Historia dun Teleclub e historias dunhas persoas

Historia dun Teleclub e historias dunhas persoas

Historia dun Teleclub e historias dunhas persoas

Xosé Manuel Carballo (†)

Con moito tempo de sobra pediume Luís Veiga unha colaboración para este libriño. Díxenlle que si nada forzado, senón de moi boa gana, por el mesmo, pola parroquia de Bazar e polo tema do Teleclub en si mesmo, pero, en contra do que viña sendo a miña traxectoria habitual fun demorando poñerme a escribir. Non por esquecemento, senón porque me foron vindo algunhas ideas novas e incluso algunha un chisquiño novidosa que me gustaría contrastar, pero non daba atopado tempo nin xeito de facelo. E teño que confesar que non dei contrastado.

Está fóra de toda discusión o bo uso que en Bazar se lle deu ó Teleclub desde o comezo, e como se foi acomodando ó paso do tempo e segue vivo e con boa saúde, coma un corazón novo do trinque que bombea sangue ben osixenada para toda a parroquia e os arredores.

Todo iso é froito dunha conxunción de factores positivos, mesmo exemplares, como a dedicación desinteresada e eficiente dunhas cantas persoas que me honran coa súa amizade e amigas tamén entre si, que non vou citar por medo a esquecer algunhas e porque nestes casos tamén hai persoas, sen moito brillo, que case sen que  se note, arriman o ombro e tenden a pasar desapercibidas ou tendemos a ignoralas coma se nelas o servir fose unha obriga sen valor. Non quixese esquecelas, pero por iso mesmo, por pasaren desapercibidas, non as teño presentes unha por unha no pensamento.

Pero permítaseme que destaque a unha desas persoas, da que teño dito moitas veces desde un profundo coñecemento, respecto e afecto, que non tiña moito escaparate, pero tiña en cambio un grande almacén ben surtido e ordenado con cada cousa no seu sitio. Refírome a Don Paco, ou Don Francisco Puente Guerra, o cura. Creo que son moitos os que non chegaron a facerse una idea exacta e completa da súa valía, precisamente por ser home de moitos máis pensamentos ca palabras para expresalos. Sei do grande interese que tomou pola edificación do local, por facilitar o terreo, e das viaxes que fixo para ir vendo como medraba, e de como disfrutaba e non faltaba mentres puido a nada que nel se fixese. E iso que recibira ameazas de morte, que lin eu mesmo, dun mal veciño de Bazar, a raíz de impulsar a Concentración Parcelaria. Pero Don Paco nin era medoso nin facía moito caso ós cans que ladran cando pasamos a carón deles.

Logo, tampouco quero esquecer a quen deu nome a este Centro de Cultura, don Ignacio Rey-Stolle que, por ser el home verdadeiramente culto, tamén era moi cercano e valoraba todo o que merece ser valorado e sobre todo, valoraba a todos, facendo honor a unha madura e ampla tradición familiar que apeou a tempo a condición de señores por títulos para deixar paso unicamente ó señorío que nace do corazón. Algún acto público de recoñecemento de todo o Concello ten ben merecido esta familia.

Moita xente se se lle pregunta pola finalidade dos Teleclubs responderá que eran para ver a televisión e en moitos casos reducíronse a iso.  Vendo  unha  corrida  de touros estabamos o meu gran amigo   e veciño Onésimo, militar residente en Madrid, na vella escola na que aprendéramos a ler, cando entrou outro veciño que había seis meses que tamén se fora de chófer de segunda para Madrid. Cando marchou falaba galego, pero ós seis meses entrou con este saúdo: “E que desde luego, maxo, los gallegos de toros no entendeis ná!”.

