O Bazar que eu recordo

O Bazar que eu recordo

O Bazar que eu recordo

José María Teijeiro Regueiro

Recolle este traballo o tramo de tempo que vai dende o ano 1950, que foi no que eu nacín, e os recordos que, como é lóxico, comezan algo despois. Aínda que no título aparece só Bazar, tamén está incluída Coea, coa que compartimos igrexa, cemiterio e outros servizos como no seu día foron a Cartería que estivo na casa de Rafael da Acea, onde se ían a levar e recoller as cartas que eles á súa vez tiñan que levar e recoller en Quintela, ademais dalgúns outros, que logo referirei.

A parroquia de Bazar, dunhas 1.200 hectáreas de superficie, atópase a uns 4 quilómetros da capitalidade do municipio de Castro de Rei. Crúzana de norte a sur e de leste a oeste as estradas da Deputación de Lugo que van da Ponte de Outeiro a Quintela e de Momán a Portomuíño, feitas seica polos anos 1920 con materiais movidos en carros do país e cestos carrexados por persoas, baixo o control do veciño de Coea don José Pillado Mouriz, quen tamén foi Alcalde no noso Concello e Deputado provincial. Nestas mesmas direccións discorren por ela os ríos Miño e o seu afluente o Azúmara, e tamén o río Pequeno. Na súa maior parte é unha chaira, como é de esperar por formar parte da comarca deste mesmo nome, e só se exceptúan as pequenas ondulacións que levan o nome do monte das Penelas, pena de San Miguel, montes de Oroxe e os montes de Coea.

Actualmente as súas xentes en idade de traballar dedícanse case na súa totalidade á agricultura e á gandaría. Coma   en   todos os sitios, cada vez o seu número é menor, e  o tamaño das explotacións maior. Noutros tempos houbo unha maior diversidade de profesións, aínda que algunhas se complementaban con estas. Que eu recorde había zoqueiros coma Jesús de Cainzada, Manuel de Ouzedo, Alejo de Bardián, Sindimio da Pena e Valerio de Oroxe. Ao primeiro ían polas casas facendo o calzado daquel tempo, e incluso a outras parroquias de dentro e fóra do municipio, para pasar logo a facelas nas súas casas e comercializalas nas feiras de Castro de Rei, Castro e Meira, principalmente. Tamén había carpinteiros coma Manuel de Canto, Cesáreo, ao que non era raro escoitar entonando unha canción do seu admirado Antonio Molina, Basilio de Oroxe, Rubén de Crecente, Manolo de Cainzada, Victoriano da Pena, Manuel de Tomás e Alfredo da Canteira, que facían dende un carro para as vacas e os seus distintos apeiros de labranza, ata unha porta ou ventá, así coma outros mobles; algúns deles eran ó mesmo tempo, albanel, fontaneiro, electricista... Hoxe queda un taller de carpintería rexentado pola familia de Manolo de Cainzada, e durante uns anos funcionou un de carpintería de aluminio   e outros artigos de ferro, posto por Victoriano. Moitos anos antes estivo o ferreiro de Guntín, a onde se ían crabuñar brosas, eixados, picos... ou reparar as ferramentas daqueles tempos.

Na Acea, atendido primeiro polo señor Germán, persoa xenerosa onde as houbese, e logo polo seu fillo Ignacio, funcionou e aínda funciona o Muíño da Acea, ao que acoden xentes de distintos puntos da provincia e ata de fóra dela, debido á fama que colleu pola calidade da fariña que  sae das súas peneiras. Houbo tamén o muíño de Graciano, aínda que eu nunca estiven nel. Alí tamén viviron o señor Rafael e mesmo o seu fillo Manuel, que durante moitos anos se dedicaron a curar ós distintos tipos de animais, incluso a boca da xente, o que tamén fixo o seu xenro e cuñado José.

Tamén houbo costureiras como a señora Anastasia do Cura, Remedios de Cainzada, María Josefa de Carravilar, onde no inverno case era obrigado ir de rúa para xogar á brisca e María Josefa de Xusto, algunhas, auténticas deseñadoras daqueles tempos. Non podo esquecerme do xastre señor Amador, que me fixo o primeiro traxe que tiven a sorte de gastar, e da tecedora Felicitas de Barrela, da que seguro aínda se pode atopar algunha colcha, nalgunha casa da parroquia.

