríamos facerlle, desde a nosa humildade, unha pequena homenaxe a esta igrexa que, como dicía, é simbolismo do centro e agrupamento das parroquias de Coea e Bazar, agora que está a cumprirse o centenario da súa construción. E, para iso, indagaremos coa axuda de moita xente, sobre os primeiros pasos que se foron dando para esa construción, de todas as actividades que se fixeron neste entorno e, o que é mais importante, faremos unha pequena recensión, algunha pequena pincelada dos curas por quen estivo rexida durante estes cen anos.
OS COMEZOS
Nos primeiros anos do século pasado empezou a falarse de que había que acometer a construción dunha nova igrexa ante a grave situación en que se encontraba a vella. O señor bispo de Mondoñedo de entón (1907-1931), Reverendo Don Juan José Solís y Fernández, en 1911 fala de “… visto el estado ruinoso en que se haya la iglesia con grietas pronunciadas, descarches y goteras… se ha llegado a la conclusión de que hay que acometer la construción de otra nueva… ante el peligro que acarrea para los fieles”.
Así as cousas, comézase a recadar fondos para facer fronte á custosa construción coa participación de todos os fregueses da parroquia, aportando cartos, máis ben poucos, dada a pobreza e humildade da maioría deles pero, sobre todo, colaborando con peonadas, con moita man de obra e achegas de madeira para estadas, para cangos... para todo aquilo que fixese falta. Ademais do carrexamento da pedra en carros de vacas e bois desde as parroquias da contorna onde había canteiras, porque non se puido aproveitar moito material da vella igrexa.
Segundo consta no Boletín do Bispado do ano 1917, o secretario de cámara e goberno e da Xunta Diocesana de construción e reparación de templos do bispado certifica que “según consta del expediente instruído para la edificación de la Iglesia Parroquial de San Pedro de Bazar, el presupuesto general de la obra prescindiendo de la prestación personal y acarreo de material con que voluntaria y religiosamente vienen contribuyendo los vecinos, asciende como a 11.000 pesetas hasta dejar el templo modestamente habilitado para el público… Que hasta el presente han podido reunirse después de muchos esfuerzos, 6.000 pesetas, (3.000 donadas por el Excmo. y Rvdmo. Bispo; 1.200 por el actual párroco don Daniel Pillado y lo restante pequeñas limosnas de los feligreses y de la fábrica), y que para terminar las obras de la forma dicha, son necesarias al menos 5.000 pesetas más y, que por estas y otras razones, se considera elevar al Ministerio de Gracia y Justicia el oportuno expediente para la iglesia de Bazar…”.
As obras de construción son adxudicadas a don Aquilino Gil González, que viña ser o “canteiro de moda” da Terra Chá e de boa parte das parroquias do arredor. E que, como informa o seu neto Rogelio Gil Anido, chegara a construir igrexas en Bos Aires.
Como ben comenta Luís Mouriz Gil (un dos seus netos), no escrito “Aquilino Xil, canteiro da Chaira”, este foi o mellor canteiro da comarca con multitude de obras feitas: casas, escolas e, sobre todo, igrexas. Discípulo adiantado dos famosos canteiros de Pontevedra, aprendeu como ninguén o labrado e pulido da pedra antes de formar a propia cuadrilla de canteiros onde chegaron a traballar máis de 40 persoas, creando un estilo de construción propio aínda que xurdido dun movemento ecléctico que reunía o mellor dos estilos rurais e populares con gran consistencia e marcada elegancia. Destacando, en relación coas obras relixiosas, a planta de cruz latina e a ábsida.
Así as cousas, a igrexa de Bazar veu ser unha das punteiras da Terra Chá. De construción, como dicía, clásica, con sendas sancristías aos lados, moi espazosa, que veu cubrir as necesidades da poboación, da gran poboación de entonces, das parroquias de San Pedro de Bazar e de San Salvador de Coea, unificadas a nivel eclesiástico no ano 1895.