Sinto non poder transcribir o acento castizo dos chulapos de Malasaña que tan ridiculamente tratou de imitar, pero comprendo por que o fixo. Como comprendo que moitos outros veciños apeasen o galego en Hendaya e fosen aprender o castelán ó Benelux. Só hai dúas razóns: unha, tratar de demostrar que xa non eran incultos falando a lingua que lles dixeran que era de analfabetos e a outra que xa tiñan cartilla no banco e xa non eran pobres. Por iso foi tan difícil ir introducindo o galego incluso nas misas. Había moito que desbrozar antes de sementar.

Ver a televisión, sobre todo no mundo rural. Esa se dixo tamén desde a oficialidade do goberno franquista que era a principal finalidade dos Teleclubs, e así achegar máis as excelencias do réxime.

Pero cal era realmente a súa finalidade saberíao o inconmensurable, aínda que contraditorio, Don Manuel Fraga, inimigo do comunismo e ó mesmo tempo amigo de Fidel Castro, franquista e ó mesmo tempo adversario de Carrero Blanco, españolista e ó mesmo tempo galego falante coa naturalidade dun paisano de San Xurxo de Rioaveso, perspicaz e atento a cada detalle e ó mesmo tempo capaz de confundir un maniquí cun municipal e tratar de darlle a man ó pasar.

El foi o artífice deste invento dos Teleclubs. Creou o primeiro no ano 1962, ó pouco de ser nomeado Ministro de Información e Turismo con notable sorpresa de moitos. Parece que chegou a haber en territorio español uns 6.000 Teleclubs –tamén se fala de 4.000–.

Foron outros tantos lugares nos que a xente podía reunirse, falar e proxectar sen ter que pedir permisos de reunión, como era norma de obrigado cumprimento baixo pena de xuntanza ilegal se eran máis de cinco sen autorización, e sen ter que estar baixo permanente vixilancia da Garda Civil.

De Don Manuel Fraga dixéronse moitas cousas  e  aínda  non  se  dixeron  todas. O que ninguén poderá dicir con razón e argumentos é que non fose intelixente e con visión de futuro, nin tampouco que actitudes súas aperturistas non fosen o motivo de que o degradasen rebaixándoo de Ministro a Embaixador en Londres para poñer terra por medio.

Probablemente non sexa “politicamente correcto” dicir que os Teleclubs tamén tiñan a inconfesada finalidade de ir preparando a Transición ou para a transición. Se alguén considera esta afirmación “politicamente incorrecta”, ós meus anos xa non me afecta moito, porque xa vou indo afeito á “corrección” de polítiqueiros advenedizos que van cambiando de siglas ó longo do día conforme se vai movendo o sol, para poñerse sempre ó que máis quenta. Claro que os gastos das viaxes dos seus recorridos corren da nosa conta e mentres os votantes estamos a réxime os votados están a dieta. Hai diferenza, si. Comer de réxime é comer pouco. Mentres comer de dieta é comer ben.

A provincia de Lugo merece capítulo á parte dentro da historia dos Teleclubs, porque en Lugo tivemos como Asesor Provincial   a outro home contraditorio para moitos, pero consecuente consigo mesmo e co seu incondicional compromiso coa Galicia, que serra de baixo e coas súas xentes. Creo que o coñecín bastante ben, porque fixemos xuntos moitos quilómetros no mesmo coche e non poucos no mesmo pensamento. Trátase de Luís Cordeiro, que tampouco foi “politicamente correcto”, por iso tivo problemas co Gobernador Civil don Eduardo del Río, pola súa permisividade cos Teleclubs. Nun dos seus escritos deixa constancia Luís dunha chamada de atención que tivo por culpa miña e que resolveu con moita eficiencia.

