Baldomero Iglesias Dobarrio–Mero
Parece que foi onte e van cincuenta anos. Aqueles Tele-clubs dos anos sesenta onde, en principio, era a televisión a desculpa dunha política ruín que deixaba fírgoas de luz para aloumiñar esperanzas. Unha televisión en branco e negro era quen convocaba á xente nun edificio social.
Afortunadamente a televisión quedou máis que nada no título, no cartel do lugar, pois despois desenvolvíanse outras múltiples actividades de integración comunitaria, tan necesarias no rural galego. Pois si, foi en Bazar. Xa hai cincuenta anos. Inauguraban unhas actividades culturais de conciliación parroquial, de integración e de cohesión social. Non sei moi ben por que, pero lembro aquel día, aquela tarde en que alá fomos actuar Fuxan os Ventos. Era cerca, na Terra Chá, moi preto da miña propia orixe.
Daquela eran os primeiros pasos dun grupo, os comezos dunha aventura político-social-cultural-musical que ninguén sabía onde iría parar. Nin nós sabiamos de nós. En principio estabamos sorprendidos da acollida das nosas cancións entre a xente do común. Eles cantábannos despois cancións de seu, as que máis eles coñecían. Unha forma de sentirnos xuntos, de aprender xuntos, de proxectarnos na senda da inspiración comunal. Unha forma de ser optimistas sen temor ás ameazas. Era a fame de sabernos, de compartir, de saber da Nosa Lingua en contos, en lendas, en chistes, en cantigas. Saberes ancestrais herdados boca a boca. Era a recuperación da memoria, sabéndonos posuídos da nosa Cultura, da que nos é propia.
As nosas cancións evocaban soños e esperanzas. Mirabámonos no mesmo espello, todos xuntos. Alí foi aquela actuación de música galega que tamén fomentaba a reconciliación co noso pasado, a perda de moitos medos a pesar das longas noites de esquecemento e de desprezo, de horrores e erros do pasado para sementar confianza. Cumpría urxentemente o clamor do sorriso compartido, da ilusión, na man do Mago Antón e Xosé Manuel Carballo cando rompían chantas no peito dun deles, ou dos Valuros que amenizaban con música, danza e teatro, e de todos os grupos todos da contorna.
Máis tarde volveu Anxo Lamas e divulgou a arte pictórica e poética. Moitas persoas foron falar e dar conferencias, concertos, exposicións, celebracións, os máis que por alí pasamos, gardamos memoria daquel sitio, para dar pé ao culto pola Cultura, empezando pola Nosa. Aquilo foi cultura tamén de cultivo, para calmar aquela sede vella que nos cautiva, que ocupa lugar na alma e nos corazóns. Desde un lugar físico, precisamente o lugar daquela casa que fora escola, hoxe chamada Centro Cultural Ignacio Rey-Stolle, onde seguen a dinamizar cultura un grupo de activistas do porvir, entre eles o noso amigo Luís Veiga, que xa naquel entón, cincuenta anos máis novo, escoitou cantar a un grupo de mozas e mozos que soñaban Galiza en Liberdade.
Si, xa hai cincuenta anos e aquí estamos contándoo. Quizais sexa unha memoria humilde, pero capaz de facernos namorar todos os días das pequenas, das moitas pequenas cousas que levamos vivido e que son nosas para sempre.