No barrio de Veiga da Acea, e moi cerca unha da outra, tivemos dúas tabernas nas que había algo de todo, artigos de alimentación, ferraxería, droguería, abonos, bar, casa de comidas... atendidas unha por Modesta de Rafael e a outra pola señora Veva. Uns anos incluso houbo, xunto dunha delas, unha fábrica de chocolates e derivados, chamada “Chocolates La Gallega”. Tamén tivemos estanco na casa de Juan de Leandro en Oroxe, o señor Pepe da Acea cortáballe o pelo e afeitaba ós homes, e o seu fillo José María arranxaba zapatos e demais obxectos de coiro.

Pasado o tempo, houbo quen viu a necesidade de prestar novos servizos aos gandeiros da época, coa incorporación  de maquinaria agrícola; foron Ángel de Remedios, que antes tivera un pequeno taller de reparación de bicicletas, e Raúl de Andión, Francisco de Abelleira, Luís de Pepe, Jorge de Porto, Rafael de Carravilar e Benjamín do Ferreiro. Todo mudou cos cambios que experimentaron as explotacións gandeiras, antes dunhas poucas vacas rubias, que tanto tiraban dun carro cargado de toxos ou esterco, coma pastaban nas leiras nas que se recollera unha pouca herba seca ou se segara a colleita de trigo ou centeo. Todo isto, por suposto, aparte de dar un pouco de leite que primeiro ía para a desnatadora que atendía Sabino de Carravilar, ou posteriormente recollían polas casas cun carro de cabalo José María de Lamas, Manuel da Toña ou Secundino da Grandela. Hoxe temos moitas máis cabezas, pero de raza frisoa, que pasan o tempo estabuladas e surtindo con toneladas de leite os tanques, que baleiran en cisternas que analizan xa o produto que recollen. Todo isto requiriu dunha mellora constante das infraestruturas da parroquia, dende a rede de suministro eléctrico que na década dos 50 substituíra a luz dos gaseiros e a de carburo, polas primeiras bombillas postas nuns barrios por Peteira, e noutros por Barras Eléctricas, ata a concentración parcelaria que a partir dos anos 90 levou consigo mellorar a rede de camiños, e a roturación e transformación de parcelas. Novidade tamén foi a compra dun autobús pola familia do Doño de Coea, e logo por Pepe de Graciano, para ir ás feiras de Castro e de Meira e os martes e venres a Lugo, así como de senllos camións por José Antonio de Muinelo, Daniel de Juan, Adriano de Varela, Manolo de Eugenio, e por Pepito de Ribapena e mais Antonio de Freixido.

Aínda que pequena, a parroquia tamén tivo a sorte de contar con artistas e afeccionados á música, a Banda de Bazar. Destaca sobre todo Ángel do Cura, pintor, escultor, e restaurador dunha calidade fóra de toda dúbida, e que recoñecen todos aqueles que admiraron a súa obra, espallada por todo o país.

Polo volume e número de empregados que tivo, hai que nomear á Constructora de obra pública “Construcciones Rozas Teijeiro”, de Jesús Rozas Teijeiro, quen ademais foi Alcalde, Deputado provincial e sobre todo impulsor de servizos como a distribución de auga a domicilio, alumeado público, asfaltado de pistas...

Boa parte destas cousas non serían realidade se non fose polo labor feito nas escolas polas maestras dona Consuelo, dona Genoveva, dona Trini e outras, primeiro na Mudia na casa de Amparo do cura e na Grandela na casa de José de Enrique, e despois en Carravilar e en Oroxe. Tamén tiveron que ver os cursos impartidos no Teleclub, sobre os temas relacionados coa agricultura, mellora de cultivos e maquinaria.