Resulta que para irse preparando para o cambio e con intención de dar a coñecer distintas ideoloxías, que non tardarían en saír da clandestinidade, invitara eu a dar unha charla a un comunista como noutra ocasión tiña invitado a un falanxista. Dous Gardas Civís con quen me levaba ben chegaron, viron e informaron, pero non preguntaron, e alguén aquela mesma noite pasou aviso á superioridade, como seguramente era o seu deber. Eu nada lle dixera a Cordeiro, porque non o considerei necesario, e pola mañá do día seguinte chamouno o Señor Gobernador pra preguntarlle con cara de Gobernador Civil aldraxado, “quen era a persoa descoñecida que falara en Castro de Rei en un acto organizado por ese cura mago o meigo o lo que sea que también habla en gallego por la radio”. A resposta de Cordeiro sen inmutarse foi: “La persona desconocida que habló era yo, naturalmente. Si algunos no me conocen, no es problema mío”.

Faltoulle tempo para chamarme por teléfono ó colexio onde eu estaba dando clase e informarse de que quen viñera falar fora Anxo Guerreiro. Ceibou un taco pequeno  e sen reñerme díxome: “Avisa polo menos pra outra vez, carajo!”.

Por ser el “politicamente incorrecto” tamén lle volveron as costas algúns moi correctos á hora de írense colocando e chupando do bote.

Nalgún sitio lin que foi Asesor Rexional, pero centrouse especialmente en Lugo, e en Lugo tamén tivo o asesoramento doutro home, tampouco encasillado politicamente, que é quen máis horas dedicou e segue dedicando á promoción cultural na provincia, Xulio Xiz, funcionario daquela de Información e Turismo cun Delegado aberto, campechano e bonachón, don Joaquín Rodríguez  Toubes  Tresguerras. El non se botaba do rego, pero sabía bordear a legalidade e dado o caso facíao. Comigo fíxoo.

Por certo, Luís Cordeiro foi nomeado no seu día Presidente de Honra do Teleclub de Bazar e ben o merece, pero a iniciativa tamén honra a quen tivo a idea.

Ademais de moi intelixente era moi listo, que non é o mesmo, e foi poñendo á fronte dos Teleclubs que puido xente con gancho, aberta e con inquietudes, sen preguntarlles que pensaban de certas cousas. En non poucos casos fomos curas os que cumprimos con esta función. E non necesariamente curas considerados daquela como progresistas. Así, á fronte do Teleclub de Begonte estaba Don José, ensotanado de por vida, pero artífice do Belén desde o Teleclub. Outro grande enxendro dos Teleclubs.

Noutros casos fomos curas, mesmo algúns “fichados”, acusados de comunistas, nacionalistas, separatistas, políticos, galeguistas, demos sen cornos… coma este que escribe.

E xa que este artigo vai de historia voume despachar un pouco por unha vez. Total, non se obriga a ninguén a lelo.

San Paulo no capítulo 11 da súa Carta ós Corintios di: “Irmáns: Son tantos os que presumen de títulos humanos, que tamén eu vou presumir. Pois, se outros se dan importancia, falo disparatando, vou darma eu tamén. Que son hebreos? tamén eu; que son liñaxe de Israel? tamén eu; que son descendentes de Abrahán?, tamén eu; que serven a Cristo? vou dicir un disparate: moito máis eu”.

