Este sábado celébranse os 50 anos do Teleclub / Centro Cultural de Bazar e o centenario da igrexa parroquial

Este sábado celébranse os 50 anos do Teleclub / Centro Cultural de Bazar e o centenario da igrexa parroquial

Este sábado celébranse os 50 anos do Teleclub / Centro Cultural de Bazar e o centenario da igrexa parroquial

Ás cinco da tarde, na igrexa, celebrarase unha misa que estará presidida polo Administrador diocesano de Mondoñedo-Ferrol, Antonio José Valín Valdés, e ao final da celebración descubrirase unha placa conmemorativa da construción da igrexa polo chairego Aquilino Gil González, placa doada polos sobriños do construtor.

Ás seis da tarde, na sede do Centro Cultural, celebrarase o cumprimento do primeiro  medio século por esta senlleira entidade cultural, creada como Teleclub en 1968, transformada en Centro Cultural posteriormente, que fixo historia polo seu labor cultural e social. Será presentado o libro BAZAR, MILAGRE SOCIAL, do xornalista Xulio Xiz, editado polo Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo, que recolle estes cincuenta anos de historia, e na que colaboran  destacados especialistas entre os que compre subliñar a José Recimil Tábora (recentemente falecido), sobre Planteis de  Extensión Agraria, dos que Bazar foi punteiro, así como Xosé Manuel Carballo, crego, ilusionista e escritor, que entregou a súa achega poucos días antes do seu pasamento.

Así mesmo vai ser presentada a web www.teleclubdebazar.org, confeccionada por Galicia Digital e patrocinada polo Concello de Castro de Rei, que recolle todos os contidos do libro, coa que Bazar terá presencia activa en Internet, co aval da historia dun centro senlleiro que, despois de medio século, segue en plena actividade, sendo modelo a seguir polas entidades  que xurdan en calquera parroquia rural deste país.

E, dentro deste acto, vanse entregar os premios do certame “Hoxe é mañá”, convocado por este Centro -que leva o nome de Ignacio Rey Stolle, persoa oriúnda de Bazar que resultou decisiva para o nacemento e funcionamento do centro-, do que resultaron gañadores Antonio Cendán Fraga, Benito Ónega Quintela, Iria Pérez Piñeiro, Alejandro P. Ferreiro e Maite Cupeiro Aguiar, con traballos publicados na plataforma en Internet GaliciaDigital.

Compartir