E non quixese deixar pasar esta oportunidade de facer un recoñecemento da parroquia de Coea que, como dicía, a nivel eclesiástico, quedou incorporada a Bazar. Pero xa temos datos da diocese de Mondoñedo en tempos do bispo Alfonso Mesía de Tovar (anos 1612-1616), en que se fai referencia a Coea, concretamente na visita que realiza o dito bispo e encontra a capela moi deteriorada, onde non se pode facer culto, e ordena que mentres non se poida arranxar, todas as actividades da igrexa pasen a depender da veciña parroquia de Santa Leocadia. Recoñecemento histórico, especialmente de orixe romano, onde os seus vestixios seguen escondidos debaixo das pedras e da terra. Aquí dise que naceu o emperador romano Teodosio O Grande, feito moi discutido e relegado a un segundo plano en comparación con algún que outro pobo do Estado que tamén se chama a ser o berce do emperador romano. Pero teño a esperanza de que algún día, con mozos e valentes historiadores e con axudas suficientes, se poida demostrar que Teodosio O Grande naceu en Coea. Indicios fiables, hainos, sendo o máis recente a aparición dos restos dunha vila romana en Escouredo, en xullo de 2020.
Volvamos á igrexa, onde non sabemos en concreto os anos que se tardou na construción nin os pormenores e aconteceres da mesma, aínda que, a bo seguro, serían moitos e variados. O construtor, Aquilino Xil, segundo nos comenta o noso veciño Salvador Folgueira, propuxo xa ao final, que por 3.800 reais facía a torre que lle daría unha elegancia e unha maxestosidade acorde coa monumentalidade da igrexa en si. Pero, a falta de cartos era evidente e non houbo de onde sacar esa cantidade.
En canto á decoración do interior e todo o ornamento, diremos que, segundo os datos que obran nos libros da igrexa, o retablo maior custou 1.620 pesetas e o seu transporte en carro de bois desde Mondoñedo se fixo por 100 pesetas e, para tales mesteres, houbo varias doazóns como a de dona Mercedes Pedrosa Miranda, da casa Rey-Stolle de Coea. Dito retablo é moderno, neoclásico, feito en madeira de castaño cunhas imaxes interesantes do século XVIII, como a talla da Nosa Señora do Perpetuo Socorro doada por Melchora Pardo Balmonte, viúva de Freire da Casa da Granda de Bazar. Pero, quizais o maior tesouro é un pequeno retablo semiesquecido por moito tempo pero que, ao fin, agora foi restaurado grazas ás axudas percibidas da Deputación de Lugo. Dito altar, que procede da derruída igrexa anterior, está composto de columnas salomónicas e variada ornamentación, de estilo barroco dos comezos do século XVII.
Sabemos dalgunhas anécdotas, sobre todo aquela que sucedeu cando se estaban dando as derradeiras pinceladas de pintura e un dos pintores se quedaba a durmir de “incógnito” dentro da igrexa. Certo día, ben de amencida, cando foi o sancristán a tocar a badalada para anunciar a morte dun veciño, érguese asustado o pobre pintor ao son das badaladas, envolto nunha saba branca, susto que compartiu de tal maneira o sancristán, que fuxiu despavorido de cabo da igrexa.
OS CURAS
Como preliminar, antes de facer referencia aos curas que rexeron esta parroquia desde a construción da nova igrexa, quixese non esquecer, aínda que sexa só moi sinxelamente, as achegas ao mundo sacerdotal destas dúas parroquias, Bazar e Coea, pois, nada menos que en Coea naceron catro cregos: o reverendo don Xesús Crecente Veiga, cura de Cariño, A Coruña, e o seu irmán Tomás que o foi da parroquia vilalbesa de Mourence; don Daniel Pillado Mouriz, primeiro cura en asentarse na nova igrexa, e don Xesús Muinelo Cupeiro que tamén foi cura da parroquia entre os anos 1994 e o 2017. E a estes catro curas hai que engadir tres xesuítas da familia Rey-Stolle, tamén de Coea, e don Daniel Novo Folgueira nacido en Bazar, crego da veciña parroquia de Bexán entre outras freguesías que falece en febreiro de 2020.
