Alfonso Blanco Torrado
Nestas semanas compartín con Anxo Lamas os seus derradeiros saloucos, mesmo escoitándolle a través do teléfono frases lapidarias: “estou nas últimas”, “que sexa o que Deus queira”, coa forza de sempre, transmitindo a paz que endexamais perdeu, nin na súa loita interminable contra o cancro. O día 2 de febreiro Xermolos tiña programada unha actividade no Centro Social “Madia Leva” de Lugo, na que íamos expor algunhas das táboas que deseñara o noso artista, e antes, á tardiña, quixen visitalo no leito da dor, no hospital... Aquel adeus alongouse porque presentimos xa a comunicación máis plena; aquel encontro converteuse nunha lumeirada. Non me sorprendeu porque Anxo era un mestre das distintas tonalidades da luz. Envolto naquela estela fulgurante encamiñeime cara o local social onde tamén ía falar de Anxo Lamas ao pé da súa obra artística, ollando aquelas táboas liberadas do esquecemento e a colza, da ruína grazas á vontade artística do creador de Bazar, sentín coma el mesmo seguía para sempre no medio de nós... e sentín unha das súas suxerencias: “Escoita o canto dos paxaros namorados/ e o bruar do aire entolecido,/o aloumiñar dun rego cantareiro e o ouveo do can morto de frío”.
Non era un día calquera, estabamos a vivir a Candeloria, a “Festa da Luz”, unha celebración con raíces na cultura celta e romana que alimentaron o espírito do noso autor. Estaba a retornar ao regazo da Nai Terra nunha festa agrícola cando as e os veciños ollan cara ao ceo implorando a primavera, xa na metade do inverno, para que abrolle nunha fervenza de vida. É un momento de transformación da natureza superado o frío inverno, e asumindo en si todas as idades da paisaxe coa que medrou .
Cos devezos máis intensos volvimos a ler no seu poemario Tebras, que estaba a acariciar nas miñas mans, os seus versos: “Quero voltar á idade de pedra, / ficar no medio das toxeiras / encher os pulmóns de aire limpo, / comer amorodos e tarrelos./ Escoitar a música do silencio, / ver as cores da escuridade”.
Despois de partillar cos ouvintes a fortuna da obra de Anxo, xa na Terra Chá fun acender unha candela ao pé da Anunciación que el agasallou á Mostra de arte e relixiosidade popular da Virxe da Luz de Bascuas, esa vela acesa coa que os meus devanceiros encomendaban aos seres queridos no paso á plenitude da vida, e escoitei á coruxa antes de entrar na vivenda na que convivo con esta e outros paxaros que Anxo foi moldeando e trazando en varios anos e que nesta data estaban a celebrar o seu emparellamento, no ”día do Amor”, porque coma di un refrán: “a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”. Xa á mañá seguinte, a luz de Anxo brillou para sempre, coma cantou no seu poema “A primavera”: ”Emborrachando de luz a quen quixera / vivir eternamente na loucura / vivir eternamente na quimera”.
E no día do enterro no que estou a suliñar estas verbas volvín a desfrutar das árbores, da auga e do seu horto de Bazar que con tanto agarimo mima para sempre o noso amigo, fogar dos seus paxariños e das frores que o envolven para sempre, nunha xornada sen fin cuberta coas falopas dunha nevarada que enfortece a brancura da candeloria. Mentres algúns interiorizabamos aquela estrofa dun poema de Anxo Lamas ”Quero beber auga do teu pozo”: “Quero beber auga do teu pozo, / quero secar as bágoas dos teus ollos, / quero cubrirte de pétalos de rosas, / quero morrer gozando do teu gozo”.