Remato xa, como moitas veces, facendo referencia ás festas. Durante varios anos tiñamos as de San Antonio en xuño e a da Virxe do Socorro en setembro, ademais do Entroido. Logo quedaron só as de San Antonio e Virxe do Socorro, xuntadas en xuño, e o Entroido que deixou de facerse hai uns anos, e que contou cun pregoeiro coma o señor Avelino de Marcos, autor daqueles versos cheos de retranca e sentido poético, escritos en estrofas de catro versos, formando cuartetos, cuartetas, serventesios, redondillas, seguidillas ou outras variantes, segundo lle cadrase, e que non lle explicaran en ningunha universidade. Nelas, e mentres a idade e a saúde llo permitiron, tiráronse fogos feitos por Manuel de Carravilar, os que nalgunha ocasión tiñan problemas de subida, pero houbo sorte e nunca tivemos que lamentar accidentes persoais. Tamén é de xustiza destacar a comida da parroquia, que aínda se celebra anualmente no mes de agosto.

QUEN É QUEN:

  • Casa de Rafael da Acea: Manuel Andión Picos e familia.
  • Jesús de Cainzada: Jesús Rodríguez Teijeiro.
  • Manuel de Ouzedo: Manuel Basanta Arias.
  • Alejo de Bardián: Alejo Novo Folgueira
  • Sindimo da Pena: Sindimio Novo Rodríguez.
  • Valerio de Oroxe: Vicente Campos Rego.
  • Manuel de Canto: Manuel Teijeiro Prieto.
  • Cesáreo: Cesáreo Fernández García.
  • Basilio de Oroxe: Basilio García Veiga.
  • Rubén de Crecente: Rubén Crecente Castro.
  • Manolo de Cainzada: Manuel Rodríguez García.
  • Victoriano da Pena: Victoriano García Varela.
  • Manuel de Tomás: Manuel Teijeiro Fernández.
  • Alfredo da Canteira: Alfredo Fernández Vázquez.
  • Ferreiro de Guntín: Juan García Alonso.
  • Germán: Germán Fernández Fontela.
  • Ignacio de Germán: Ignacio Fernández Prados.
  • Graciano de Coea: Graciano Méndez Braña.
  • Rafael da Acea: Rafael Andión Veiga.
  • Manuel de Rafael: Manuel Andión Picos.
  • José de Rafael: José Campo Uz.
  • Anastasia do Cura: Anastasia Lamas Álvarez.
  • Remedios de Cainzada: Remedios García Andión.
  • María Josefa de Carravilar: María Josefa Folgueira Andión.
  • María Josefa de Xusto: María Josefa Castro García.
  • Señor Amador: José Amador Fernández Freire.
  • Felicitas de Barrela: Felicitas García Ferreiro.
  • Modesta de Rafael: Modesta Andión Picos.
  • Señora Veva: Genoveva Muinelo Rigueiro.
  • Juan de Leandro: Juan Folgueira Freire.
  • Pepe da Acea: José Veiga Rivas.
  • José María de Pepe: José María Veiga Veiga.
  • Ángel de Remedios: Ángel Andión García.
  • Raúl de Andión: Raúl Andión Vilariño.
  • Francisco de Abelleira: Francisco López Abelleira.
  • Luís de Pepe de Fernando: José Luís Barja González.
  • Jorge do Porto: Jorge Porto García.
  • Rafael de Carravilar: Rafael Folgueira García.
  • Benjamín do Ferreiro: Benjamín García Teijeiro.
  • Sabino de Carravilar: Sabino García Folgueira.
  • José María de Lamas: José María Lamas Rodríguez.
  • Manuel da Toña: Manuel López García.
  • Secundino da Grandela: Secundino Muinelo Folgueira.
  • Casa do Doño de Coea: José Muinelo Crecente.
  • Pepe de Graciano: José Méndez Pillado.
  • José Antonio de Muinelo: José Antonio Cupeiro Muinelo.
  • Daniel de Juan: Daniel García Prieto.
  • Adriano de Varela: Adriano Varela Muinelo.
  • Manolo de Eugenio: José Manuel Alonso Fernández.
  • Pepito de Ribapena: José Pillado Regueiro.
  • Antonio de Freixido: José Antonio García Díaz.
  • Amparo do Cura: Amparo Muinelo Balboa.
  • José María de Enrique: José María Rodríguez Muinelo.
  • Ángel do Cura: Ángel Lamas Muinelo.
  • Avelino de Marcos: Avelino Castro Andión.
  • Manuel de Carravilar: Manuel Folgueira Andión.

Compartir