Non temos datos nin documentos eclesiásticos concretos de cando a nova igrexa foi consagrada. Pero o que si sabemos e que o nove de setembro de 1922, o bispo da diocese, reverendo don Juan José Solís, facultou ao titular da parroquia, don Daniel Pillado para a bendición do Santo Viacrucis do templo de San Pedro de Bazar.
Polo tanto, don Daniel Pillado Mouriz foi o primeiro cura na nova igrexa. Don Daniel, nacido en Coea o 24 de xaneiro de 1877, foi ordenado sacerdote no ano 1900 en Mondoñedo polo Bispo Reverendo don Manuel Fernández de Castro, sendo párroco de Bazar entre os anos 1913 e 1957. Viña de ser cura da parroquia de Aldurfe, Riotorto, con anterioridade. Previamente, foi secretario-axudante do anterior Bispo, reverendo don Manuel Fernández de Castro, gañándose unha reputación importante entre as autoridades eclesiásticas do momento, que lle serviu, dalgunha maneira, para conseguir sen moitas complicacións que se doase terreo suficiente para a construción da igrexa e do cemiterio. Tamén a el e aos demais curas que o seguiron se lle debe o ser un bo custodio, un bo gardián dos aveños da igrexa, como o retablo barroco do século XVII, e outras pezas de interese, crucifixo, incensario, unha custodia con pedras incrustadas de moito valor… ademais de misales e libros relixiosos con antigüidade de máis de tres séculos.
No trato persoal era un home bonachón cunha relación moi agarimosa cos nenos, a pesar de ser de carácter serio, pero tamén imaxinativo e preto aos seus fregueses.
A don Daniel Pillado sucede como párroco da parroquia, no ano 1957, despois de tres anos de administranción conxunta con el, don Francisco Puente Guerra, nacido na veciña parroquia de Xermar, Cospeito.
Chega un novo rapaz de aparentes poucas verbas, tímido (aínda recordo cando se poñía colorado no catecismo, “acosado” por unha recua de rapaces que, naquel entonces éramos moitos e, quen foi falar!, porque eu tamén me poñía e aínda me poño colorado falando coa xente…). Cunha oratoria que non o favorecía especialmente, que non cegaba a ninguén na primeira impresión pero que, metidos en conversación, xa nos decatamos que ía a ser un cura que deixaría un grande impacto na parroquia.
Os que nos achegamos a don Francisco, sempre temerosos naqueles tempos ante a figura do crego, atopámonos cunha persoa DIFERENTE, próxima a nós, que nos falaba como un máis, que se acercaba aos nosos problemas de cativos rebeldes, que non todo era rezar, que non todo era falar de relixión… Persoa sinxela, humilde e comprensiva que pronto se gañou o acercamento e o agarimo de boa parte da mocidade da parroquia. Cando a algúns nos chegaron, ben cedo, as dificultades da vida e a perda de seres queridos, sempre tivemos a man de don Francisco para darnos ánimos, para axudarnos a seguir para adiante. Sempre notamos a súa presenza, o seu agarimo, a súa bondade sen límites, a súa man no ombreiro que che daba seguridade.
As súas homilías, como ben recorda Luís Veiga, sempre estiveron cheas de verdades sociais. As súas verbas non ferían a ninguén e sempre deixou luz e mensaxe, sendo referente de cregos nunha Galicia e nunha España aínda amordazada pola ditadura, falando o que tiña que falar...
O labor social de don Francisco na parroquia, nas parroquias, pois tamén era crego de Santa Leocadia e Quintela, foi EXEMPLAR, cun talante comprensivo, sinxelo e sempre disposto a facer un servizo desinteresado polos veciños e comprometido con eles.
Como tamén recorda Luís Veiga, lembramos cando a Garda Civil se presentou no Centro Cultural da parroquia, nunha xuntanza na que os veciños íamos firmar un escrito para pedir a construción da estrada que leva á igrexa. Detívonos a todos e convidou a saír a don Francisco pola súa condición de crego. Pero todos ceamos nas nosas casas porque o cura non quixo deixarnos sós.