E con esta transparencia cómpre agradecer arestora a amizade que o tempo foi labrando entre a veciñanza de Bazar e Anxo Lamas, unha comunicación que honra a ambas partes e que hoxe selouse para sempre nunha alianza sen fendas. As tebras e sombras de antano son luces para sempre e mesmo nas noites máis escuras Bazar sabe que as estrelas están aí, vivas e acesas, sen esquecernos… O comunal descubrira coma o creador tiña “anxo”, emporiso foi un sementador de cordialidade, ledicia, amizade, saúde, paz... Tiña tanta enerxía positiva que foi capaz de unir o humano e o divino na súa andaina de cada día, e así nas miñas visitas ao seu obradoiro fun interpretando paseniñamente como plasmaba cos seus pinceis cun entusiasmo rebordante o misterio da Anunciación de María de Nazaré, a muller labrega con fortes raíces na súa aldea que celebramos na Candeloria... Apreciei que unha das actuacións que máis lle sorprendera foi a do Anxo Gabriel anunciando que os tempos novos xa chegaran... O Anxo de Bazar tamén veu a recrear a sinxeleza da súa aldea converténdoa nun manancial de beleza e xustiza. Sentíase feito da terra deste recanto en total comuñón con todas as criaturas, de tal xeito que espallou polo mundo enteiro o recendo das frores e as plantas, e a música dos paxariños e os ríos da paisaxe de Bazar grazas ás cores da súa pintura, ás formas das súas tallas e aos sons da súa poesía.
En cada unha das súas obras adiviñei esta dedicatoria do autor aos seus veciños:
O VOSO AMIGO
Coma vosoutros estou feito de terra,
feito de po, de lama, de follas secas;
e coma vós, cando me chegue o día,
vaidoso serei de volver a ela.
O magnetismo de Anxo puxo a este Bazar no mapa do mundo, pois milleiros das súas obras conviven en fogares e institucións de todos os continentes coa mesma familiaridade coa que el tecía todos os días estes vencellos grazas á memoria e os segredos que gardan as súas táboas, portas, ventás, trabes e cangos... transformados arestora en obras de arte. O traballo creador do artista e escritor deulle á denominación deste lugar un nivel óptimo de contidos, porén Bazar non é un establecemento de compravenda de mercadorías ofertadas ao azar, senón que é o motor que converte o patrimonio dos nosos devanceiros nun futuro de boa convivencia entre pobos, crenzas, culturas... Este sentido doméstico que inza na produción de Anxo acae para coñecer mellor as tradicións, as raíces, a historia das súas casas, a inmensidade da cultura labrega de Bazar, así o cultivo e recolleita do liño ao pé da Ponte Liñares, a paisaxe da súa Rivoira, a bulideira Emilia, ou o Pai Miño, a Chaira, Galiza... alén os mares.
O voso “Veciño de Honra” foi o que mellor deseñou e labrou o ramo de loureiro que festexa os 50 anos da Asociación Rey-Stolle, pioneira no devir cultural do noso pobo que igual ca estoutro carballo rexo que é o voso Anxo, mostrades capacidade para vencer as treboadas e atrancos da vida. No voso centro social montou a primeira exposición, convencido de que tíñades que ser vosoutras/os os primeiros en desfrutar da súa arte. Sen dúbida, que Luís Veiga é a mellor testemuña das achegas de Anxo Lamas ao voso fogar comunitario, xa que anima a vosa actividade dende os seus cimentos. Non só cos trazos plásticos, tamén cos versos. Anxo está a demostrarnos que sodes singulares, que no decorrer da vosa comunidade destináronvos unha casa e unha paisaxe dende antigo cos nomes e sobrenomes que el transmitiu, e grazas a el sabemos onde camiñades e vivides, o lugar que partillades no mundo. O Anxo escritor está a espallar o recendo e a música das mesmas palabras coas que vos nacestes ao universo coa primeira luz. As palabras coas que tece a súa ansia de beleza gardan a vosa memoria coma parroquia de Bazar para sempre.
(Lembranzas de Anxo Lamas. 4 de febreiro do 2018, “Día mundial contra o cancro”).