José María Teijeiro Regueiro
Respondendo á invitación que se me fixo de colaborar para a edición dunha sinxela publicación que recollese a historia da Asociación Cultural “Ignacio Rey-Stolle”, (parroquia de Bazar, do término municipal de Castro de Rei, case no centro da comarca da Terra Chá, na provincia de Lugo), póñome a escribir unhas liñas nas que trato de recoller as miñas vivencias e recordos das distintas actividades que en materia deportiva se facían nunha parroquia dunhas 150 familias, cando máis tivo, e nos que se contan tamén as de Coea coas que compartimos, ademais da igrexa, a convivencia de familias e a escolarización de nenos e rapazas nas escolas de Carravilar e Grandela-Oroxe ata a aparición das concentracións escolares, que fan que haxa uns vínculos tan fortes entre elas como poden ser os que teñan entre si os distintos barrios que as conforman.
Empezo dicindo que teño 67 anos e por sorte sempre tiven saúde. Dende pequeno practiquei deporte e sigo practicándoo dalgún xeito. Farei un repaso non só dende que se creou a Asociación, primeiro como Teleclube de Bazar, senón dende cando eu tería uns 5 anos e estreamos a Escola de Carravilar, e con ela o noso “pequeno Maracaná”, o campo de Carravilar, no que nin tan sequera había unhas porterías fixas. Alí vimos os primeiros balóns de goma, que pouco duraban, xa que moitas veces acababan entre os toxos do pinar de Nemesio ou do Curro da Casa de Carravilar; grazas que Carlos de Rafael, xeneroso e afeccionado sen límites, inmediatamente repoñía o material. Permítaseme neste punto reflexionar sobre o aspecto de que nestes partidos participaban tamén as pequenas. Ás que recordo cunhas mellores facultades eran a Orsinia de Pino e a Ibérica das Fontes. Noutras circunstancias creo que terían destacado tanto no fútbol coma nas outras disciplinas deportivas. Nunca paraban de correr!
Outros campos nos que as gradas polo menos non eran as toxeiras eran o adro parroquial e os prados de Baixo e da Grandela, preludio do actual campo da Rixidoira. Nas inmediacións do primeiro deles constrúese o Teleclub, e tamén unha pista polideportiva a base de zahorra e aglomerado. Logo pásase ó cemento reglado e actualmente a unha deste último material pero xa pulido.
Os deportes que se practicaban naquela época non eran só o fútbol (obxecto da disputa do trofeo “Ignacio Rey-Stolle” todos os veráns, coincidindo coa estancia da familia que lle daba nome na súa casa de Coea), senon o atletismo, con probas de campo a través nas que tivemos participantes de renome coma Serafín Carballo (nos seus bos tempos) e baloncesto, no que federamos un equipo que participou uns anos en ligas provinciais, loxicamente nas últimas categorías e aínda así gañando poucos partidos. A pesares disto pasábamolo ben e aproveitábamos os desprazamentos para comer todos xuntos. Tamén se xogou ó futbol sala, organizando algúns torneos nos que chegaron a participar equipos con xente dun nivel importante.
Despois do fútbol, o que máis sona tivo, e de feito aínda perdura a día de hoxe, foi o tenis. Influídos por Javier Rey-Stolle, cando aínda non había a pista do Teleclub, eles xa tiñan xunto da súa casa de Coea unha pista de tenis. Ata alí nos levaron a uns cantos a darlle a unha bóla cunha raqueta, que ó primeiro eran de madeira e logo foron modernizandose ata as actuais. Alí nos xuntamos rapaces de Xustás, Bexán, Outeiro e Muimenta. logo xa viñeron de Lugo, Lourenzá, Mondoñedo e dalgún outro sitio no que o tenis xa tiña un certo nivel. Aínda hoxe se continúa celebrando todos os anos un torneo para os máis pequenos.
Un recordo especial para os nosos primeiros entrenadores que foron seminaristas, como os actuais cregos Jesús e Daniel, ou ex-seminaristas coma Manolo de Vila, José María de Castro e Ángel do Cura. Non terían titulación de entrenadores, pero tiñan ganas de xuntarnos e de que o pasásemos ben, deixando a un lado por uns momentos as carencias que naqueles tempos tíñamos as xentes das aldeas, e creando en nós un amor polo deporte que chega ata o día de hoxe. A partir de aí, con afección, capacidade e sacrificio, foi posible que algún de nós, coma Carlos Campo, tivese a honra de portar a antorcha olímpica ó seu paso polo Concello de Castro de Rei cando se celebraron os xogos olímpicos de Barcelona.
Remato xa pedindo perdón polos fallos, polos posibles esquecementos e polas mostras de sentimentalidade que nalgúns momentos puiden expresar.