Foi un dos grandes promotores da concentración parcelaria nas tres parroquias, loitou pola reelectrificación dos barrios, polos seus camiños, pola acometida de augas nas vivendas. En conclusión, loitou por mellorar en todos os aspectos a vida dos veciños.
Mención aparte merecen as achegas como gran impulsor do Centro Cultural Ignacio Rey-Stolle de Bazar, referente dos Teleclubs primeiro e dos Centros Culturais máis tarde. Don Francisco traballou como o que máis na construción do Centro a nivel administrativo (levou todas as contas, todas as anotacións de presupostos, facturas, etc.), sempre coa maior das transparencias, pero tamén ofreceu o seu traballo físico, vímolo moitas veces facendo masa e poñendo ladrillos como calquera dos veciños que arrimaron o ombreiro. Don Francisco, cando o viu terminado, era a persoa máis feliz, das máis felices da parroquia.
Foi un cura que recordaremos sempre como pastor e guía e a súas ensinanzas perdurarán, sinxela e caladamente, en moitos de nós xa de por vida.
Don Jesús Muinelo Cupeiro veu ser o seguinte cura de Bazar, entre os anos 1994 e 2017. E, mentres estaba escribindo esta humilde recensión sobre él, chegounos a triste e inesperada nova da súa morte. Hai menos dunha semana, estivemos no seu fogar e, detrás dun ben cargado café, falamos de moitas cousas, de tantas cousas que non soubemos cando anoiteceu a pesar da larganza das súas fiestras. Don Jesús nunca tiña présa!
Acababa de deixar o seu labor de crego da parroquia e, cando nos despedimos, a súa aperta foi aínda máis garimosa e preta que noutras ocasións. Os seus ollos estaban chorosos, pero cheos de concordia, agradecemento e amizade. Con iso me quedo. Boa viaxe, don Jesús!
Nacido na parroquia de Coea, foi veciño por tanto de don Daniel Pillado, a quen lle recoñece a súa influencia cando era neno para o seu ingreso no Seminario e posterior cometido de crego. Como ben comenta Luís Veiga con motivo da homenaxe que se lle brindou no cincuenta aniversario de vida sacerdotal, “soubo ser profeta na súa terra e nunca se deixou arrincar as raíces que o aferran a ela”. Ao igual que don Francisco, don Jesús soubo estar sempre ao lado dos veciños, ao lado dos seus veciños, a carón da xente, sen diferenciar entre ricos e pobres cando os seus fregueses necesitaban de axuda. Humilde, sinxelo e servicial sempre estivo disposto a dar, a axudar ao próximo sen pedir nada para si. Case de “incógnito”, a escondidas, achegábase alí a onde vía unha necesidade perentoria e, sen nada a cambio, trataba de socorrela. Foi cura e veciño de unión entre a xente e, con todos eles, soubo como colaborar para conseguir grandes logros nas súas parroquias e comprometelos coa xustiza social e o ben común.
Sinxelo froito deste labor social pola xente da súa parroquia, foi o recoñecemento e concesión, a través do Centro Cultural de Bazar, a don Jesús do título de VECIÑO DE HONRA, que sei que gardou dentro do seu corazón como un día dos máis emocionantes e felices.
Por último, faremos unha moi sinxela recensión de quen veu a suplir a don Jesús Muinelo como crego actual da nosa parroquia. Trátase de don Javier Rodríguez Couce, natural de San Sadurniño, A Coruña, que foi ordenado sacerdote en Mondoñedo en 1999. E, neste caso, non falaremos en pasado senón en presente e en futuro. Sabemos que é unha persoa sinxela, amiga dos seus fregueses, das persoas de todas as idades, con especial dedicación á xente nova, falando de todo o que incumbe á sociedade do agro. E, referíndose a isto, comenta nunha entrevista que “Nun entorno
rural, o crego debe saber de misa e de confesións, pero tamén de colleitas, de vacas e de ovellas…”
Non cabe dúbida de que, de cara ao futuro, non o ten nada doado, máis que nada porque lle encomendaron ser crego de trece parroquias e vai necesitar todo o ánimo e ilusión para tal cometido.