Pois, xa que logo, tamén eu vou dicir para barbilampiños que non teñen aínda memoria, aínda que teñan coleta, ou para barbudos que teñen memoria, pero non memoria histórica, senón histérica, que  se informen, que acaben de medrar ou de madurar e pidan audiencia para explicarlles a modo e con tempo o que fixemos algúns curas e non curas polo cambio sen vendernos a ningunha ideoloxía partidista, senón á do Evanxeo, permanecendo independentes pero non neutrais. Para ensinarlles como saían dalgunhas igrexas resumes das homilías, feitos por case analfabetos, ou como se aconsellaba a xuíces de paz como Alfonso Gesto que se apartase algo do cura se non quería ter problemas, porque o cura era  comunista. Ou como dialogaban comigo os policías da Social que tiñan orde de asistir ás miñas actuacións de maxia e facerse ver para que tivese coidadiño coa lingua. Ou para contarlles como un cacique de Meira tíñama xurada por aconsellarlle á lista que el cría de Alianza Popular arrimarse á UCD, porque na política municipal, salvo que haxa grandes conviccións, débese mirar cal é a vaca que máis leite pode dar e  a mellor maneira de muxila, idea que eu aprendera de Cordeiro. Dun lado e doutro acusóuseme de meterme en política porque fun concelleiro dous anos co irrepetible alcalde Emilio Sinde. Pampos! No Concello non facía política, senón servizo ata conseguir a Escola de Capacitación Agraria co respaldo de Emilio e de Cordeiro. A política facíaa na Igrexa sen querer facer política, e iso entendíao Sinde; porque o máis revolucionario que fixemos algúns curas foi poñer a Dios a falar en galego, para que se  sentisen  valorados  os desprezados de sempre e levantasen cabeza e deixasen de vivir  de  xeonllos.  Iso entendeuno moi ben Don Francisco Puente Guerra e bastante ben Don Jesús Muinelo e o Bispo Araújo. Outros curas nunca o quixeron entender, pero na Terra Chá, menos mal, se non se poñía a Dios a falar en galego, polo menos falábase del en galego.

Foi grande o compromiso de daquela e é grande a decepción de agora. Como dixo alguén: “Desde a clase política ofrecéronnos o cambio e quedáronse coas voltas”.

E da fala galega fixéronse donos fanáticos neoconversos que baixo capa de purificala de barbarismos, menos das obrigadas cuñas inglesas, como posts, mail, link…, estana disecando e deixándoa sen o zume dos xiros e dicires populares. E así se explica que a miña sobriña, galegofalante e amante do galego por convicción, sacase na primeira avaliación en primeiro de bacharelato en Lugo un 8 en inglés, e un 5 en galego. Claro que o galego dáballo unha profesora que non o falaba nin nas horas que lle pagábamos por falalo, como pasa con cantidade de xente na Xunta. É ben triste que quen tivo o galego territorial como a súa única lingua che diga: “Perdoe, pero eu o galego non llo sei”.

Hai clero que ten saudade do franquismo e tampouco me estraña se a liberdade conquistada se reduce a irrumpiren mulleres cos peitos ó aire en capelas universitarias dicindo que hai que queimar a Conferencia Episcopal, ou a competir no novo deporte nacional a ver quen come máis en menos tempo, ou a terlles que pagar as viaxes de ida e de volta a cataláns que din ser dunha raza superior despois de que lles fósemos axudar a iren diante no desenvolvemento que os políticos levaron para aló.

Algúns vellos Teleclubs parroquiais rurais, reconvertidos en Centros Culturais, coma o de Bazar, ou nos que naceron asociacións veciñais, seguen vivos, pero están feridos de morte, porque o rural agoniza de hora en hora e morre un pouco máis cada día. A despoboación é cada día meirande, morren os vellos e non nacen nenos e os poucos que podían facelos prefiren mirar na televisión como os fan os outros. E os poucos novos que veñen vindo nin saben de onde son nin se son de algures. A parroquia xa non lles di nada, ou dilles tan pouco que incluso se van dela os mozos o día da festa do patrón.

Por iso é tan importante que sigades en Bazar co costume de designar veciños e veciñas importantes, a ver se van importando as luciñas da beira do camiño e non se deixan deslumbrar por farolas de autovías ou lumieiras de cidade.

Non quixese rematar de xeito tan desgarrador, pero é o que se ve vir. Por atenuar o drama, penso que cabe preguntarse: Aínda se poderá cambiar? Creo que aínda si en boa parte, e, como xa dixen máis veces, para o cambio no Rural fan falta máis políticos que axuden a ben vivir ca curas pra ben morrer. Pero xa non se pode perder máis tempo. E se alguén opina doutro xeito, se cadra tamén ten razón. Sexa como sexa, graciñas por deixarme desbafar.

Compartir