Serafín Carballo Carballeira
Medio século de vida, cincuenta anos de vivencias, cinco décadas dende que se abriron as portas do “Rey-Stolle” para achegar ás veciñas e veciños de Bazar unha alternativa sociocultural.
Baixo o seu teito medraron xeracións enteiras: nais, pais, avós, avoas, nenos e nenas que viron xuntos as primeiras películas que se proxectaron na televisión, compartiron obras de teatro, partidas de cartas, aloxaron as urnas nas primeiras eleccións democráticas, disputáronse embravecidas partidas de futbolín, e en definitiva, compartíronse risas, horas, proxectos e ilusións colectivas.
A parte que a min máis me tocou de preto foi a parcela deportiva; que importancia levar a unha parroquia do Concello de Castro de Rei especialidades deportivas como o tenis, pero sen dúbida a especialidade deportiva máis fácil, económica e que máis benestar aporta é o cros.
Lembro a carreira organizada polos barrios da parroquia, e en especial a que se celebrou no ano 1981, pois foi a derradeira na que participei, xa estaba de regreso da alta competición, de aqueles anos nos que tiven a sorte de disfrutar dun deporte tan bonito e noble como é o atletismo.
Só me queda felicitar e agradecer a todos os que aportaron o seu traballo e a súa entrega para conseguir a mellora da vida no rural.