AS FESTAS
Desde os máis antigos tempos, as Festas Parroquiais sempre foron aquela anestesia, aquel bálsamo, aquel recuncho de ledicia diante do continuo e suorento traballo dos labregos das aldeas. As festas para moitas familias eran os únicos días en que se podían xuntar cos seus parentes doutras parroquias, doutras comarcas e, incluso, moitos familiares da emigración que facían o imposible por estar cos seus seres queridos en tempo de festas.
Ata o ano 1965, Bazar contaba con dúas festas anuais, o 13 de xuño na honra de San Antonio, cadrase o día da semana que fose, sempre se facía o día 13. E, en setembro, a segunda fin de semana na honra da Nosa Dona do Perpetuo Socorro. Esta última conmemoración sempre coincidiu coas festas da veciña parroquia de Outeiro, e coñecida era a rivalidade en ver quen traía as mellores orquestras ou quen atraía a máis xente á celebración.
A partir do ano 1965, nunha xuntanza de todos os veciños no adro da igrexa, acordouse unificar as dúas celebracións, e facer a festa só a fin de semana máis preto do día de San Antonio, 13 de xuño.
Estraña e parece paradoxal que, a pesar de figurar e estar dedicadas tanto a parroquia de Bazar como a de Coea a San Pedro e San Salvador respectivamente, non se honrase nin se dedicase a ningún deles ningunha das festas parroquiais.
Que saibamos, ningún ano se deixaron de facer as festas a pesar das custosas cotas económicas que nos “autopoñíamos” os veciños, que facían cambalear as nosas de sempre minguadas economías. Salvo nos tristes e dramáticos tempos da Guerra Civil, en que foron moi deslucidas e, na práctica, se reduciron a algunha comida familiar no fogar e nada máis. Boa parte da parroquia estaba de loito porque poucas eran as familias que non fosen vítimas directas da traxedia.
En tempos atrás, raro era o ano en que non houbese algún inconveniente á hora de organizar as festas, porque sempre se deixaba para os derradeiros días o nomeamento da comisión, pero tamén é verdade que sempre aparecían os veciños, os rapaces lanzados e aventureiros de sempre para, en tres días, organizar as súas festas. Non sei como, pero organizábanse. A día de hoxe, afortunadamente, a comisión noméase xa con suficiente antelación aínda que, iso si, sigan tendo que facer os mesmos “malabares” para sacalas adiante.
Desde sempre, as procesións polo adro arredor da igrexa nas festas de Bazar foron moi concorridas e famosas entre as parroquias da bisbarra que, aínda hoxe, xa coa estraña denominación de “sesión wermú”, seguen conservando.
O Centro Cultural, desde xa hai ben anos, encárgase tamén de facer a Comida Parroquial, que trata de ser, da mesma maneira que as festas de sempre, un lazo de unión e convivencia entre os veciños, con moito éxito, por certo, todos os anos.
Non nos esqueceremos tampouco dos Carnavais, dos Entroidos de Bazar, que moitos anos se seguen a facer nos barrios de Carravilar e Oroxe primordialmente. Conmemoración esta que sempre tivo o ingrediente da xolda e da protesta ácida a través dos Pregóns de Carnaval, que máis dunha vez terminaron esluídos pola autoridade á que non lle gustaba nada o contido dos ditos pregóns. O noso veciño, Avelino de Marcos, foi exemplo significativo desta poesía-protesta en tempos de Entroido.
Chegados ao final deste humilde percorrido, non me queda dúbida algunha de que a “miña suposta e idílica Praza Maior”, se encontra no lugar adecuado. Brillan con luces propias tanto a igrexa como o Centro Cultural en conxunto con toda a contorna que, grazas o esforzo de moitas institucións, de moita xente, de moitos veciños que dedicaron e dedican boa parte do seu tempo, dos seus anos e das súas vidas, para enaltecer e agrandar o simbolismo de ambos. Podemos e debemos sentirnos orgullosos e cheos de ledicia de poder conmemorar, a día de hoxe, tanto o CENTENARIO da IGREXA e do CEMITERIO como os CINCUENTA ANOS do CENTRO CULTURAL.